Nova entrega de pistas para averiguar os títulos das películas.
Un ano máis chega o Día das bibliotecas e non queremos pasalo por alto: a biblioteca no noso IES, coma noutros moitos, é un espazo vivo, onde profesorado, alumnado e persoal non docente atopa diferentes opcións acordes ás súas necesidades, apetencias ou gustos. A nosa é unha BIBLIOVIVA!!
Enchemos, ademais, os paneis de referencias a este marabilloso espazo e poñemos novamente a disposición da comunidade educativa o baúl cos LIBROS PARA VÓS, iniciativa xa clásica no noso centro, onde aproveitamos donacións para poñelas a disposición de quen queira levalas en propiedade e integralas na súa biblioteca particular.
No Día das Escritoras secundamos o lema proposto por Bibliotecas Escolares (ESCRIBIDE, COMPAÑEIRAS!) e animamos a todas as mulleres a compartir as súas creacións literarias.
Damos difusión ao legado feminino (que foi tantas veces invisibilizado ao longo da historia) a través dunha exposición nos corredores exteriores da biblioteca. O material desta mostra está centrado na obra de mulleres escritoras de diferentes nacionalidades e foi elaborado polo alumnado do centro coordinado polo equipo de Curtisbliblio.
A biblioteca do IES de Curtis acolle aos lectores e lectoras e tamén a todos os que teñan inquedanzas ou curiosidade por aprender xogando. Este espazo está á vosa disposición.