Cando se publicou Cantares Gallegos, o 17 de maio de 1863, Rosalía de Castro non imaxinaba a transcendencia que esa obra ía ter na historia da nosa literatura, nin que esa data sería recordada ano tras ano para simbolizar o recoñecemento e a necesaria valoración dunha cultura, dunha lingua e dun pobo. A institucionalización da celebración do Día das Letras Galegas abriu a porta ao coñecemento e ao recoñecemento de figuras da nosa literatura.
O ano pasado descubrimos a un autor que rompía os moldes do que se consideraba un escritor no sentido tradicional da palabra. Lois Pereiro ensinounos que a vivencia da música non está desvencellada da cultura e a poesía e que o coñecemento das tendencias que pululan polo mundo non son incompatibles coa galeguidade. Foi, sen dúbida, un autor singular.
O homenaxeado deste ano, Valentín Paz Andrade, representa a vivencia de Galicia dende múltiples e variadas facetas. O seu labor como xornalista, ensaísta, poeta, político e empresario convérteo nunha figura plural e senlleira da nosa cultura, entendida esta no sentido máis amplo da palabra. O seu traballo como empresario e a súa vinculación ao grupo Pescanova destacan especialmente que o seu compromiso non só foi teórico e intelectual. Foi moito máis alá e concebiu a súa vida ao servizo de Galicia como tarefa, insistindo no presente, no cambio, na modernización, no progreso. En palabras do escritor Manuel Rivas: "Galicia para el era unha utopía realizable".
Sirva a festa das nosas letras para que o alumnado nas aulas e tamén o resto da sociedade se achegue a persoeiros que, doutro xeito, pasarían sen o impresindíbel recoñecemento do seu labor en prol da nosa cultura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario