Con este suxestivo título evocador dun tempo pasado e do medio rural , chéganos a nova obra de Xosé Neira Vilas que conta a historia dun campesiño de dezanove anos que deixa a aldea para embarcar rumbo a Bos Aires. Perde o coche de liña porque a despedida da familia resultou máis longa do previsto, e, tras andar sete quilómetros a pé, atópase no Empalme, unha encrucillada de camiños, esperando o leiteiro para que o leve.
O protagonista, mentres agarda, recorda o seu pasado. Lémbrase da casa pobre na que naceu, das historias da súa avoa, das explicacións que o seu avó lle deu sobre todo o relacionado co mundo rural, da relación que tivo cos seus irmáns pequenos e os seus amigos, dos seus amoríos con Aurora, dos seus medos, das súas ilusións... Pero xa tomou a decisión de emigrar a Bos Aires e non pensa recuar, ten que loitar.
Agardamos poder contar en breve na nosa biblioteca con esta obra de Xosé Neira Vilas. Entrementres, se queredes saber máis sobre o autor de Memorias dun neno labrego e sobre a súa propia experiencia na emigración, podedes ler a entrevista publicada en Galiciaé.
Ningún comentario:
Publicar un comentario