A escritora Andrea Maceiras visitou o noso centro para falarnos sobre unha obra que lemos ao longo do primeiro trimestre deste curso: O segredo do lagarto arnal.
Comezamos o encontro cunha breve presentación realizada por tres alumnos sobre a autora e as súas obras. A continuación, Andrea Maceiras falounos da súa novela, dos personaxes, da historia... Unha parte moi interesante da charla foi cando xurdiu a temática do acoso, aspecto este moi destacable no libro que a escritora comentou dándolle especial importancia. Fíxonos reflexionar sobre este tema poñendo exemplos moi próximos a nós (Os Simpsons).
Despois respondeu ás nosas preguntas. Estas foron moi variadas: algunhas sobre a obra en cuestión e outras relacionadas co seu traballo como escritora. Contounos que comezou a escribir cando tiña a nosa idade e animounos a presentar os nosos traballos a concursos literarios. Tamén nos comentou cales eran as súas lecturas preferidas e a importancia que tiñan a lectura e a escritura na súa vida.
Finalmente, Andrea visitou a nosa biblioteca e alí concedeunos unha entrevista que publicaremos no blog en breve.
Ningún comentario:
Publicar un comentario