A finais do ano 2016 a IUPAC (International Union of Pure and Applied Chemistry)
publicou a táboa periódica cos 118 elementos químicos con nomes e
símbolos aceptados. Os novos elementos incorporados foron o nihonio (Nh,
Z = 113), o moscovio (Mc, Z = 115), o ténnesso (Ts, Z = 117) e o
oganesson (Og, Z = 118). Os nomes propostos derivan, respectivamente de Nihon,
un dos termos cos que se denomina Xapón, sede do instituto Riken no que
se desenvolve investigación nos elementos transuránidos; de Moscova, rexión rusa onde ten sede o instituto JINR de Dubna; de Tennesse, estado norteamericano onde teñen tamén sede distintos centros de investigación nuclear, e de Oganessian,
científico ruso que dirixiu o laboratorio de Dubna onde se detectaron
varios destes novos elementos. O grupo de innovación docente CienciaNOSA acaba de publicar a nova versión en galego da Táboa Periódica dos Elementos, que se pode descargar na páxina da RSEQ.
Trátase dun traballo dos docentes Manuel R. Bermejo, Marcelino Maneiro e
Ana M. González-Noya, que recolle estes novos elementos así como outras
recomendacións recentes da IUPAC, como é o uso de lantanoides e
actinoides en lugar de lantánidos e actínidos. Dende o grupo CienciaNOSA
queremos agradecer o asesoramento lingüístico por parte de Xusto A.
Rodríguez, responsábel da área de Terminoloxía da USC, e do profesor
Manuel González, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro.
Vía CienciaNOSA
Ningún comentario:
Publicar un comentario