O
pasado 1 de abril celebrouse a terceira edición do Día das Artes
Galegas. O primeiro ano estivo dedicado ao Mestre Mateo e o segundo a
Castelao. Nesta ocasión, Maruxa Mallo, unha das pintoras galegas
máis recoñecida a nivel internacional pero case unha descoñecida
na nosa terra, foi a artista escollida para renderlle homenaxe.
Ana
María Gómez González, máis coñecida como Maruxa Mallo, naceu no
ano 1902 en Viveiro. O seu pai era funcionario de aduanas e este
feito fixo que a residencia familiar se fixase en varias provincias
españolas, ata a definitiva instalación en Madrid en 1922. Anos
máis tarde, ingresa na Academia de Belas Artes e comeza a
relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na
escena española, e que conformarían a chamada Xeración
do 27. Alí coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha
Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de
Estudiantes, onde estreita lazos de amizade con
Federico García Lorca, Luís Buñuel e, en especial, con
Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa.
Dedicarase á pintura, xa definida como a súa vocación, combinándoa
coa ilustración de portadas de libros e colaboracións en
revistas como La Gaceta Literaria ou Revista de Occidente. Grazas a
unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos, en 1932, viaxa a
París, onde entra en contacto co surrealismo a través de artistas
como René Magritte, Joan Miró ou Giorgio de Chirico. Alí expón a
súa obra e recibe o recoñecemento de André Bretón e do propio
Picasso. O golpe de estado de 1936 sorpréndea en Galicia e vese
obrigada a refuxiarse na casa dun familiar, onde permanece agochada
varios meses. O seu compromiso coa causa republicana faille temer a
posibilidade de ser vítima da represión. En 1937 consegue
trasladarse a Portugal e, dende alí, viaxar a América.
Os anos do exilio vividos na Arxentina e nos Estados Unidos marcan a
vida e, por extensión, a súa obra: a maioría dos rostros que
adoitaba debuxar aparecen carentes de expresión. No ano 1960
decide regresar a España, onde transcorren os últimos anos da súa
vida. O seu falecemento prodúcese no ano 1995 en Madrid, deixando a
pegada dunha artista surrealista a nivel universal.
Maruxa
Mallo foi unha autora feminista e de ideas adiantadas ao seu tempo.
“Non fago máis que copiar a realidade”, indicaba a propia
artista, quen facía fincapé na idea de que pintar é tentar
retratar o que se observa. Mais a súa creatividade non ficaba
relegada ao seu traballo, senón que ela mesma semellaba ser unha
personaxe extraída das súas propias obras: a pintura na cara, a
vestimenta, a orixinalidade... Foi, sen dúbida, unha figura avanzada
para a época que lle tocou vivir. Unha muller libre e con grande
personalidade que soubo abrirse camiño nun mundo onde os homes eran
os que se estaban presentes nos libros, nos museos e nos
recoñecementos artísticos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario