24/10/17

DÍA DA BIBLIOTECA



O 24 de Outubro é recoñecido como o Día da Biblioteca desde  o ano 1997 cando comezou  a celebrarse  a proposta da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil. Secundada  posteriormente esta iniciativa polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o  Día da Biblioteca celébrase actualmente en todo o estado. Esta conmemoración permite dar visibilidade a todas e cada unha das bibliotecas que abren as súas portas día a día para acoller ás persoas en procura de lectura e de coñecemento, pero tamén de lugares nos que compartir  proveitosas experiencias, pensar e traballar colectivamente en proxectos diversos.

                No equipo de Curtisbiblio queremos sumarnos a esta celebración coa elaboración dunha pequena exposición de recomendacións lectoras da que daremos conta en breve. Entrementres recollemos  unhas palabras do  Manifesto da Unesco en favor das bibliotecas públicas que resumen a nosa concepción do sentido deste espazo e do traballo que a diario desenvolvemos nel: 

A biblioteca pública, paso obrigado do coñecemento, constitúe un requisito básico da educación permanente, das decisións autónomas e do progreso cultural da persoa e os grupos sociais.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas