Nesta segunda semana que xa remata tivemos a sorte de poder abrirlle as portas da nosa biblioteca á novelista vasca Marisol Ortiz de Zárate, quen nos contou como entrou no mundo da literatura, como se fixo escritora e de onde arrincan os motivos que inspiran algunhas das súas narracións.
O alumnado de 1º de ESO e os membros do club de lectura de 2º de ESO, todos eles coñecedores de obras súas (
Las lágrimas de la matrioska, La canción de Shao Li, Rebelión en Verne, Cantan los gallos...), escoitaron de primeira man como esta autora se namorou pouco a pouco da literatura ata atreverse a crear ele mesma as súas ficcións. Incidiu en que antes de ser escritora foi unha gran lectora: este gusto pola lectura naceu ó carón da apertura dunha biblioteca preto da súa casa. Esta ansia por ler levouna a coñecer máis e máis historias, que, sen dúbida, están moitas veces, detrás da súa faceta creadora (pensemos na novela
Rebelión en Verne, onde fai un recorrido polas obras do autor francés).

Respondeu a numerosas preguntas dos rapaces sobre as obras que tiveron oportunidade de ler neste trimestre. Soubemos que o seu gusto por presentar parellas de irmáns como protagonistas das súas obras nace dos fortes lazos fraternais na súa familia: son oito irmáns cunha moi boa relación. Tamén o tema do irmán que se perde ten unha orixe autobiográfica: cando era pequena os pais levávanos moitas veces de viaxe para coñecer distintos lugares de España e, como eran tantos, ela tiña medo de que se perdera algún dos rapaces; ese temor infantil é a causa de que algún dos protagonistas desapareza momentaneamente.
Como viaxa con certa frecuencia, esas viaxes e o que observa nelas sérvenlle a miúdo como fonte de inspiración: agora entendemos por que La Canción de Shao Li está ambientada en Londres e Las lágrimas de la matrioska en Kiev...
Esta "contadora de historias" -é como ela se define- e gran lectora da inmensa obra de J. Verne recomendou ao seu público xuvenil a obra Hoyos, de Louis Sachar, escritor no que se inspira con frecuencia á hora de crear novas ficcións.
Desde aquí dámoslle as grazas por compartir con nós as claves do seu oficio e dos seus atractivos mundos de ficción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario