O pasado luns 14 de
maio, os alumnos do IES de Curtis de 3º e 4º da ESO asistimos a unha representación teatral baseada no libro Anagnórise, escrito por María Victoria
Moreno, a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Tres profesoras
deste centro acompañáronnos ó Auditorio de Galicia, situado á
carón da Facultade de Xornalismo en Santiago de Compostela. Despois de dar unha volta polo parque que
rodea ao Auditorio entramos ao teatro. Alí, xunto con rapaces e rapazas doutros
centros, puidemos contemplar a posta en escena de dous actores da compañía Limiar
Teatro que nos ofreceron un “show” moi orixinal e innovador.
O que máis nos
sorprendeu do escenario foi a ambientación. Esta consistía nun teito e unha
porta dun coche, ao lado do cal había dous homes, un deles cunha ridícula perruca. Os dous actores
explicaron ao principio que querían facer unha posta en escena entretida, polo que acompañaron a actuación
coa interpretación de diversas obras musicais cunha guitarra e un
piano. Unha das escollidas foi a famosa banda sonora da película Titanic. Ademais fixeron un resumo do argumento e realizaron
unha especie de concurso de preguntas e respostas entre eles mesturadas con moitas
bromas. Aínda que puidese parecer que a actuación non tiña moito que ver co
libro, a verdade é que non foi así, xa que explicaron detalles importantes sobre a obra,
analizando o contido formal e as diferentes sensacións que a autora quería
transmitir.
Ao final da obra comentamos que tiñamos unhas expectativas un pouco limitadas sobre a actividade
(pensamos que ía parecernos un pouco aburrida e seria), pero resultou ser todo o contrario: foi unha interpretación da novela cómica e moi divertida. A maioría estivemos de acordo en definila como graciosa, orixinal e entretida.
Nadia Fernández, Ainhoa Quintela, Yaiza Grandío e Juan Conde
Ningún comentario:
Publicar un comentario