O 21 de febreiro é o Día da lingua materna, proclamado pola Unesco hai 16 anos para reivindicar a diversidade lingüística e o dereito á lingua propia. Escolleuse a data por coincidir co día en que unha multitude de falantes bengalís foi tiroteada pola policía paquistaní, cando se manifestaban pacificamente polos seus dereitos lingüísticos. Lingua materna foi a nomenclatura oficial elixida para este Día internacional e trátase dun termo estendido na maioría das linguas occidentais –mother tongue, langue maternelle, lengua materna, llegua matter, ama-hizkuntza, Muttersprache etc. –, desde hai máis de 500 anos (hai documentación do termo langue maternelle no século XIV). Non obstante, é unha denominación que está sendo substituída por expresións como lingua inicial ou lingua primeira, xa que os expertos entenden que “lingua materna” pode ter connotacións sexistas ao lle atribuír o papel exclusivo da transmisión lingüística á nai e tamén porque pode resultar ambiguo en sociedades plurilingües.
A lingua inicial ou materna é aquela á que o individuo está exposto desde o nacemento, a lingua que primeiro adquire, habitualmente no seo da familia. A súa característica máis salientable é que se aprende espontaneamente na interacción cotiá, a través da conversa.Nas dúas últimas décadas, a porcentaxe de monolingües iniciais en galego descendeu máis de vinte puntos porcentuais, en tanto que aumentou o número de bilingües e monolingües en castelán.
Fonte: O Portal das palabras
Dende Curtisbiblio queremos lembrar esta importante data e reflexionar sobre o feito de que hoxe máis ca nunca o futuro da nosa lingua depende de nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario