Recollemos deseguido algunhas das nosas impresións sobre a conferencia
de Iñaki Zubizarreta:
Nas súas palabras e na súa expresión notábase que sufriu
moito no pasado. Aprendín que as bromas poden ser perigosas, hai que paralas e
non quedar en silencio.
Xabier Cartón 1º ESO
O acoso é unha realidade e é algo moi grave. A súa historia
foi conmovedora e ensinounos como frear esta situación; pois, por
desgraza, isto sucede a diario.
Alexandra Sousa 1º ESO
A charla estivo moi ben explicada e serviunos para reflexionar
sobre as situacións que poden estar sufrindo algunhas persoas e aprender a poñerse no lugar dos outros. Hai
que tratar aos demais como nos gustaría que nos tratasen a nós.
Laura
García 1º ESO
Foi unha charla impresionante e tremendamente emocionante.
Fíxonos reflexionar sobre as tremendas consecuencias que pode ter para unha
persoa vivir unha experiencia así. Non podemos entender como alguén pode ser
tan cruel e facerlle un dano tan terrible a outra persoa. Tampouco comprendemos
a actitude da profesora, que non fixo nada para axudalo e incluso axudou a empeorar
a situación. O que máis claro nos quedou foi que se vemos ou sufrimos algún tipo de acoso, hai que
avisar a un adulto..
Club de lectura de 2º ESO
Nunca pensei que alguén puidese chegar a eses extremos. Cando
escoitas a Iñaki contándoo en primeira persoa decátaste do sufrimento tan
grande que viviu.
Noa
Seone 2º ESO
Foinos narrando paso a paso o acoso que tivo que soportar dun xeito moi ben artellado. Isto conseguiu que nos
puxésemos no seu lugar e nos emocionásemos moito.
Teresa Conde 2º ESO
Impresionoume moito cando contou como lle meteron a cabeza no
retrete para obrigalo a comer os excrementos dun dos acosadores. Pareceume
horrible e quedei conmocionado o resto do día.
Julián Pérez (3º ESO)
Un exemplo de superación persoal e resistencia para moitos
nenos e adolescentes que o pasaron moi mal ou aínda o seguen
pasando.
Julián Merelas (3º ESO)
O que máis me impactou foi cando contou que o tempo que pasou
fronte o acantilado se lle fixo eterno. A charla serviume para decatarme de que
non pode haber silencio ante cousas tan terribles como as que lle facían .
Aitor Roca (3º ESO)
Iñaki contounos os efectos que deixa nas vítimas que sofren ou sufriron acoso e tamén nos transmitiu como a rabia e a ira puideron entrar nel anos máis tarde dos acontecementos.
Ánxela Roca (4º ESO )
A rabia contida e a ira constante fixo que planease agredir e deixar á súa profesora por telo sometido a constantes humillacións en público. Acabou desbotando a idea e decatándose de que non ía arranxar nada dese xeito. O Iñaki actual é completamente diferente: xa non está dominado pola ira e as persoas que llo fixeron pasar tan mal xa non ocupan nin un oco nos seus pensamentos.
Nuno Couso (4º ESO)
Foi incrible a forma na que nos transportou á súa realidade, facéndonos sentir parte dela e emocionándonos de maneira incrible. Cando saín da charla de Iñaki sentinme diferente. Non teño palabras para expresalo. Foi, sen dúbida, a mellor charla á que asistín na miña vida. Penso que todo o mundo debería ler Subnormal e gustaríame moito poder coñecelo de maneira presencial.
Ariadna Fernández (4º ESO)
Rematamos dándolle as
grazas a Iñaki polo seu libro e por compartir a súa historia con nós e facer que nos decatásemos
de que o acoso é algo moi grave que temos
que parar entre todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario