31/03/25

QUE GRAN AGASALLO CONTARMOS COA AF ATURUXO!

Este derradeiro venres de marzo,  o salón de actos do noso IES de Curtis abriu as portas á Asociación Folclórica  Aturuxo, representada por seis dos seus integrantes, entre os que se atopaba Begoña Iglesias, antiga profesora do noso centro, inesquecible coordinadora da biblioteca entre 2009 e 2017 e piar decisivo na organización desta actividade.



O grupo rendeu unha fermosa homenaxe ás Pandereteiras de Mens, figuras máis que relevantes no Día das Letras Galegas deste ano 2025, adicado ás nosas Cantareiras, mulleres de pro, que tanto fixeron pola conservación e difusión do noso folclore nun contexto socio-cultural no que non era tarefa sinxela.   




Ademais da información que nos proporcionaron sobre a vida e labor musical destas mulleres,  agasalláronnos coa música das súas  pandeiretas e coas danzas que teñen levado por tantos lugares da xeografía galega, nacional e estranxeira. E mesmo convidaron a varios alumnos do centro a participar nunha das pezas, tal como se pode ver no seguinte vídeo, publicado por esta asociación. 




Día marabilloso e para gardar no recordo. Grazas, Aturuxo! Grazas, Begoña! 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas