Hoxe recomendámosvos a lectura do último libro de Agustín Fernández Paz: As fronteiras do medo , recentemente incorporado aos fondos da nosa biblioteca. Con este título tan suxestivo e apropiado para estes días de Samaín, a temática dos seis contos que o integran é doadamente deducible. Velaí un fragmento dun dos relatos que leva por título A Porta do Alén:
Debe saber que no mundo hai determinados lugares, case sempre de carácter sagrado, que albergan as Portas do Alén. Reciben ese nome por seren as que comunican o mundo dos humanos co dos espíritos superiores, que son inmortais de seu. Deuses, demos e outros seres do trasmundo utilízanas para introducirse no noso e influír na evolución da humanidade. Mais estas portas só abren unha noite do ano, a do último día de outubro, cando comeza o ciclo anual en moitas civilizacións antigas.
Se unha persoa consegue entrar por algunha das Portas no momento en que abre e logra permanecer do outro lado durante un curto período de tempo, acadará a condición de inmortal. Mais corre un perigo terrible, como é o quedar atrapado no Alén, condenado a ser escravo de certas criaturas que alí viven. Por iso debe regresar antes de que a porta se cerre de novo, coa certeza de que volverá transmutada nunha persoa inmortal. (Fernández Paz, As fronteiras do medo, páx. 36)
A lectura de As fronteiras do medo e o misterio da Porta do Alén agárdanvos. Quen se atreve a seguir lendo?
Ningún comentario:
Publicar un comentario