O pasado 27 de xaneiro o departamento de Lingua Galega organizou unha saída a Santiago de Compostela para o alumnado de segundo ciclo da ESO.
Acompañados por catro profesoras, asistimos a unha representación a cargo da compañía de teatro Thalía. A obra, Bicos con lingua, era unha reflexión en clave de humor sobre a realidade do galego. Presentaron diferentes situacións da vida cotiá nas que deixamos de falar a nosa lingua cando cremos que non ten o suficiente prestixio para tratar co noso interlocutor, por pensar que o castelán é máis fino ou para parecer máis cultos. O obxectivo da obra é facernos reflexionar sobre a riqueza da nosa cultura e o fermoso léxico que posúe a nosa lingua e que recolle, basicamente, a nosa identidade.
Logo de saír do teatro, desprazámonos á Cidade da Cultura. Alí puidemos contemplar unha interesante exposición, Cinegalicia25 que conmemora o vinte e cinco aniversario da estrea das consideradas como as tres primeiras longametraxes de ficción galega: Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Continental de Xavier Villaverde e Urxa de Carlos A.L. Piñeiro e Alfredo García Pinal. Explicáronnos a traxectoria da televisión e do cinema nos últimos vinte e cinco anos como parte da nosa cultura. Ademais das longametraxes mencionadas atopamos paneis audiovisuais sobre A lingua das bolboretas, Pradolongo. O Apóstolo…Tamén tivemos a oportunidade de acceder a información sobre series televisivas como Pratos
combinados, Matalobos ou O Faro, entre moitas outras. A algúns ata nos deu tempo a fotografarnos cos famosos…
combinados, Matalobos ou O Faro, entre moitas outras. A algúns ata nos deu tempo a fotografarnos cos famosos…
Brenda Pérez Rodríguez 4º ESO B
Ningún comentario:
Publicar un comentario