O pasado xoves celebramos a graduación do alumnado de Ciclos e Bacharelato. Foi unha fermosa cerimonia na que os profesores compartimos coas familias a emoción de ver como unha nova promoción estaba lista para comezar a voar.
Reproducimos o discurso pronunciado por Alicia Seoane Freire, alumna de 2º de Bacharelato, que nos emocionou coa beleza das súas palabras.
Moi boas tardes a todos e a todas:
compañeiros, profesores, familias e amigos, autoridades e demais persoas que
nos acompañan.
Se
estamos hoxe aquí é porque unha boa parte de nós deixamos atrás unha longa
traxectoria xuntos, non só educativa, senón tamén vital, inda que nesta última
vaiamos continuar xuntos, a maioría de nós. Moitos levamos como compañeiros
dende hai case 15 anos. Outros non tivemos a fortuna de coñecer os que agora
son amigos ata que chegamos a este centro. Todos nós formamos parte dun día a
día común no que compartimos centos de experiencias, miles de anécdotas,
millóns de risas… Formamos parte dunha xeración, formamos un grupo que cando
máis ou cando menos, permanecemos unidos e fomos bos compañeiros. E tampouco
podemos hoxe esquecer a todos os amigos e amigas cos que algún día compartimos
aula e que, por un motivou ou outro, non seguen agora tan ao noso carón.
Agora
chegou o momento dun gran cambio. Comezaremos os estudos de grao ou de
formación profesional, continuaremos a preparación cara a vida laboral e cara a
experiencia vital en xeral. A maioría emprenderemos o reto de vivir sen nosos
pais, nosos irmáns e irmás, avós e demais parentes cos que adoitabamos compartir
teito; e se ben temos ganas, todo terá lugar nun mundo no que tan só seremos un
ou unha máis, un número na clase, un camiñante na rúa. Non sabe un o que ten
ata que o perde, din. Por iso, grazas, agora que inda estamos a tempo, no meu
nome e de seguro que no de todos: alumnado e familias, a vós, profes que nos
guiastes ao longo dos cursos e dos anos, por inducirnos a curiosidade, abrirnos
as mentes e conseguir o noso interese. A aqueles que nos vistes medrar dende a
nosa chegada aquí, como verdadeiros ananos, ata o día de hoxe, algo máis altos,
incluso un pouco máis maduros, se podería dicir. Por loitar porque saísemos
adiante e adquirísemos coñecementos. Dicía Einstein que a mente humana, sen
importar o adestrada que estea, non pode abarcar o universo, que estamos na
posición do neno pequeno que entra a unha inmensa biblioteca con centos de
libros en diferentes linguas. Vós fostes, principalmente, quen nos destes as
primeiras ferramentas para descifrar eses libros e tamén quen nolas ensinou a
empregar. Agora comeza todo.
E
entre ese profesorado, os máis sinceros agradecementos a todos os que, ao longo
dos últimos meses, traballaron ao noso lado, sacando tempo de onde non o hai,
angustiándose tanto ou máis ca nós. Persoalmente gustaríame facer especial
mención daquelas profesoras (si, profesoras, que todas son mulleres, no meu
caso), que contestaron correos os domingos, que quedaron tardes con nós…
preocupándose polo noso futuro. Ademais, a todos eles, pedirlles perdón por
posibles (ou seguras) malas contestacións ou actitudes. Tamén vós sabedes a
presión á que estabamos sometidos, inda que ás veces non o xustifique.
Por
outra parte, quero facer alusión ao equipo de Dirección e a Eva, a nosa
orientadora -grazas por todo-, así como ao colectivo encargado de levar a cabo
concursos, certames, xornadas especiais, a nosa prezada Semana Cultural… E
destaco aquí ao Equipo de Normalización Lingüística, ao Equipo de Biblioteca e
como non, a Reme, a nosa profe de música.
Así mesmo, grazas a todos os que nos
levastes a diversas excursións (neve, Madrid, Italia, Bruxelas, Berlín,
proximamente...) e ás nosas titoras, grandes compañeiras de viaxe.
Ademais, requiren tamén os nosos
agradecementos persoas como son Cris e Fina, o persoal da limpeza e os
conserxes. Porque inda que non dende a aula, son piares da nosa comodidade aquí
que facilitan o día a día.
Pero
os maiores agradecementos merecédelos vós, familia e amigos. Grazas a todos os
que dende as nosas casas e mesmo dende o propio centro, nunca lle cortastes as
ás á nosa imaxinación ou aos nosos soños, e os deixastes voar incluso máis alá
do que sabedes que será posible e real. Porque iso é o que nos mantén con
esperanza e ganas de loitar polos nosos obxectivos. É o que nos evita
contemplar os obstáculos, esas cousas espantosas que un ve cando aparta os
ollos das súas metas. E aos nosos pais, en particular aos meus, dicirlles que
saiban que somos quen somos por ser vosos fillos.
Ademais
de aprendizaxe, o noso último ano aquí supuxo unha dura batalla polos nosos obxectivos,
dificultada ás veces por adversidades evitables que debemos afrontar. En
primeiro lugar, desexaría amosar a miña discrepancia co actual sistema
educativo, mediante o que é máis valorada a adquisición de información illada
que a aprendizaxe interdisciplinaria, e por mor do cal pelexamos por unha nota
e non somos movidos polo que deberiamos, o coñecemento. E aproveito agora para
facer o último agradecemento, este un pouco diferente, a todos os que
comodamente e dende despachos traballaron tan duro para conseguir manternos coa
intriga de como serían as nosas probas ata o final. Grazas, de verdade.
Centrámonos
tanto no que sería de nós, no que faríamos ao rematar… centrámonos tanto no
futuro, que ás veces esquecemos que a vida non debera ser entendida como un
paseo cara a ningún destino, senón que é o noso propio destino. Seguindo o
consello que un día me deron, invítovos a vivir no presente e non no futuro, e
a gozar cada momento das nosas experiencias vindeiras.
Nós
somos sabios, e os individuos dotados desa calidade non atopan as
oportunidades, senón que as constrúen. Todos agardamos que o noso futuro se
achegue o máximo posible, grazas ao noso esforzo, ao máis ou menos planificado
por cada un, mais non sempre remata sendo así. É imposible vivir sen fracasar
en algo. Tan só non debemos deixar de pensar en quen nos gustaría ser nun
futuro, marcarnos un obxectivo, e logo, soamente procurar conseguilo, sopesando
pros e contras dos nosos feitos cando consideramos estar poñendo en risco o
feito de cumprir co que nós mesmo nos propuxemos. Ao fin e ao cabo, ser feliz
non se trata de moito máis que de sentirnos realizados, e se cremos nese futuro
é porque dalgún modo, xa existe.
Remitíndome ás palabras de Larry Page, creador de Google sei que parece que o mundo se está botando a perder aí fóra, pero é realmente un gran momento nas nosas vidas para volvernos tolos, seguir a nosa curiosidade e ser ambiciosos. Nunca abandonedes os vosos soños. O mundo precísanos a todos!
Grazas.
Alicia Seoane Freire
06/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario