Víctor Freixanes visitounos o pasado
luns. Dicir que os mozos e mozas de 1º de bacharelato estivemos encantados de
falar con el, sería quedar moi curtos, porque foi magnífico podelo escoitar de
primeira man. Este é o meu quinto ano no centro, e levo asistido ás visitas de
moitos autores, mais, sen desmerecer a ninguén, Freixanes sobresaíu entre todos
eles. É un excelente comunicador que seduce coa palabra e foi quen de manter a
nosa atención durante todo o encontro.
Cabalo
de ouros, a obra de lectura da pasada avaliación, non é unha obra sinxela,
como el atinou a dicir, e ben é certo que nun primeiro momento a súa lectura nos
resultou un tanto complicada (a algúns) pero, iso si... á maioría acabou por
engaiolarnos!
Con Freixanes tivemos a oportunidade
de afondar un pouco máis na obra e de coñecer aspectos seus que nin imaxinabamos.
Soubemos que boa parte da historia que conta, aínda que novelada, ten que ver
coa realidade. A posguerra silenciosa, ese medo a falar, a recordar o vivido,
era real. Igual ca moitos dos personaxes
-como o cura de Boullón- que estaban inspirados nas xentes de Pontevedra. Contounos
tamén que nun principio só tiña pensado escribir sobre a partida de cartas
–habitual no momento- e que despois intercalou esoutras historias, e mesmo nos
fixo partícipes do pracer que lle supuxera escribir o epílogo, o empoderamento!
Fora durante unha viaxe a México, quedara na habitación do hotel e sentara
diante do ordenador para darlle voz a aquelas dúas mulleres. Disque parecía que falasen soas, e disque foi
aí cando se decatou de que a verdadeira historia da novela a escribira naquelas
derradeiras páxinas.
Unha obra próxima a nós, unha obra de
aquí, da terra, onde Freixanes tratou de nos devolver aos mundos da posguerra a
través dun léxico enxebre que destaca na narración, e que podemos recoñecer con
familiaridade na fala dos avós (así o quería el).
Pero non só iso, a sesión deu para
moito! Achegounos un pouco á súa vida. Sorprendeunos saber que os tíos do
narrador son, en realidade, os tíos do propio Freixanes, represaliados na
posguerra, e aos que el lles quixo render unha homenaxe restituíndolles a
memoria. Este feito dificultou o seu acceso a unha bolsa de estudos
universitarios, xa que non se lle concedía a estudantes con aqueles
“antecedentes” familiares. Falounos do seu traballo na radio e de profesor, e
do seu amor polas palabras: para el sono todo.
Con
todo, se eu tivese que destacar algo da sesión, quedaría coa proximidade
e o cariño co que nos tratou, que falan moito da súa valía e sitúan o escritor
por riba da súa obra.
Gustounos moito terte entre nós.
Vento nas velas, presidente!
Lucía
Pérez López, 1º bacharelato B
Ningún comentario:
Publicar un comentario