Anágnorise é a historia dunha viaxe. Unha viaxe en
coche desde as Rías Baixas ata Madrid vai provocar unha serie de cambios na
forma de vivir e de pensar de Nicolau Arís, todos eles grazas á muller que o
recolleu cando este estaba facendo autostop. Ela mostraralle unha nova maneira
de ver as mulleres, a súa vida e os textos que el mesmo escribe. Cando chegan
ao seu destino, os camiños de ambos sepáranse e o rapaz queda cuns amigos nunha
vivenda de reducidas dimensións onde entrega a carga que levaba consigo: hachís.
Pero rapidamente satúrase do ambiente e da convivencia cuns ionquis e vai ó
hotel onde se hospedaba a muller que o levou no coche. Alí cóntanlle que ela morrera
nun accidente de coche en Granada, motivo polo cal volve a Galiza para ir ao
enterro. Alí sofre unha anagnórise: descobre que Natalia (a rapaza da que
estaba namorada e coa que estaba enfadado por culpa dun dos seus
"amigos", Marcos Piñeiro, quen lle dixera que ela lle fora infiel con el) era a filla da muller
que o acompañou na súa viaxe. Os dous mozos fan as paces ante a tumba da nai
dela. Nun emotivo momento Nicolau di: "Natalia
e máis eu, por primeira vez na nosa vida, estabamos no mesmo mundo. Chorabamos
pola mesma razón, recordabamos un mesmo pasado e sentiamos onda nós a presenza
da mesma persoa. Natalia e mais eu, por primeira vez na nosa vida, estabamos no
mesmo mundo e os nosos corpos aboiaban no orballo que cheiraba a silveiras
florecidas".
Anágnorise non é unha novela que se
poida pasar por alto. A beleza da escolla léxica, as preciosas frases que María
Victoria Moreno escribe poden emocionar a calquera. Cada parágrafo é como unha
pequena obra de arte: busca a perfección léxica e narrativa. O argumento da
novela é orixinal e sen estereotipos. A historia é emotiva e profunda. Trata
moitísimos temas: o amor, a morte, o loito, o sufrimento, a traizón, o
machismo, a homofobia, a droga, etc. As referencias que fai a autora ó longo da
novela parecéronme fermosas e están moi
ben escollidas. Destaco especialmente a do mito dos andróxenos e a canción de
Bowie que acompaña a Nicolau e Xulia na viaxe. Esta é unha das cancións que máis me gustan deste cantante (sobre todo pola versión que
fixo Nirvana no seu disco MTV Unplugged). Sen dúbida, este é un libro que
recomendaría a calquera que pense que unha boa novela non é só unha boa
historia, senón aquela que busca ser o máis poética posible.
Para rematar esta recensión, deixo aquí a parte da novela que máis me gustou:
"-E eu falaba de que hai horas do día nas que todo se transfigura porque as cordas do sentimento se tensan de maneira especial. Son estes momentos de tránsito...
-¿E por que pasa iso?
-Supoño que será porque somos parte do universo e vivimos encadeados ao seu
acontecer."
Fátima Ramos
Ningún comentario:
Publicar un comentario