Incluída na lista representativa do patrimonio inmaterial da
Unesco como parte dunha candidatura conxunta de oito países europeos
liderada por Grecia e Chipre e na que participa, entre outros, o Estado
español.
A Unesco, por medio do seu Comité intergobernamental de salvagarda do
patrimonio cultural inmaterial, que celebrou a súa décimo terceira
xuntanza anual a pasada semana en Port-Louis (República de Mauricio),
outorgoulle a súa beizón á candidatura internacional da pedra seca (ou
pedra en seco), que pasa desde agora a integrar a lista representativa
do patrimonio inmaterial da Unesco.
A candidatura reunía a Grecia, Chipre, Suíza, Croacia, Eslovenia,
Francia, Italia e España. Á súa vez, dentro do Estado español
colaboraron Galicia, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Estremadura,
Cataluña e a Comunidade Valenciana. O recoñecemento da inclusión na
lista desta tradición construtiva representará o compromiso dos países
na execución de medidas de salvagarda específica para que as comunidades
locais, que son as súas portadoras, poidan ter as condicións para o seu
mantemento e difusión.
Na reunión da Unesco en Mauricio estivo presente a directora xeral do
Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Ínsua, en representación da
Xunta, que participou nesta candidatura internacional. Ao fío, como
chanzo previo á inscrición, esta tradición foi incluída no Censo do
Patrimonio Cultural de Galicia como manifestación do patrimonio cultural
inmaterial.
Que é a pedra seca?
A pedra seca é unha técnica de construción tradicional na nosa terra
que prescinde de calquera argamasa ou morteiro. Conforma un dos exemplos
de coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional
que axuda a construír a paisaxe antrópica do país. Esta técnica fíxase e
transmítese a través do milenario oficio dos canteiros e afecta á
relación das comunidades co medio, creando e definindo o noso entorno.
Muros, peches e construcións adxectivas para diferentes usos agrarios
e gandeiros como alvarizas, neveiras, pombais, hórreos, pendellos,
foxos do lobo ou muíños contribúen a definir e representar a estrutura
da propiedade ou explotación do territorio.
Os exemplos da pedra seca son abondosos en todo o territorio galego,
mais esta técnica resulta especialmente relevante nas bisbarras de
Pontevedra, Terra de Montes, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira,
Xallas, Fisterra, a Terra Chá e a Ribeira Sacra.
Vía: http://patrimoniodefuturo.webs.uvigo.es/a-pedra-seca-galega-patrimonio-cultural-inmaterial-da-humanidade-da-unesco
Ningún comentario:
Publicar un comentario