01/10/26

HORA DE LER


      Un ano máis ponse en marcha un tempo diario (vinte minutos) dedicado a fomentar o hábito lector, e neste curso, a hora de ler esténdese a todos os niveis da ESO. Para garantir o aproveitamento desta actividade, o equipo de biblioteca elaborou un calendario informativo onde se recolle o horario. Ademais, en colaboración cos distintos departamentos, seleccionouse para levar ás aulas unha serie de materiais variados en canto a dificultade, temática e formato: novela, novela gráfica, revistas, libros divulgativos... Atendeuse asemade á diversidade lingüística e aos distintos intereses do alumnado. 




28/09/26

FORMACIÓN DE USUARIOS

      Un ano máis iniciamos curso e con el todo o proceso relacionado coa formación de  novos usuarios da biblioteca. Desenvolvemos unha serie de actividades encamiñadas a optimizar o aproveitamento dos recursos dispoñibles neste espazo de encontro. Estas accións están dirixidas ao alumnado de nova incorporación no centro, especialmente o primeiro ciclo da ESO. Esta formación consiste nunha explicación da organización dos espazos e normas de uso a partir do tríptico que compartimos a continuación. Posteriormente realízase unha actividade práctica de busca de fondos por equipos na que o alumnado debe localizar nos andeis varios títulos que se lle propoñen. 




17/09/26

DE VOLTA!!! EMPEZAMOS O CURSO 2026/2027


Un curso máis a biblioteca abre as súas portas como espazo acolledor para ler, xogar, estudar ou traballar. ESPERÁMOSVOS!!!





















19/06/26

MENÚ DE VERÁN 2026

Para rematar o curso, Curtisbiblio oferta o seu novo Menú de verán cun feixe de lecturas que esperamos que vos gusten. 






29/05/26

AQUAMANÍA: O PODER DA APRENDIZAXE INTERDISCIPLINAR

     A presenza dun acuario na nosa biblioteca non só concita a diario a curiosidade do noso alumnado, senón que está dando tamén un importante rendemento didáctico. A participación do noso IES en Voz Natura trouxo consigo a elaboración dun proxecto arredor deste pequeno ecosistema, asentado sobre a colaboración interdisciplinar dos departamentos de Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Informática e Debuxo.



    Partindo da idea de que un acuario non é sen máis un recipiente con auga e peixes, senón un hábitat complexo no que interactúan organismos vivos e factores físico-químicos, o proxecto Aquamanía nace co obxectivo de recrear o equilibrio entre estes dous factores dentro dun entorno educativo.

 

    O alumnado pode así observar directamente procesos naturais coma a fotosíntese, o ciclo do nitróxeno ou as relacións tróficas. Un dos materiais elaborados dentro desta proposta didáctica é un rechamante e  motivador xogo de mesa educativo que vén reforzar os contidos aprendidos de xeito dinámico e participativo.  

26/05/26

ROTEIRO LITERARIO POLAS TERRAS DE ROSALÍA DE CASTRO

 

    Os rapaces de 3º de ESO e de 1º de Bacharelato do IES de Curtis visitamos a Casa Museo de Rosalía de Castro e realizamos tamén un pequeno roteiro polas rúas de Padrón. Alí contemplamos a fermosa estatua que a autora ten na vila e casa da Rúa do Sol na que pasou parte da súa infancia. Despois de ver a Casa Museo nunha interesante visita guiada, desprazámonos ata o cemiterio da Adina para descubrir a placa que lembra que Rosalía estivo alí soterrada antes de ser trasladada ao Panteón de Galegos Ilustres. 

En definitiva, foi unha saída ben interesante que nos serviu para mergullármonos de cheo na figura da nosa poeta máis universal. Sempre Rosalía! 

Velaquí unha breve crónica fotográfica da actividade. 


 


 


 

20/05/26

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

      A celebración do Día das Letras no IES de Curtis consistiu nunha actividade centrada na escritora e xornalista Begoña Caamaño. Acompañamos esta homenaxe dedicada á autora de Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle coa proxección de varios vídeos de música galega como a canción do grupo Malvela en colaboración coa cantante Uxía que leva por título "Begoñísima"  e coa de "Matriarcas" de Guadi Galego. A nosa achega a esta celebración veu da man da  actuación musical das pandereiteiras de 2º ESO que nos deleitaron coas súas magníficas interpretacións. 

 


 

A actividade complementouse coa exposición de libros en galego realizada en Curtisbiblio e coa mostra sobre as orixes da escritura  a cargo do Equipo de Dinamización Lingüística.

 




Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas