Amosando publicacións coa etiqueta 25 xullo.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 25 xullo.. Amosar todas as publicacións

25/07/09

Día de Galicia

Nada hai no mundo máis novo, máis recente, máis moderno ca unha lingua viva, vivida, falada. E nada hai no mundo máis antigo, máis decadente, máis morto e podre que o sentimento de desprezo pola diferenza. Cada lingua do mundo é unha flor que naceu para facer máis grande e máis largo o universo. Para enchelo co arrecendo das súas palabras únicas, porque só con elas cadaquén expresa os sentimentos que acubilla a súa alma. Por iso cada lingua é a medida do mundo enteiro, porque con ela vaise a todas partes e en todas partes é útil a bagaxe de sentimentos que transporta no corazón de cada falante. Non cortar esa flor significa permitir que o mundo se pareza a un xardín. Arrincala é axudar a medrar o deserto.

Todos os falantes conscientes somos aprendices. Con máis ou menos recursos, todos loitamos por nomear o mundo procurando limpar o noso galego de tantas formas foráneas, por devolvermos as vellas palabras esquecidas, por mantermos as construcións antigas que xa din só os avós, por recuperarmos os nosos apelidos, os nomes dos nosos lugares, por ensancharmos o campo de usos do galego falándoo e escribíndoo para actividades prestixiosas, para a investigación, a tecnoloxía e o lecer, coa mesma naturalidade con que o coñecemos para as actividades domésticas ou para os labores agrarios.

Manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega

Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza.

Miñas donas e meus señores:SI NO ABRANTE d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comenza en Sant-Iago. A torre do reló tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás, repinicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a todol-os campanarios da cibdade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos maravillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da veiramar até as homildes espadañas da montaña. E o badaleo rítmico das campás -de todal-as campás de Galiza en leda algarabía- semella o troupeleo dos cabalos astrales, que veñen pol-a vouta celeste, turrando co carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza.
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas