Amosando publicacións coa etiqueta Marilar Aleixandre. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marilar Aleixandre. Amosar todas as publicacións

14/11/22

AS MALAS MULLERES

 

    A escritora Marilar Aleixandre vén de ser  galardoada co Premio Nacional de Narrativa 2022 pola súa obra As malas mulleres (Galaxia). Por segundo ano consecutivo este premio recaeu nunha obra escrita en galego (2021, Xesús Fraga: Virtudes  e outros misterios).



    A autora da inesquecible novela A cabeza de medusa desenvolve en As malas mulleres un interesante traballo de investigación que recolle en forma de crónica a situación das mulleres nos cárceres durante o século XIX. Na obra aparecen voces descoñecidas coma a de Sisca (presa na cadea) xunto con outras como a de Concepción Arenal (a chamada visitadora de cárceres) ou Juana de Vega. Todas elas son mulleres, `pezas esenciais para comprender a nosa historia e para non esquecer as inxustizas cometidas, porque, como di a autora “sen memoria estamos incompletos”.


Máis información sobre a autora e a obra nas seguintes entrevistas:

O cárcere no S. XIX...

Queremos esquecer...

23/11/09

Fala Carrapuchiña


Chamoume e metinme na cama con el. Facía como que ía comerme, rillando as uñas moi a modo e despois tragando as biscardas. Outras veces metía na boca os dedos, a man ou mesmo o brazo enteiro ¡tan pequeno! Comerse un ó outro, así fan os que se aman. Eu non podía comelo, sendo tan grande, tan enorme, con aqueles cabelos hirsutos, o alustro dos dentes brancos, a voz profunda como os tronos. Daquela quitáballe os carrachos que o asañaban como a todos os lobos e despois comíaos, rebentando de sangue que esvaraba pola miña boca, polo queixo, manchando o meu vestido. Por iso dixo o cazador, cando nos encontrou a primeira vez, que eu ía ensanguentada, que rompera isto ou aquilo, que el estaba coméndome e tivera que tirarme do máis fondo das súas tripas. Non era certo e, por outra banda, se nos comemos o un á outra e por amor. Tamén Beatriz comeu a Dante ou polo menos comeu o seu corazón, o centro do centro. Tampouco é verdade que o cazador lograra ferilo, senón que, non podendo enfrontarse á escopeta cargada, fuxiu para o máis escuro da fraga.
Pero eu probara o seu sangue, o sangue que rebentaba o corpo esvaradío dos carrachos que sabían a terra, a metais enferruxados. A lúa comezou a cambiar o meu corpo. Dentro de min nacían alustros e tronos, coitelos de linguas, dentes afiados como esquírolas de cristal. Cando o cazador nos encontrou a segunda vez eramos dous e non puido escapar. Desde entón unhas veces vou eu procuralo ó escuro do bosque, outras ven el e entra comigo na casa, enganando ós outros co seu aceno de can, os ollos baixos para non descubrir os relampos de treboada que aniñan neles.

01/10/09

Marilar Aleixandre no Xornal



Ao estar tan vencellada á docencia e ao estudo da adolescencia, coñece as claves que diferencian a literatura xuvenil da de adultos?
O rexistro cos que se escribe son diferentes. Con tanto tempo de investigar esas idades, unha descobre que hai certas complexidades e ambigüidades que non se dan na literatura xuvenil. Cando escribo para eles, procuro que teña un nivel literario axeitado porque merecen unha ambición literaria e a literatura está para aprender.


Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas