O pasado 1 de abril celebrouse o Día da Ilustración dedicado nesta edición a Isaac Díaz Pardo. Dende Curtisbiblio sumámonos ao recoñecemento a este persoeiro que contribuíu a difundir a nosa cultura dende ámbitos moi diversos.
No seguinte vídeo ofrécese unha aproximación á súa vida e obra
Cada 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración coincidindo coa data de nacemento de Castelao. Nesta edición o recoñecemento recaeu no artista Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950). É a primeira vez dende que se iniciou esta celebración que un autor é homenaxeado en vida. Dende o Equipo de Dinamización damos difusión a esta nova da nosa cultura que afonda na necesidade de valorar e preservar a riqueza dos nosos creadores e creadoras.
Difundimos o vídeo realizado pola Xunta de Galicia onde se fai un percorrido pola obra do artista mindoniense.
O 30 de xaneiro celebramos o Día da Ilustración cunha visita de Castelao. O profesor Jesús Iglesias caracterizouse como o polifacético artista rianxeiro e realizou unha pequena dramatización para o alumnado de 1º ESO. Velaquí unhas fotografías da actividade que foi complementada cunha infografía do autor.
O Día da Ilustración 2023 está dedicado á pintora María Antonia Dans (1922-1988).
A
artista tivo unha especial vinculación con Curtis, onde residiu boa
parte da súa infancia e xuventude. As vivencias, cores e paisaxes
galegas ocupan un lugar esencial na súa obra.
Tal día coma hoxe, 30 de xaneiro, naceu
en Rianxo no ano 1886 un dos persoeiros máis relevantes da cultura galega: Alfonso Daniel
Rodríguez Castelao. Dende o ano 2014 esta é a data escollida para celebrar o Día
da Ilustración Galega como un recoñecemento máis ao legado do escritor,
político e debuxante.
Na edición do 2021 a figura homenaxeada é por
vez primeira unha muller: Lolita Díaz Baliño. Nada na Coruña en 1905 e criada nunha familia
de artistas, destacou dende moi nova na fotografía e na pintura. O seu irmán Camilo Díaz Baliño,
pai de Isaac Díaz Pardo, un importante
artista gráfico vencellado ao pensamento galeguista, foi asasinado en 1936. A pintora, que destacou
como debuxante e acuarelista, desenvolveu tamén a docencia na Escola de Artes e
Oficios da cidade herculina.Integrante da Real Academia Galega das Artes
dende o ano 1938, foi unha pioneira na presenza feminina no mundo das artes.
O Día da Ilustración foi
creado en 2014, tomando como referencia a data do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez
Castelao (30 de xaneiro), dentro do Calendario
do Libro e da Lecturaque promove a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. O seu
obxectivo é destacar a importancia da ilustración e do deseño no libro e na
lectura, así como poñer en valor o sector galego da ilustración.
Nesta
quinta edición o homenaxeado é Camilo Díaz
Baliño (Ferrol, 1889 - Santiago de Compostela, 1936), "pintor,
escenógrafo e pioneiro do deseño galego".
Nado en Ferrol en 1889, cursou estudos de escenografía en Madrid e
na Coruña. Foi membro das Irmandades da Fala desde 1918, en 1920
estableceuse coa súa familia en Santiago de Compostela, onde compaxinou o
deseño de decorados para representacións teatrais co de libros e o cartelismo.
Alí, o seu taller de traballo na rúa das Hortas foi centro do galeguismo e
núcleo dinamizador da cultura compostelá dos anos vinte e trinta do pasado
século, , creador dun universo visual, influído pola arte relixiosa e o modernismo,
no que reviviu os símbolos e mitos de Galicia procurando unha arte comprometida
ao servizo do nacionalismo progresista no que militou. Foi unha vítima
máis da terrible represión franquista exercida contra os
galeguistas. Foi encarcerado en Santiago e apareceu asasinado en Palas de Rei o 14 de agosto de 1936. O
escritor Manuel Rivas rende na súa novela O lapis do carpinteiro
unha homenaxe á súa figura.
A seguir, dous documentos visuais para achegarse á súa figura e á do seu
fillo, Isaac
Díaz Pardo. artista e referente intelectual esencial para comprender
a nosa historia recente.
Dende hai catro anos celébrase o Día da Ilustración o 30 de xaneiro (data de nacemento de Alfonso D. R. Castelao) coa intención de que as figuras destacadas da ilustración en Galicia reciban un merecido tributo para revalorizar a súa contribución á nosa cultura e á nosa sociedade.
Este ano homenaxéase a a un dos grandes ilustradores galegos: Álvaro Cebreiro (A Coruña, 1903-1956). Aquí vos deixamos un pequeno vídeo producido por AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) coa colaboración da Subdirección Xeral de Bibliotecas para contribuír á difusión da súa vida e obra.
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.