Amosando publicacións coa etiqueta proxecto interdisciplinar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta proxecto interdisciplinar. Amosar todas as publicacións

16/03/11

TRISTEMENTE DE VOLTA A XAPÓN (PROX. INTERDISCIPLINAR)

Acabamos de rematar a clase semanal do Proxecto Interdisciplinar: aínda que xa levamos uns días intentando instalarnos en Chile, hoxe sentimos a imperiosa necesidade de viaxar novamente a Xapón...
Despois de observar perplexos e tristes as imaxes dun de tantos vídeos sobrea a destrucción que o tsunami provocou neste país tan querido para nós, quedámonos en silenció, mirándonos case sen saber que dicir.
Pouco a pouco, as voces foron poñendo no aire as tristes novas que nos fan chegar os medios de comunicación: moitos desaparecidos, escapes radiactivos, destrucción e morte por todos os lados... E démonos conta do afortunados que somos hoxe, aínda que onte non fósemos conscientes do tesouro da tranquilidade e da rutina.
Alba quedou sen palabras que dicirlle aos mozos xaponeses, pero Sabela animounos cunhas palabras cheas de calor: "Ánimo, que as axudas van ser moitas. Os problemas ás veces son difíciles de resolver, pero case todo ten solución". E pouco a pouco foron oíndose máis voces: "A min non me importaría que viñera á miña casa un mozo ou unha moza xaponesa, axudariamoslle uns meses". "Podemos ofrecerlle roupa, comida, educación...
e o cariño dunha familia, que ao mellor xa non ten".

Que mágoa que teña que pasar todo isto para que valoremos todo o que temos!

Desde aquí, desexamos que este mal soño que está a vivir o país nipón remate canto antes!

19/02/11

ADEUS, XAPÓN

Velaquí unha das actividades finais do noso traballo sobre Xapón dentro do Proxecto Interdisciplinar: entre os dous grupos de 1º de ESO fíxose unha narración colectiva, na que o alumnado foi integrando coñecementos que adquiriu sobre o país nipón no trimestre e medio que adicamos á investigación sobre este tema.

            Chámome Huan-Chi e son unha rapaza de trece anos de idade, vivo na illa de Hokkaido, que é unha das máis importantes do arquipélago xaponés. Direivos que non me gusta nada o peixe e iso é un problema.
Son alta, mido 1,65, o cal é moito medir para unha rapaza japonesa, teño os ollos azuis e con forma de améndoa, a miña pel é morena e teño o nariz chato e redondeado. O que máis me gusta de min e que son simpática, polo cal teño moitos amigos.
Meu pai é pescador, moitas veces lévame no barco para axudarlle aínda que, como vos dixen antes, non me gusta nada, nada o peixe.
Un día pola mañán cedo saímos cara á illa de Kiushu; eu non levaba o meu kimono, senón roupa máis cómoda: unha camiseta, un pantalón e unha gorra. Levabamos nunha fiambreira sushi, arroz,algas e  un pouco de wasabi, para poder comer no barco. Mentres, miña nai quedaba traballando nun concesionario de Mistubishi.
De súpeto, empezou a chover dunha maneira moi intensa: estabamos no mes de xullo e nesa época son habituais as choivas por mor dos Monzóns. O vento arrastrounos moi lonxe e fomos bater cunha rocha moi grande: unha fenda enorme deixaba entrar auga, moita auga pola popa! O medo empezou a facerse con nós. Sem pensalo dúas veces tireime ó mar e empecei a nadar. Pero... e meu pai? Volvín a vista atrás e vino totalmente inmóvil, agarrado á proa do barco. Sen pensalo dúas veces, volvín atrás, subín ao barco e achegueille un salvavidas.
Nadamos e nadamos... durante non sei canto tempo... Estabamos case seguros que non íamos saír con vida de semellante aventura. Pero cando xa dabamos todo por perdido vimos terra: tratábase dunha illa deserta...
Miña nai, mentres sucedia todo esta, estaba a volverse tola coa preocupación: algo nos tiña que ter pasado para non estar xa de volta na casa. Correu ao porto pero ali non viu nin rastro do barco. Sen perder máis tempo avisou ás autoridades. Despois, desesperada, foi a unha pagoda próxima: alí, ao pé da figura de Buda, axeonllouse. Non podía máis: estada nerviosa, triste, soa, chea de angustia, faltáballe osíxeno... Algo malo tiña que ter pasado!
Sobre a illa ia caendo a tarde. Os nosos estômagos empezaban a ruxir coa fame: pescamos algo de peixe e collemos uns froitos parecidos aos cocos, que tiñan auga dentro. Meu pai fixo lume batendo dúas pedras e ali dourou os peixes pequenos que conseguíramos coller. Ai! Nunca comera peixe pero o meu estómago xa non aguantaba máis, ou comía aquelo ou pasaba sen nada. A verdade é que non o dubidei moito: abrín a boca e imaxinei que era un saboroso manxar. E, sorpresa, gustoume!. Despois dunha máis que desexada cea, tentamos descansar un pouco: debiamos durmir algo para que a cabeza descansase  e poder, así, chegar a solucionar o grande problema no que estabamos.
Ben cedo, vimos un barco que se aproximaba: meu pai, a toda présa, voltou a facer lume coas pedras: as autoridades, que miña nai avisara o día anterior, por fin deran con nós. Estabamos salvados.
Cando volvemos á normalidade démonos conta de que a nosa vida correra un grande perigo. Fomos, en canto poidemos, os tres dar grazas a Buda, pois cremos que tivo moito que ver con que saíramos airosos de tan grave situación. Ah! E entregamos unha doación de 300.000 yens para que se reforzasen as medidas de salvamento na costa.

A continuación mostrámosvos unha síntese de diferentes aspectos que tratamos nesta particular viaxe por Xapón. Por certo... o próximo mércores “partimos” cara a Chile: apuntádesvos á aventura?



03/02/11

DE VIAXE POR XAPÓN... CO PROXECTO INTERDISCIPLINAR

Alumnado de 1º ESO A e B
       Estamos a punto de rematar a viaxe a Xapón que iniciamos este curso a través do Proxecto Interdisciplinar. Como xa contamos noutras ocasións, o pasado curso iniciamos o proxecto Entra no mundo dos contos; entra nos contos do mundo que sustenta a labor deste Proxecto no noso centro. Cada trimestre, máis ou menos, traballamos cun conto dun determinado país ou cultura, que nos serve non só para mellorar a competencia comunicativa e literaria dos rapaces, senón que se aproveita tamén como ponte para entrar na lingua, xeografía, clima, relixión, moeda, vestimenta, gastronomía ... da zona do mundo elixida.
      No que vai de curso o proxecto serviunos para "viaxar" a Xapón, desde o conto El viejecillo de la verruga": traballamos coa comprensión e análise narrativa e con variados aspectos do mundo nipón ( xeografía, economía, clima, agricultura, relixión, alfabeto, moeda e gastronomía ). Para rematar, elaboramos un conto no que se foron integrando datos das investigacións feitas e organizamos unha xornada gastronómica xaponesa na biblioteca, con pratos típicos do país co que estivemos traballando nestes meses (sushi, tempura, arroz aromatizado, algas, washawi...). Como vedes, pódese viaxar de moitos xeitos...
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas