Amosando publicacións coa etiqueta Estibaliz Espinosa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estibaliz Espinosa. Amosar todas as publicacións

13/07/09

Conto híbrido de Estibaliz Espinosa



Neandertal que estás no fósil
Agora que estamos sos os dous.
Senta. Ponte cómodo. Queres tomar algo? Sírvete. Hai xeo na Antártida e auga no Sil. O whisky tardará uns miles de anos en se inventar.
Aquí deixamos que a froita apodreza. Fermente. É o noso xeito. Deixar facer. Non intervir.
Embriagamos con ela. Bebémola, quero dicir.
Sírvete ti mesmo. Que tal andas? Ben?
Aquí, lendo un pouco, non?
Ben. Ben. Iso está ben.
Xera ganancias ás fábricas de papel, aos oculistas. Xustifica a rede. É o noso pretexto para vivir. Oír e ser oídos. Escribir e ser lidos. E ler.
Se ti non estiveses lendo, para empezar eu non existiría. E iso é enormemente tiránico. Enormemente diabólico. Decatas? Nazo da túa necesidade de ler e morrerei cando te sacies. É algo que me pón un chisco nerviosa. Perdoa. É algo que me pón un chisco nerviosa.
Queres que che conte de min.
Con que propósito?
Ah, ben, paréceme ben. Queres que che conte de min para, nunha especie de bucle referencial, falar de ti. Explicar a túa presenza. Que é o que te engasta a este planeta que partillamos.
Se é que nos foi dado partillar algo.
Read the rest of this entry »

30/05/09

Do blog de Estibaliz Espinosa


Non deixa de resultarme curioso que Curioso que a poesía sexa unha puta denostada, unha pesada que ninguén quere, facilona, aborrecida, sempreigual, sempreviva, sempremorta, clasicota, infumable, impresentable, obxecto do mecenado de catro guillados. Isto é así para moitos novelistas, editores, protésicos dentais e mesmo poetas.
A poesía ten que ser outra cousa, debe selo: debe transmutar. En publicidade, en videopoesía, en pintada con sangue na parede branca dun garaxe… Se non, morre por endogamia, como esas sagas familiares apodrecidas dos moitos apareamentos entre iguais.
Isto semella ser o estado da cuestión.
A poesía cansa.
Poeta, quita os lentes que che parto a cara.
E así.
Con todo, non deixa de resultarme curioso que cando alguén pretende louvar unha obra calquera do que se entende comunmente por arte, sexa cine, arquitectura ou grafitti, en moitas ocasións deslice o xa tópico: é pura poesía. Blek le Rat e Banksy xa son pura poesía. Jean Nouvel é pura poesía. Galliano, a etiqueta dun bo viño, Chema Madoz, Tarkovsky, os beizos de Mónica Bellucci, as bacterias, as medusas fluorescentes, Pedro Páramo, Miranda July…
A poesía debe de ser a única criatura no mundo que a máis puta, máis pura.

22/04/09

O novo poemario de Estíbaliz Espinosa

No século XXI, finxir dar vida foi un dos cometidos principais daqueles que traballaban nesa trampa oblicua chamada arte: a creación de personaxes semellaba un eixe fundamental na novela, esa simulación tamén se atopaba no deber dun bo actor, dun guionista, dun realizador de cine, un fotógrafo, un debuxante de cómics... No século XXI, procurar vida foi un dos cometidos principais daqueles que se dedicaban a esa fe experimental chamada ciencia: a medicina, a investigación no xenoma, a astrofísica, a matemática agochada nos patróns de crecemento vexetal e animal, a arquitectura orgánica...
No século XXI, aplicar un zoom nos textos das criaturas humanas revelaría unha ambición de alquimista: transmutarse en vida. En memoria.Vingadora da mortalidade. Zoommm, o poemario de Estíbaliz Espinosa, achégase con torpeza humana ás relacións incestuosas entre texto e vida, linguaxe da máquina e linguaxe lírica, e a ese antigo desexo infantil de que o que leamos se transfigure en nós, electrice a nosa medula, siga o noso ritmo vascular, volva parte de nós ou nós dela. Somos o que foron outros. Se somos o que comemos, somos o que lemos.
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas