Amosando publicacións coa etiqueta Día do Libro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día do Libro. Amosar todas as publicacións

26/04/18

VIDEOSEMANA DO LIBRO EUROPEO (VI)


Tamén temos un espazo reservado para a lusofonía: Marcos, Juan e Mateo elaboraron o vídeo que vos imos presentar para falarnos de Poderosa, de Sergio Klein.


E xa entramos no terreo peninsular. Elena e Fátima fan unha pequena homenaxe á enorme Rosalía, representante, con maiúsculas, da literatura en lingua galega.



25/04/18

VIDEOSEMANA DO LIBRO EUROPEO (V)


Hoxe, xoves, Fátima lembra unha obra clave dentro da literatura latina: El asno de oro, de Apuleyo.



Esta viaxe no tempo e no espazo, lévanos tamén  á literatura alemana do S. XX: Yaiza e Ainoa charlan sobre O diario de Ana Frank


23/04/18

VÍDEOSEMANA DO LIBRO EUROPEO NO NOSO IES (I)


       

    Desde Curtisbiblio estamos integrando a celebración do Día do Libro nun proxecto maior, a difusión do Patrimonio Cultural Europeo neste ano 2018. Nesta liña podedes atopar nos andeis expositores da nosa biblioteca unha mostra das diversas literaturas do continente; ademais, ao longo da semana, publicaremos neste blog videorecensións sobre títulos da literatura europea elixidos voluntariamente polo noso alumnado.
Non esquezades visitarnos. Paga a pena! E se non o credes, aquí vos deixamos o vídeo-presentación feito polos nosos rapaces...






      
      Tamén queremos facer un agasallo aos lectores do noso  IES: desde hoxe,  ó carón da entrada da biblio, hai unha mesa con libros de distinto tipo e temática (divulgación científica, literatura...) para quen os queira "adoptar". Trátase de exemplares procedentes de expurgos de bibliotecas e de doazóns de libros de segunda man. Só se pide que non se leve máis dun exemplar por persoa e que o libro sexa ben acollidos na súa nova casa... Que non é tanto pedir!  

12/05/17

Onde hai unha biblioteca hai unha luz

       A medio camiño entre a celebración do Día do Libro e a festa das Letras Galegas recibimos un fermoso agasallo en forma de vídeo. Alicia Seoane Freire, alumna de 2º Bacharelato,  ponlle voz a un fermoso texto xa coñecido por moitos de nós: “Onde hai unha biblioteca hai unha luz” de Agustín Fernández Paz. A música é do compositor e pianista italiano Ludovico Einaudi.



23/04/15

Dígocho eu

Día do Libro - 23 de abril


A VOLTAS COA PUBLICIDADE…

Concurso organizado polo Equipo de Biblioteca do IES de Curtis para facer dos nosos alumnos lectores críticos de mensaxes publicitarias
(Do 23 ao 30 de abril de 2015)
Sabíades que no mundo da publicidade non hai nada que se manexe por casualidade? Todo está pensado e elixido con moito tino por unha cadea de profesionais que saben ben cal é o obxectivo do seu traballo: convencer aos potenciais compradores para que elixan un produto… e non outro.

Para iso, os publicistas contan con moitos recursos. Un deles é o nome que se elixe para unha marca ou produto: en moitas ocasións as denominacións son moi suxerentes e conteñen unha connotación que invita a comprar aquelo que se está anunciando.

Para iso, os publicistas contan con moitos recursos. Un deles é o nome que se elixe para unha marca ou produto: en moitas ocasións as denominacións son moi suxerentes e conteñen unha connotación que invita a comprar aquelo que se está anunciando.

No mercado actual hai moitos nomes comerciais que proceden, intencionadamente, de linguas diferentes ao castelán: do galego, do latín, do grego, do francés, do inglés… En ocasións abonda co prestixio que se lle supón á lingua da que vén a palabra (Nissan Micra, Le beau Male (de J. Paul Goltier), O rei Centolo, as gafas Ray-Ban…), pero en moitos casos o significado do termo na lingua orixinaria aporta características engadidas que animan aínda máis ao comprador a facerse con ese produto e non con outro. Así, por exemplo, a marca Sanex, fórmase sobre o verbo latino sanare e sobre o adxectivo da mesma lingua sanus,-a, -um, que reforzan a idea de vida saudable.

Invitámosvos a facer connosco un percorrido polo mundo comercial. Veredes canta información pode haber detrás de nomes ben coñecidos por nós.





22/04/14

#EnGalegoLeo


Recomenda lecturas coa etiqueta #EnGalegoLeo en Youtube, Twitter ou subindo a túa foto a Instagram e únete así á campaña que con motivo do Día do Libro veñen de poñer en marcha a RTVG, a AELG  e GALIX. 

Todos os comentarios e recomendacións de lecturas en galego serán recollidas na páxina da RTVG. A que esperas para que o 23 de abril #EnGalegoLeo  sexa trending topic?

23/04/13

Tes un momentiño? quéroche recomendar un libro

Día Mundial do Libro 2013

"Este día brinda a oportunidade de reflexionar xuntos sobre o mellor xeito de difundir a cultura escrita e de permitir que todas as persoas, homes, mulleres e nenos, accedan a ela, mediante a aprendizaxe da lectura e o apoio ao oficio da edición, as librarías, as bibliotecas e as escolas. Os libros son os nosos aliados para difundir a educación, a ciencia, a cultura e a información en todo o mundo".

(Mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO co gallo da celebración do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, o 23 de abril de 2013)



23/04/12

Os ríos da vida

Din que todas as persoas necesitamos as historias, tanto coma a auga que bebemos, tanto coma o pan de cada día. Que sorte, que sexan tan doadas de conseguir! Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das palabras, esas que fan nacer dentro de nós outros mundos e outras vidas.

Semella cousa de maxia que os libros garden tantas marabillas no seu interior: a emoción do inesquecible primeiro bico; a voz pausada e sabia do ancián da tribo; as conversas das mulleres que traballan arreo nos arrozais do delta do Mekong; os andares pousóns dos camelos, a avanzaren coa caravana polas areas do deserto; o espanto ante os perigos que a escuridade agocha, nun bosque inmenso ou no corredor da nosa casa; a soidade e as dúbidas de cando temos quince anos; as vidas de hai mil anos, cando o mundo era doutro xeito; ou as de dentro de mil anos, nun planeta que agoniza; a fascinación polas estrelas, que nos envían a súa luz desde os abismos do espazo-tempo; o desespero de sentirse só entre ríos dexente; o nacemento dunha persoa, a morte doutra; os seres máxicos e os deuses terribles…

Abrir un libro e deixarse levar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes… Unha maxia secreta e inesgotable, que a nós nos corresponde descubrir.

Agustín Fernández Paz

 

01/05/11

Manifesto en favor da Lectura - Rosa Regás.


Ao redor da lectura

A cultura cambia as nosas vidas, fainos máis
felices e mellores e abre ante nós todo un
mundo de posibilidades. Por suposto non a cultura
entendida como acto mediático, senón como transmisión
de coñecementos. Así é como progresa a
sociedade.


A economía, a riqueza, o diñeiro fannos máis
ricos pero non mellores, nin máis lúcidos, nin máis loitadores,
nin máis solidarios. O diñeiro converte unha
sociedade pobre nunha sociedade opulenta, ou polo menos
parte dela, pero non mellor.


Por iso é polo que a lectura que constitúe unha das
grandes armas da cultura, ademais de ser unha
fonte inesgotable de pracer porque pon en marcha
as nosas facultades mentais, como a fantasía, a
memoria, a experiencia ou a intelixencia, sexa un
dos elementos máis importantes para que a
cultura chegue ao interior das nosas conciencias.


Calquera coñecemento entrará máis profundamente
na nosa mente se atopa un terreo abonado,
é dicir, se atopa esa mente preparada e aberta.


Só a cultura pode transmitirnos a necesidade
profunda de coñecer e defender todos os dereitos
humanos pero sobre todo os dereitos fundamentais
de igualdade, xustiza e liberdade; a través dela
chegaremos a sentir o horror que provocan as
desigualdades a que están sometidos tantos seres
humanos por cuestións raciais, relixiosas, culturais
e económicas, e entenderemos o mancar
que supón para eles a falta de educación, a
pobreza, a vida en países arrasados por conflitos
armados.


Porque coa lectura saímos do reduto
do noso pequeno mundo, o que herdamos
ou que nos impuxeron, e vemos a vida e os seus
conflitos cos ollos dos demais.


É así como
aprendemos a respectar as ideas alleas e somos
capaces de atopar un camiño á solución dos
conflitos, e como se forma o noso criterio que nos conduce ao camiño da liberdade.


Por isto son importantes os libros e o pracer que
proporciona a súa lectura, porque axudan a desenvolver
a nosa mente, a nosa imaxinación, as nosas
emocións pero sobre todo a nosa intelixencia.


Ás veces, tanto se somos nenos como adultos como
anciáns, ler fáisenos difícil porque non estamos
feitos ao movemento da nosa mente e sentímonos
cansados, contrariamente ao que ocorre
cando practicamos tantos praceres pasivos que
deixan ao noso intelecto inmóbil e tan baleiro como
estaba antes de comezar.


Pero se seguimos fieis á
lectura entramos aos poucos no infinito e
complexo mundo dunha realidade que non ten fin,
que abarca toda a historia de todos os tempos,
toda a creación que foron capaces de levar a cabo
os que nos precederon e os que viven
aínda hoxe entre nós, e alcanzamos un pracer
distinto, o da plenitude que sentimos ao recrear,
como verdadeiros creadores, a historia que estamos
lendo, e ao pór en marcha intelecto, emocións,
creatividade e máis curiosidade para ir en busca de máis
coñecemento e de máis imaxinación.


Coa lectura aprendemos a mirar ao noso ao redor,
ao mundo en que vivimos, a ter o noso
propio criterio sobre o que ocorre nel, e en consecuencia
a ser máis libres e a non aceptar o que nos digan os poderosos ou os que pretenden convencernos
ou impor en beneficio propio as súas ideas, sen que
antes pase polo noso intelecto que xa
está preparado para emitir xuízos e tomar decisións
propias, nin herdadas nin aceptadas a cegas.
Así é como poderemos converternos en persoas
lúcidas e conscientes, capaces de loitar, cada cal
ao seu xeito e coas súas posibilidades, polos nosos
dereitos e os dereitos dos demais.


Porque o
coñecemento fainos solidarios, e non actuamos por obrigación,
nin por deber, nin sequera por caridade cos
máis necesitados, senón por xustiza. Porque camiñamos
en liberdade e só así poderemos axudar a construír
un mundo mellor.

Rosa Regás






23/04/11

Día do libro


Autor: Ratomik

Feliz Día do Libro


O lugar da lectura

Unha illa de luz na xema dos dedos.
Unha porta sempre entreaberta.
Unha duna cara ao vento.
Unha nube sobre a herba.
Unha casa encantada.
Unha laranxa do paraíso.
Unha pousada no inferno.
Unha man e unha fouce.
Unha carapucha vermella.
Unha bufanda colorada.
Unha alfombra no ceo.
A pulga e o xigante.
A rosa e o cravo.
A serpe e a mazá.
A fonte e o cervo.
A flor da candea.
A fenda do espello.
A lúa na boca.
A tona do tempo.
A pedra e o canto.
A voz e o silencio.
O lugar da lectura.



Carlos Negro

DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DO DEREITO DE AUTOR - 23 DE ABRIL


23/04/10

Día del Libro


Hoxe despedimos a Mario Díez Collado na nosa biblioteca e acompañamos na súa dor á súa viúva María del Carmen Sotillo (Menchu) que ao longo da mañá, transformada pola dor, foise convertendo en Sofía, Hortensia, María, Paula e Pepa.

Hoxe recibimos un agasallo

Deséxolles un FELIZ DÍA DO LIBRO e as miña recomendación como sempre...a lectura:a escribir apréndese lendo e a entender a realidade apréndese comprendendo a ficción.

Carmen Castejón Cabeceira
poeta,escritora ,e artista
Presidenta ASOLAPO en España
http://asolapoespana.blogspot.com/
www.asolapocuscoinmortal.org
Directora de POESIATV :
http://worldtv.com/poesiatv
http://www.palimpalem.com/2/POESIATV .
Cónsul en Pontevedra de POETAS DEL MUNDO
Embaixadora Universal Da Paz En España desde Galiza

Imaxes



Begoña Centoira, Carlos, Hortensia, Loli Carril e María Manteiga, GRAZAS

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas