Amosando publicacións coa etiqueta Día da paz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día da paz. Amosar todas as publicacións

30/01/23

LIBERACIÓN DE AUSCHWITZ


 Como todos os cursos, lembramos a remates de xaneiro o aniversario da liberación do campo de concentración de Auschwitz: é unha data que ninguén de nós debe olvidar. Todos debemos contribuír a que esta vergoñenta parte da Historia non se repita: e a lectura é un bo instrumento para coñecer os horrores do nazismo e a necesidade de vivir valéndonos do diálogo e da paz.  




28/01/22

RECORDANDO QUE LER TAMÉN PODE ALIMENTAR A PAZ

     Nestes últimos días de xaneiro o corredor da nosa biblioteca, transitado a diario por moitos adolescentes, recolle imaxes que buscan despertar conciencias a favor da paz, alimentar a idea da súa necesidade e facer do noso alumnado persoas críticas e loitadoras por non caer nos mesmos erros do pasado. A conmemoración do aniversario da liberación dos prisioneiros de Auschwitz é un bo motivo para mostrar como a literatura axuda a coñecer o que pasou e a concienciarnos da necesidade de que todos temos que axudar a que  non volva a suceder...





Na véspera do  Día da Paz parécenos necesario exhibir imaxes cun potencial que a ninguén deixe impasible: mirar tamén educa e fainos medrar coma persoas... 






30/01/15

COMO ENTENDER O MUNDO SEN A PAZ?

Como sempre, desde a biblioteca do noso centro, tentamos chegar á nosa comunidade educativa o sentir de que A PAZ é tan necesaria para vivir como o pan que nos mantén cada día.

Tristes guerras
si no es amor la empresa.
Tristes. Tristes.
Tristes armas
si no son las palabras.
Tristes. Tristes.
Tristes hombres
si no mueren de amores.
Tristes. Tristes.

   Miguel Hernández, Cancionero y romancero de ausencias.

30/01/13

A PAZ... EN MOITAS PALABRAS

Hoxe, 30 de xaneiro, celebramos unha vez máis no noso IES o Día da Paz. Levamos xa días a voltas nas aulas de ESO cunha actividade interdisciplinar impulsada polo Equipo da Biblioteca e que leva por nome o que aparece dando título a esta entrada. O alumnado de diferentes cursos elaborou por parellas definicións persoais dunha boa cantidade de termos relacionados co concepto de PAZ e ilustrou o seu traballo con debuxos e fotografías propostas por eles. Palabras en galego, en castelán, en inglés, en francés, en latín e en grego foron obxecto desta proposta de traballo.
O resultado foi ben satisfactorio e a día de hoxe podemos dicir que a paz, a vontade, a dozura, a amizade, a bondade, a solidaridade, o respecto, o diálogo... e moitas máis palabras necesarias para a vida en sociedade, enchen o espazo do noso centro.

26/01/12

Un poema para a paz

                                                                   




LIBREMENTE

Nós queríamos libremente

comer o pan de cada día. Libremente

mordelo, masticalo, dixerilo sin medo,

libremente falando, cantando nas orelas

dos ríos que camiñan pra o mar libre.

Libremente, libremente,

nós queríamos somente

ser libremente homes, ser estrelas,

ser faíscas da grande fogueira do mundo,

ser formigas, paxaros, miniños,

nesta arca de Noé na que bogamos.

Nós queríamos libremente surrir,

falarlle a Dios no vento que pasa

-no longo vento das chairas e dos bosques-

sin temor, sin negruras, sin cadeas,

sin pecado, libremente, libremente,

coma o aire do mencer e das escumas.

Coma o vento.

Mais iste noso amor difícil rompeuse

-vidro de soño fráxil-

nun rochedo de berros

e agora non somos máis que sombras.
 
 
 Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas