Amosando publicacións coa etiqueta Rubén Ruibal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rubén Ruibal. Amosar todas as publicacións

21/06/11

FALANDO CON RUIBAL

      Esta mañán estivo na Biblioteca Sarmiento o autor teatral Rubén Ruibal. O alumnado de 4º de ESO, entre os que se atopaban varios membros do club de lectura Fendetestas, escoitou, dentro dun marco realmente agradable e distendido, cales son as motivacións literarias dun escritor atraído polo formato teatral. Foinos abrindo portas para entrar en Limpeza de sangue e camiñar polo contido da obra sen perdernos: recordos da  súa infancia e xuventude, a pegada da Coruña na súa vida, a hipocresía da sociedade cando se vive unha bonanza económica, a necesidade de inquedar aos lectores, mostrándolles que non todo felicidade nin perfección...
                                    
Dicía K. Mansfield que " O pracer de ler é dobre cando se vive con outra persoa coa que compartir os libros". Se, ademáis, esa persoa é o autor do libro que lemos, a experiencia resulta impagable.

20/06/11

ENCONTRO CON RUBÉN RUIBAL NA BIBLIOTECA SARMIENTO


Mañán, martes 20 de xuño, a partires das 10.45 h., estará na nosa biblioteca Rubén Ruibal. Falaralle aos alumnos do Club de Lectura Fendetestas da súa experiencia no mundo do teatro e da obra Limpeza de sangue, que lemos no tramo final do curso.



Unha vez máis neste curso, o mundo da literatura cobra vida entre nós a través das palabras de quen a fai.

19/06/11

Rubén Ruibal

RUBÉN RUIBAL

OBRA

Peter Buckley

Rubén Ruibal e César Candelas foron os gañadores do IIIº Premio de Teatro Radiofónico “Diario Cultural” da Radio Galega pola súa obra “Peter Buckley”, protagonizada polo boxeador británico Peter Buckley, un eterno perdedor que procuraba ser o campión mundial en derrotas. A obra céntrase en como o personaxe vive o seu último asalto, rodeado do seu adestrador e do árbitro que o acompañan no final da súa carreira de derrotas mentres lle zoscan por última vez na súa vida. Peter Buckley foi a peza gañadora tanto no premio outorgado polo xurado como polo público. Dotados ambos premios con 3.000 euros. O xurado, –formado por Cándido Pazó, Cristina Domínguez, Flor Maceiras, Camilo Franco e Ana Romaní– destacou que a historia de Peter Buckley «emprega pautas do xénero negro, convertendo o relato nunha translación radiofónica dun ambiente cinematográfico» e con «personaxes ben perfilados». O libro cedé coeditado por Xerais e a Radio Galega, ademais da obra gañadora, inclúe os textos e as gravacións das outras dúas finalistas, Servizo de Información de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Ferreira.

Delimvois

Premio da asociación de Escritores en Lingua Galega (Teatro) 2010

Delimvois (ou dlmvs) é a muralla científica que protexe e rodea unha das cidades do Estado Único. A partir dun texto de Jacobo Paz, «Estado Único», baseado no «Nós» de Yevgueni Zamiatin, Delimvois de Rubén Ruibal quere explorar os límites mentais, os marcos ideolóxicos, as fronteiras de palabras e pensamento nas que dous homes coa memoria borrada e unha aparente muller, científica eminente que experimenta con eles, descobren a súa carne, a súa identidade e mesmo a súa ledicia. Ela, á quen chamarán Castro, é a responsable dun urxente estudo para a optimización do Subministrador Único de Coñecemento, o sistema que mantén a orde, a felcidade e a unanimidade da cidade e que ameaza con colapsar. Pero durante o proceso o pasado agromará descubríndolle aspectos que non sospeitaba da organización do seu mundo e verase abocada a tomar decisións antes impensables.

Limpeza de sangue

3ª Edición - XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005 - Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007 - Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal 2011

Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) de Rubén Ruibal foi a obra gañadora do XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005. Os seus protagonistas, Fernando e Pantaleón, procedentes de mundos aparentemente opostos coinciden, á espera do seu transplante ou do inevitable pasamento, na sala de diálise dun hospital. Igualados pola situación e obrigados a facerse mutua compañía, coñecen outros aspectos da vida aos que a rutina diaria non lles permitiu que lles prestasen atención. Ven nacer así unha amizade inimaxinable, mentres todo ao seu redor continúa o seu obsesivo, prexuízoso e sistemático funcionamento, no que nin sequera no que nin sequera unha inocente proposta roubada de Príncipe e mendigo de Mark Twain abrirá unha nova porta.

FONTE: xerais.es

Outras obras de Ruibal. Delimvois.

Delimvois é unha fábula que nos fala da fuxida de tres personaxes Francisco, António e Maria, seres libres que escapan dun mundo estéril no que a imaxinación está prohibida, na procura dun mundo novo. Delimvois é un nome simbólico que representa a muralla científica que protexe e rodea unha cidade de Estado Único, un mundo tan ingrato coma o peor dos pesadelos de Orwell ou Huxley. O nome procede dun texto de Jacobo Paz baseado en ¿Nós?, de Yevgueni Zamiatin. Está concebido como un lugar fronteirizo no que o poder exérceo un Comité mudo e omnímodo co que non é posible a comunicación directa.
No mundo de Delimvois, razón e fe conflúen e dan lugar a unha nova idolatría. Un mundo onde a igualdade confúndese coa unanimidade. Un lugar no que os habitantes teñen a obriga de profesar unha fe cega no seu modelo de sociedade.
A idea que preside este mundo é que O Estado Único é creador dun mundo perfecto e imperecedoiro, inamovible.
A xente ten unha existencia virtual para o Comité ,son experimentos, ratas de laboratorio.
Nese mundo perfecto, as persoas vense sometidas a un proceso de anulación que ben poderiamos chamar “kippelización”
(kippel son os obxectos inútiles, as cartas de propaganda, as caixas de mixtos logo de gastarse o derradeiro envoltorio dun chicle o xornal do día anterior. Cando no hai xente, o kippel reprodúcese
¿sueñan los androides con ovejas eléctricas? – Philip K. Dick)
Gran parte da acción de Delimvois transcorre no interior dunha furna de metacrilato que ocupa o centro do escenario. Concibida como unha especie de rateira, trátase dun laboratorio no que están pechados os dous homes protagonistas que forman parte do experimento dunha muller científica.Un destes homes era xordo e o outro, cego. Agora, pechados nunha gaiola de metacrilato, ambos recuperaron os sentidos, mais seguen sen ter memoria. A científica trata de que o Subministrador Único de Coñecemento déalle unha nova forma ao pensamento daqueles dous aos que se pretende salvar da infelicidade. Delimvois é, en realidade, o territorio onde estas fórmulas de reeducación se levan a cabo co fin de evitar que os inadaptados queden fóra das murallas da cidade, da polis: o lugar onde se produce a integración dos diferentes.
No espacio escénico, a obra, prescinde do patio de butacas, de xeito que o público ocupa as cadeiras e tarimas situadas no mesmo escenario. Desde esta estrutura que forma un cadrado arredor do espazo onde se desenvolve a acción, os espectadores asisten ao espectáculo desde unha perspectiva á que non están afeitos, cunha proximidade máxima respecto aos intérpretes e á acción escénica . O espectador -integrado no mesmo escenario que os tres personaxes da obra- vai vivindo o pesadelo de calquera habitante de Estado Único:
A “ fábula” explora os límites mentais, os marcos ideolóxicos, as fronteiras das palabras e do  pensamento nas que dous homes coa memoria apagada e os sentidos recuperados e unha eminente muller  descobren os sentidos e con eles a identidade e o pracer.
Ruibal volve presentarnos temas e personaxes espello que conducen a trama polo místico/sensorial,  polo político/ individual.
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas