Amosando publicacións coa etiqueta Día de Rosalía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día de Rosalía. Amosar todas as publicacións

10/02/26

SEMPRE ROSALÍA...

     Unha vez máis celebramos o Día de Rosalía enchendo de poesía os corredores da biblioteca. Este ano contamos coa exposición elaborada pola Deputación da Coruña grazas á xestión do Equipo de Dinamización do centro. A través dos paneis que compoñen a exposicion podemos achegarnos á vida e obra da nosa poeta máis universal.  







05/03/23

SEMPRE ROSALÍA

          Como cada 23 de febreiro celebramos o nacemento de Rosalía de Castro. A imaxe e as palabras da escritora foron invadindo paseniño diferentes espazos do noso centro.  Demos continuidade  a actividades como a exposición dos libros ou a ilustración de poemas e incorporamos novidades como a sección  Que diría Rosalía? e a iniciativa de agasallar un libro e unha flor. Na nosa biblioteca tamén reservamos un pequeno curruncho para lembrar a nosa escritora máis universal.

     Velaquí a galería de imaxes:










23/02/23

RECITANDO VERSOS DE ROSALIA

Pablo Astray, Gloria Iglesias e Salma Mariño homenaxean a Rosalía no día do seu aniversario  recitando e poñéndolles imaxes aos seus poemas.



 




23/02/22

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

      Celebramos un ano máis o Día de Rosalía con múltiples actividades que nos lembran a importancia e a transcendencia da nosa poetisa máis universal.  Recollemos a proposta da AELG co lema #sementade pensamentos# e puxemos mans á obra para plantar estas pequenas flores, as favoritas da autora. A seguir a galería de fotos:








25/02/21

RECITANDO A ROSALÍA

 Un ano máis celebramos o Día de Rosalía cunha pequena exposición no corredor exterior da nosa biblioteca. Asemade compartimos tres lecturas de poemas de Rosalía realizadas por Nuno Couso, Xiana Abad e Ánxela Roca (4º ESO A). 







24/02/20

DÍA DE ROSALÍA



       O 24 de febreiro de 1837 naceu en Padrón Rosalía de Castro. Celebramos  hoxe, no  Día de Rosalía, o 183 aniversario do nacemento da escritora máis universal das nosas letras. A vixencia e intemporalidade da súa mensaxe faise patente un ano máis a través dos seus versos. A temática escollida para o manifesto da Asociación de  Escritoras e Escritores en Lingua Galega (encargado ao escritor Daniel Asorey) céntrase na problemática dos movementos migratorios.  Curtisbiblio súmase á celebración e reivindica a continuidade do discurso rosaliano. Reproducimos a continuación o texto do manifesto:

 

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020

Ambos errantes polo mundo andamos, dixo a muller. Daquela, as xentes silenciadas, ás que lle roubaran ata as palabras, recuperaron o alento. Fixérono de golpe. Souberon decontado o que eran, o que somos. Transmatria errante nunha humanidade errante. Seres humanos que vagaron e vagan; que pularon e pulan; que morreron e morren na procura do pan e da liberdade. Logo, a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das mulleres. Toda a terra.
Foi evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes polo mundo. 


A súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente. Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran, afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e os tránsitos nos fan humanos.
Si, Ambos errantes polo mundo andamos! Elas e nós. Ti e mais eu. Nosoutres.
Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E, no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a nosa voz foi para sempre palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante polo mundo.
Velaquí talvez o inaudito. Rosalía, unha daquelas que debían ser silenciadas pola forza, daquelas que pretenderan enmudecer tantos deuses e leis dun heteropatriarcado opresivo, ergueu a palabra libre e entregóunola. Será por iso que habemos ser unha  anomalía? Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que nos iguala no camiño coas desposuídes. Ambas errantes polo mundo.
Mais que é de Rosalía agora? Vivimos tempos duros, sen dó, nos que rexorden discursos de odio e medo. Decotío, vemos homes que acenan carraxes co seu dedo. Berregan palabras de ferro. As vítimas son sinaladas polos verdugos. No entanto, nesta transmatria nosa conservamos armas lilas contra a desolación. Fabricounas unha muller con versos irredentos. Vacinas contra a xenofobia que han formar parte do noso ADN. Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio medre no corazón. Grazas a Rosalía temos o sangue envelenado coa afouteza das que foxen. Infectado con versos que denuncian e nos fan ser as outres. A miseria está negra en torno deles / ai!, i adiante está o abismo!, dixo. Si, o abismo. Cemiterios no mar. Refuxiadas. asasinadas. O silencio.
Cremos por iso en identidades errantes, aquelas que elixamos nós. Ninguén ha decidir o noso xénero nin os afectos. Ninguén nos ha retirar dereitos nin nos ha facer súbditas. Ninguén nos ha expulsar de ningures, porque Rosalía instalou en nós a insubmisión de ser e un futuro para soñar. El serán os seus versos un andazo? Insubmisión na denuncia da violación e da violencia de xénero: que morden si acariñan, que cando miran queiman/ que dan dores de raiba, que manchan e que afrentan. Insubmisión contra o poder e o capital: Embargaránnos todo, que non teñen/ esas xentes conciencia, nin tén alma. Insubmisión contra quen coloniza, contra quen explota: déronlle fel por bebida/ peniñas por alimento.


É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Levamos no sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres!

Daniel Asorey
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#ErrantesPoloMundo_rdc_2

24/02/19

PRA A HABANA!

     Unha  mostra das actividades desenvolvidas para conmemorar o Día de Rosalía:  Nuno Couso (2º ESO B) rende, a través do recitado do poema "Pra a Habana!", a  súa particular homenaxe a Rosalía de Castro.



DÍA DE ROSALÍA



       O 24 de febreiro de 1837 naceu María Rosalía Rita, máis coñecida como Rosalía de Castro.  Celebramos hoxe o  182 aniversario do nacemento da nosa poetisa recoñecida universalmente.   Este ano a fermosa iniciativa da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega propón o seguinte lema para lembrar a actualidade da obra da autora:
 Do XIX ao XXI: Libre o meu pensamento!
 



    No Ies de Curtis, dende o espazo de Curtisbiblio, ofrecémoslle o noso recoñecemento reivindicando a súa figura e o seu pensamento. Facémolo a través  dunha pequena exposición composta por imaxes, unha escolma dos seus poemas, as súas obras e bibliografía sobre a transcendencia e a contribución literaria da nosa insigne autora.



Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas