Amosando publicacións coa etiqueta Día das Letras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día das Letras. Amosar todas as publicacións

17/05/24

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024

       A autora á que está dedicada este ano a festa das letras é  Luísa Villalta.  Con ela son seis as mulleres homenaxeadas no Día das  Letras Galegas. As anteriores foron Rosalía de Castro (1963),  Francisca Herrera (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e Xela Arias  (2021). A necesaria visibilidade do traballo creativo feminino vai paseniñamente ocupando o lugar que merece.



No noso centro contribuímos coa nosa pequena achega a esta celebración colectiva cunha serie de actividades realizadas  polo Equipo de Dinamización en colaboración con diferentes departamentos. Velaquí unha pequena mostra das mesmas.









16/05/24

A CELEBRACIÓN DO DÍAS DAS LETRAS GALEGAS


 Na véspera do 17 de maio, parte do alumnado de 3.º ESO fixo unha breve presentación sobre a historia das Letras Galegas ante os seus compañeiros e compañeiras de 1.º e 2.º ESO e FP.



17/05/23

60 ANOS DESPOIS...

 

O 17 de maio de 1963 a Real Academia Galega instituíu a celebración do Día das Letras Galegas recollendo deste xeito a petición de tres dos seus membros: Xesús Ferro Couselo, Manuel Gómez Román e Francisco Fernández del Riego. Este último é,  60 anos despois, a  figura homenaxeada no día grande da nosa cultura.

Francisco Fernández del Riego (1913-2010) foi escritor e editor, fundador de Galaxia, presidente da Real Academia e, como xa indicamos,  impulsor da celebración do Día das Letras. De entre todos os materias que circulan pola rede estes días escollemos este pequeno documento audiovisual onde o propio autor nos fala da súa vida e da inmensa actividade cultural desenvolvida.



11/01/21

XELA ARIAS, LETRAS GALEGAS 2021

    A escritora Xela Arias será a homenaxeada na edición do Día das Letras Galegas deste ano. A malograda poetisa, nada en Lugo en 1962, faleceu cando contaba  só con 41 anos por un problema cardíaco. A súa curta vida non lle impediu ser unha das nosas máis singulares voces poéticas concretada ao longo de catro obras fundamentais: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990) , Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). Ao carón da súa contribución ao mundo da poesía cómpre salientar o seu labor como tradutora e editora vinculado á editorial Xerais. 

    Unha voz feminina e feminista que nos achegou a un universo poético transgresor e anovador dende a lingua galega. Neste enlace pódese acceder a unha entrevista á autora realizada polo escritor Manuel Rivas.

 

31/10/20

31 DE OUTUBRO, DÍA DAS LETRAS GALEGAS

    As especiais circunstancias que estamos vivindo condicionan múltiples aspectos das nosas vidas, incluída a axenda cultural. A celebración do Día das Letras  Galegas ficou adiada dende o pasado 17 de maio, despois de que a Real Academia Galega decidise trasladala para o 31 de outubro.

    Estamos pois ante o Día das Letras máis atípico que podemos lembrar pero isto non pode facernos esquecer a importancia desta celebración polo compoñente que posúe de exaltación  e reafirmación da nosa identidade. Tampouco pode menoscabar a transcendencia da figura do escritor homenaxeado nesta edición: Ricardo Carballo Calero. 

 


 

     Recuperamos traballos do alumnado xa presentados neste blog  e incorporamos novas achegas de recursos e  páxinas sobre o autor.

 - Páxina da RAG

 - Telexornal CPI dos Dices

 - Vídeo IES de Arzúa

Presentacións alumnado de Curtis 

 -Presentacións alumnado de Curtis

·  Recurso educativos do Seminario Galán

·  As Letras Galegas 2020 no Diario Cultural da Radio Galega

·  Especial do Día das Letras Galegas 2020 da Biblioteca Virtual Galega

·  Don Ricardo de Fingoi - Carballo Calero en Lugo

·  Carballo Calero no centro de documentación de autores da AELG

·  Espazo das Letras Galegas 2020 do Consello da Cultura Galega

·  Materiais sobre Ricardo Carvalho Calero do SNL do Concello de Pontevedra

·  Ricardo Carvalho Calero en Compostela – Concello de Santiago de Compostela

·  Espazo web das Letras Galegas 2020 da Deputación de Pontevedra

·  Ricardo Carballo Calero - Caricaturas de Siro López

 

21/05/19

TELEXORNAL ANTONIO FRAGUAS

       Un ano máis damos difusión ao magnífico traballo  do alumnado do CPI dos Dices (Rois- A Coruña)  que nos achega á figura do autor homenaxeado no Día das Letras.                                        


 

16/05/19

TERRA


        Achégase a celebración do Día das Letras Galegas e o alumnado do IES de Curtis  vai render unha modesta homenaxe á literatura e á nosa terra. A través de vídeos, recitado de poemas, dramatizacións, presentacións... faremos un percorrido pola nosa historia dende o século XIX ata a actualidade. Tomando como referencia textos de diferentes autorías (dende Rosalía e Pondal ata Marilar Aleixandre ou Teresa Moure pasando por Noriega Varela, Cabanillas, Castelao, Avilés de Taramancos, Xabier Seoane...) daremos renda solta á creatividade facendo nosas as súas palabras.
      Rematamos relacionando o título desta actividade organizada polo Departamento de Lingua Galega co legado do autor homenaxeado nesta edición do Día das Letras :

"A miña modesta obra non é máis que un pequeniño gran de area no montón que foron facendo todos aqueles que, de moi distintas maneiras e cadaquén ó seu xeito, traballaron ó longo dos anos, traballan agora e seguirán traballando arreo no futuro, sempre desinteresadamente, non máis que polo ben de Galicia. Por amor á nosa Terra".
                  Antonio Fraguas Fraguas
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas