Amosando publicacións coa etiqueta Luz Pozo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Luz Pozo. Amosar todas as publicacións

21/04/20

LUZ POZO GARZA


      O pasado 20 de abril faleceu a escritora Luz Pozo Garza. Nada en 1922, foi integrante da Promoción de Enlace, unha das xeracións poéticas que sufriu a “longa  noite de pedra” da ditadura franquista. Entre as súas obras  destacan O paxaro na boca,  Concerto de outono, Verbas derradeiras,  Códice Calixtino, Medea en Corinto...

     A súa mensaxe, de raíz existencialista, fálanos da soidade, o abandono, o desamor… sen esquecer a preocupación polo pasado e o futuro de Galicia.


     A mellor homenaxe e mostra de recoñecemento a unha escritora é a vixencia e a inmortalidade da súa obra.  No seguinte poema a referencia ao mito de Medea, símbolo de muller autónoma e inusual, entronca coa reflexión sobre  a súa natureza como muller inconformista e contestaria, receptora do legado de Rosalía. 

 Ás veces me pregunto por que eu non son
Como as demais mulleres: amar sen desacougo
Poñer en paz o corazón e a mente
Agardar con paciencia que baixen as augas
Nas crecidas do río
Resignarse á evidencia aceptar os desaires
E rezar en silencio ou chorar entrementres
As bágoas máis amargas enriba da almofada
Sempre ocultando a ira. Sempre con mansedume
Cun sorriso nos labios. Non. Eu non son daquelas
Que cantan ás flores e ás pombas xa o sei
A min mátame a sede. A min fáltame o aire
Levo un cravo moi fondo de amor e de paixón
Nin o podo arrincar que arrincaría a alma
Prendería o lume que me queima por dentro
Eu non son daquelas que cantan ás flores e ás pombas
Das que se resignan ante o desamor
E rezan e consomen bágoas sobre da almofada
Non! Eu son Medea!
                                    Luz Pozo Garza, Medea en Corinto, 2002

06/06/09

Deter o día cunha flor

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) acaba de publicar 'Deter o día cunha flor', un coidado volume, editado por Baía, en que os seus poemas dialogan cos gravados do betanceiro Xosé Valentín. Divídese en catro apartados: Aleph, Li Yian pide deter o día, Lotus no corazón e Carta de Beatrice Vía-Láctea
Trátase dun poemario de amor expresado en catro seccións: os poemas do Aleph son meditacións das que xorden unha diversidade de visións (a vida, arelas divinas, a Face de Deus, o triunfo do amor, a palabra de Deus non dita, a busca do descoñecido, o Graal, a visión mítica das Pléiades, o paraíso perdido, o diálogo da alma...) Na sección de Li Yián (poeta chinesa do século XI), as visións son diálogos de amor e de ausencia. Na sección de Lotus no corazón recupero os espazos fragmentados de Prometo a Flor de Loto, elexías a Eduardo, o amado. E na última sección, Carta de Beatrice Vía-Láctea, reprodúcese a visión mística do camiño iniciático de Compostela, nunha lembranza do amor e da morte: “Vólvome ó Paradiso”.
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas