Amosando publicacións coa etiqueta Premio Nacional de Poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premio Nacional de Poesía. Amosar todas as publicacións

06/10/17

PREMIO NACIONAL DE LIX PARA ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO



    A obra Poemar o mar do escritor galego Antonio García Teijeiro foi a escollida polo xurado para ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil neste ano 2017.   

    Este premio é concedido polo Ministerio de Educación e concorren a el obras en calquera das linguas oficiais do Estado. Foron cinco as ocasións en que este recoñecemento recaeu en autores e autoras galegos: Paco Martín, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz e Ledicia Costas.

    García Teijeiro é o autor, entre outros moitos títulos, de Na fogueira dos versos ou de Petando nas portas de Dylan. É unha constante na súa obra, e tamén na súa vida, a defensa incondicional do xénero poético concretada a través de cursos de animación á lectura, obradoiros de poesía, conferencias... A obra galardoada, publicada o pasado ano por Edicións Xerais forma parte dunha triloxía composta pola narración Palabras do mar (2016) e o libro de poemas en castelán En la cuna del mar (2015).

 

28/10/15

Gonzalo Hermo gaña o Premio Nacional de Poesía Nova «Miguel Hernández»



Dende a Biblioteca Sarmiento facémonos eco dunha marabillosa nova para a nosa cultura: o escritor Gonzalo Hermo vén de gañar  o Premio Nacional de Poesía Nova «Miguel Hernández» coa obra escrita en galego  Celebración (Apiario, 2014). 

O  premio, dotado con 20.000 euros,  distingue a mellor obra de poesía publicada en 2014 por un autor español menor de 31 años. O autor celebrou a mirada cara  outras linguas do Estado con este recoñecemento e co recentemente outorgado a Ledicia Costas (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Escarlatina, a cociñeira defunta). O xurado do premio, promovido polo ministerio de Educación, Cultura e Deporte, valorou en Hermo a súa aposta por abrir novos camiños para a expresión poética.


Gonzalo Hermo (Rianxo, 1987), licenciado en Filoloxía Galega, empregado no Instituto da Lingua Galega e membro do colectivo de intervención sociocultural Redes Escarlata, publicou as súas primeiras obras en revistas como Dorna, Andar 21 ouNova Ólisbos e, posteriormente, a colección de poemas Escola do resentimentona Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe. Logo editou o libro de poemas Crac(2011), co que gañou o premio de poesía do certame Xuventude Crea, e Celebración, que mereceu o Premio da Crítica de Poesía en galego.


 Parabéns ao galardoado! Podedes procurar máis información no blog do autor.

12/10/13

Premio Nacional de Poesía

 

Comezamos curso cunha boa nova para as letras galegas. O poeta Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932)  vén de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra Os ángulos da brasa.        
 O premio concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte  recoñece a calquera poeta dunha das linguas oficiais no Estado. Esta   é a primeira vez que se concede a unha obra escrita en galego.
 
 O poemario Os ángulos da brasa , editado por Faktoría K de Kalandraka, recibiu, entre outros galardóns, o Premio da Crítica Española, o da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Anxel Casal da Asociación Galega de Editores.
 

 O autor  está considerado unha das voces máis sólidas da poesía contemporánea.   A súa traxectoria está caracterizada pola  discreción e pola pouca participación en acontecementos literarios. Despois de traballar moitos anos como xornalista, Torneiro deu a coñecer o seu primeiro poemario cando tiña xa cincuenta anos e publicou Memoria dun silencio. Na obra premiada afonda  nunha poesía na que sobrancean as emocións interiores, a evocación de momentos cotiáns que  toman forma poética.
 
 Xosé Manuel Eiré, crítico literario que formou parte dun dos xurados que premiou a Torneiro, apuntou no seu blogue  Ferradura  que  Os ángulos da brasa: “…É un poemario extraordinario, un poemario que logra ser emotivo sen deixar de ser reflexivo, unha ollada sobre a vida desde a altura dos anos e da experiencia, sobre a vida e o ser humano".
 
 Parabéns ao autor e á cultura galega!
 
 
 
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas