Amosando publicacións coa etiqueta Encontros con escritores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontros con escritores. Amosar todas as publicacións

26/03/25

LENDO E ESCOITANDO POESÍA

      Dentro das actividades propostas na Semana Cultural tivemos a oportunidade de achegarnos ao particular universo de Lúa Mosquetera. 

 


    No encontro a autora realizou un recitado de poemas do seu libro Espíderman. A beleza dos seus textos estivo acompañada polos acordes da guitarra de Pablo  Seixas.


Moitas grazas Lúa por facernos sentir a poesía dende unha maneira diferente!

31/05/22

ENTREVISTA A EVA MEJUTO

Aproveitando a presenza da escritora Eva Mejuto no noso centro realizámoslle unha pequena entrevista onde nos falou da súa faceta de lectora e escritora.


 Entrevistador: Nicolás Seoane

24/02/22

FALANDO CON ANTÍA YÁÑEZ

   O encontro que mantivemos coa escritora Antía Yáñez non puido ser máis interesante. Falounos do seu libro O misterio de Portomarín, da historia do encoro de Belesar e de como lle cambiou a vida á veciñanza do lugar. A través de fotografías antigas transportounos ao pasado para contarnos como era a vila antes do asolagamento. Soubemos que, coa chegada do encoro, parte das construcións foron trasladadas a outro emprazamento. Pareceunos moi curioso que a igrexa  fose levada pedra a pedra  ata unha nova ubicación.

    Ademais da historia de Portomarín, a autora falounos do proceso da creación literaria. Contounos como as súas lecturas da infancia  e adolescencia influíron na escolla dos protagonistas. Tamén nos comentou que se inspirou nunha familia veciña súa para asignarlles os nomes aos personaxes principais.  Despois de falarnos de O misterio de Portomarín respondeu ás nosas numerosas preguntas sobre outros libros que ten escritos e sobre  como se iniciou na profesión de escritora. 

    Foi, sen dúbida, unha charla moi entretida na que aprendemos moito sobre  o pasado de Portomarín  e o proceso de elaboración dos libros. Rematamos esta pequena crónica agradecendo a Antía Yáñez a súa presenza no noso centro e a  súa amabilidade e atención. 







12/03/19

ANDREA MACEIRAS


    
     O vindeiro luns, 18 de marzo, faremos un alto entre exame e exame para manter un encontro literario coa escritora Andrea Maceiras. Esta será a segunda vez que teñamos a honra de recibila no noso centro, pois xa estivo no IES de Curtis fai uns anos para falarnos de O segredo do lagarto arnal.  
      Nesta ocasión, o alumnado de 3º da ESO asistirá a  unha sesión dedicada á obra Europa Express. Posteriormente a rapazada do Club de Lectura de 4º ESO e 1º de Bacharelato compartirá impresións coa autora sobre a súa última novela: O que sei do silencio.
     Agardamos impacientes a súa visita!

04/04/18

ENCONTRO CON VÍCTOR FREIXANES

     
       O vindeiro luns, 9 de abril, o alumnado de 1º de bacharelato do IES de Curtis manterá un encontro literario con Víctor Freixanes, o actual presidente da Real Academia Galega. A actividade, organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura, estará centrada na obra Cabalo de ouros (Galaxia, 2012).
   
      Curtisbiblio quere aproveitar a ocasión de contar cun persoeiro tan relevante da nosa cultura para realizar un achegamento á súa figura e á  institución que preside.



     Víctor Fernández Freixanes naceu o 24 de agosto de 1951 en Pontevedra. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela. Tras unha estancia en Madrid, traballou no  departamento de actividades culturais de Radio Popular de Vigo. Nesta época iniciou un intenso labor xornalístico en prensa, radio e televisión. En 1976 editouse o seu primeiro libro, Unha ducia de galegos e en 1980 publicou Memoria dun fuxido.  Entre as súas novelas destaca O triángulo inscrito na circunferencia (1982) co que gañou o Premio Blanco Amor. Outros títulos salientables son O enxoval da noiva (1988), A cidade dos césares (1993) e Cabalo de ouros (2012).

 
      É catedrático  de Lingua Galega e Literatura,  cargo que ocupou nun instituto de  Bacharelato na cidade de Vigo; actualmente exerce como profesor titular na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Compaxinou a súa dedicación á literatura  e ao xornalismo coa tarefa de presentador do programa da TVG A Trabe de Ouro.  Tivo unha relevante presenza no mercado editorial como  director de  Edicións Xerais, do Grupo Anaya e da editorial Galaxia. 

       No ano 2004 entrou a formar parte da RAG e  no 2017 foi elixido presidente da institución.



     








Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas