Amosando publicacións coa etiqueta Mulleres. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mulleres. Amosar todas as publicacións

06/12/12

As 27 nais da Constitución

AS 27 NAIS DA CONSTITUCIÓN

É a primeira película documental sobre as 27 mulleres (21 deputadas e 6 senadoras) que desde o seu traballo parlamentario na lexislatura constituínte de 1977, foron protagonistas do cambio político cara á democracia en España.

A cineasta gaditana Oliva Acosta recuperou no documental "Las Constituyentes" o traballo das senadoras e congresistas que participaron activamente no debate e desenvolvemento da actual Constitución. Acosta quixo reivindicar así o papel de nais da Carta Magna destas mulleres que narran a través dos 70 minutos de duración desta longametraxe as dificultades e satisfaccións que atoparon desde a súa perspectiva de xénero. Este documental chega aos cines o 14 de decembro.



Vía el diario.es

13/03/12

Concurso "Quen son estas mulleres?"


 Sofía Casanova (1861-1958)
 
Sofía Pérez Eguia y Casanova de Lutoslawski naceu en Almeiras (Culleredo - A Coruña) en 1861 e morreu en Poznan (Polonia) en 1958. Trasladouse moi nova, xunto coa súa familia, a Madrid para poder estudar. Casou en 1887 co profesor, filósofo e diplomático polaco Wincenty Lutoslawski, mudando a súa residencia a Polonia, viaxando cada ano a Galiza durante o período de verán. Combinou o seu traballo de xornalista co seu estudo de idiomas chegando a dominar oito linguas diferentes.
Viviu acontecementos como a loita das sufraxistas en Inglaterra, o desenvolvemento do sindicalismo, a formación do Partido Bolchevique, as dúas Guerras Mundiais e a persecución dos xudeus polo réxime nazi. Escribiu crónicas e opinou acerca de cada un destes episodios da historia europea. Colaborou en xornais como ABC, La Época, El Liberal, El Mundo, El Imparcial de Madrid, na revista Galicia, na Gazeta Polska e The New York Times.
No momento da fundación da Real Academia Galega no 1906, foi nomeada membro correspondente deste organismo e no ano 1952 concedéuselle por unanimidade o título de académica de honra.
Sofía Casanova só tivo fillas, o que motivou que fose repudiada polo seu marido. En 1917 traballou como cronista de guerra na fronte polaca e como enfermeira para a Cruz Vermella en Varsovia. Volveu a Galiza completamente arruinada e case cega. En 1938 visita A Coruña e a súa aldea por última vez.
Publicou novelas, contos, unha comedia, e mais de 1.200 artigos en xornais e revistas en Galicia, España e Polonia. A súa produción literaria foi moi prolífica,   poesía, novela, teatro, un libro infantil, comentarios sociais, culturais e políticos,  e artigos en publicacións galegas, españolas, hispanoamericanas e polonesas. Impartiu numerosas conferencias sobre a situación da muller e relacións internacionais, tanto en España como en Polonia, traduciu obras clásicas
Sofía Casanova manifestou e tomou partido nunha postura nidiamente pacifista e antibélica; a obra onde evidencia esta postura de xeito máis contundente é nas crónicas de Polonia e Rusia que ela, como correspondente de guerra, escribía para a prensa e que se publicaron reunidas no libro De la guerra no ano 1916.



 
BEATRIZ GALINDO
 (c.1465-1534)



Beatriz Galindo, chamada «a Latina» (c.1465-1534), foi a humanista máis coñecida, e probablemente das máis importantes, entre o grupo das chamadas "douta puellae", ou "mulleres sabias da corte de Isabel la Católica". Estás mulleres, baixo o impulso do Humanismo e o Renacemento, contaron coa actitude favorable á educación das mulleres mostrado por unha raíña que dispoñía dunha biblioteca de máis de 250 volumes e comezou a estudar a lingua latina con 30 anos, aínda que o seu labor sería prematuramente agostado polas ideas impostas pola Contrarreforma.
   Beatriz Galindo naceu nunha familia de fidalgos de orixe zamorana, anteriormente atesourada, vinda a menos. De entre as súas irmás, foi elixida para ser monxa, para o que os seus pais decidiron que tomase clases de Gramática nunha das institucións dependentes da Universidade de Salamanca. Mostrou grandes dotes para o latín, non só na tradución e lectura dos textos clásicos, senón que tamén era capaz, aos quince anos, de falar con gran corrección en latín. A súa fama estendeuse primeiro por Salamanca e despois por todo o reino e empezou a ser coñecida como «A Latina».
   Tivo especial interese en Aristóteles. En 1486, cando ía ingresar no convento como monxa, foi chamada pola raíña Isabel la Católica á Corte para que o ensinase latín. Na Corte non se limitou unicamente aos seus labores como preceptora, senón que a raíña tiña en moi alta estima os seus consellos.
   Casada en decembro de 1491 co capitán artilleiro e conselleiro dos Reis Católicos Francisco Ramírez de Madrid, tivo dous fillos, Fernán e Nuflo. Enviuvou en 1501, retirándose da corte e asentando a súa residencia en Madrid, no que hoxe é o Pazo de Viana.
   Débeselle a fundación do hospital da Latina (1506) e do convento da Concepción Xerónimo en Madrid (ao que legou a súa biblioteca) e atribúenselle poesías latinas e uns Comentarios a Aristóteles. Escribía poesía en latín e estudara teoloxía e medicina.
   O barrio de La Latina de Madrid toma o seu nome do alcume de Beatriz Galindo, pois foi o barrio madrileño onde viviu.


MARGARET E. ATWOOD

(1939)

Naceu en Ottawa en 1939. Prolífica poetisa, novelista, guionista para televisión, crítica literaria e activista política.
Empezou a escribir con 16 anos. Graduouse en 1961, na Universidade de Toronto como licenciada en filoloxía inglesa con estudos tamén de francés e filosofía. Fixo estudos de postgrao no Radcliffe College da Universidade de Harvard. Obtivo un máster en Radcliffe e continuou estudando dous anos máis en Harvard.

Impartiu clases na Universidade de British Columbia, na Universidade Sir George Williams en Montreal, na Universidade de Alberta, Universidade York en Toronto e na Universidade de New York.

Descríbena como unha escritora feminista, xa que o tema do xénero está presente nalgunhas das súas obras de forma destacada. Centrouse na identidade canadense, as relacións deste país con E.E.U.U. e Europa, os dereitos humanos, a liberdade de expresión, os asuntos ambientais, o conflito entre natureza e tecnoloxía, os mitos sociais sobre a feminidade, a representación do corpo da muller na arte, a explotación social e económica desta, así como as relacións de mulleres entre si e cos homes.

É membro de Amnistía Internacional e copreside Birdlife International, en defensa das aves.
Foi Príncipe de Asturias das Letras en 2008.

12/03/12

Concurso "Quen son estas mulleres?"


1. Nace na provincia de A Coruña, na segunda metade do século   XIX.

2. Escritora e cronista.
3. Muller pacfista e antibelicista.
4. Vinculada con Polonia por casamento.
5. Académica de honra da Real Academia Galega.

 
    1. O latín era a súa paixón.

2. Ía para monxa e estudou na Universidade de Salamanca.

3. Deu nome a un barrio de Madrid no cal viviu.

4. Interesáballe moito Aristóteles e por iso escribiu uns Comentarios á súa obra.

5. Ensinou latín á raíña Isabel, quen admiraba moito esta salmantina.



1. Naceu na década dos 30 do século XX.
2. Escritora feminista.
3. Preside unha organización internacional en defensa das aves.
4. Graduouse en filoloxía inglesa nunha universidade  americana.
5. Nos seus libros trata, entre outros, temas relacionados cos dereitos humanos e en especial cos dereitos da muller.

Concurso "Quen son estas mulleres?"

MARÍA BALTEIRA

(S. XIII)

Naceu en Betanzos, probablemente na localidade de Armea. Foi a "soldadeira" máis famosa da nosa época medieval. As soldadeiras eran mulleres que estaban adscritas á corte e que tiñan como oficio cantar e bailar. Por este traballo pagábanlles unha soldada e de aquí vén o nome de soldadeira. 
Case todo o que sabemos dela chegounos a través das cantigas me-dievais, así, é a protagonista de quince cantigas de escarnio escritas por dez trobadores distintos. A través destas descubrimos que María participou nunha cruzada e, sobre todo, coñecemos detalles do ritmo de vida que levaba. Se facemos caso do que se di nas cantigas, María reunía tódolos vicios condenables do momento: xogaba ós dados, aproveitábase da xente, mantiña relacións sexuais de todo tipo con cregos, escolares, xograres, etc., transmitía enfermidades…
Como no caso das demais soldadeiras, non se fai ningunha referencia á súa arte. Eran tempos en que,  a muller só podía elixir entre practicar o amor santo no claustro ou no matrimonio ou ser soldadeira para gozar malia entrar nunha certa marxinalidade. Isto explica a opción de María que, sendo fidalga e posuíndo bens de seu, elixe un oficio próximo á prostitución. Sábese que frecuentou as cortes de Fernando III o Santo e Afonso X o Sabio. Nada se sabe do lugar e data da súa morte e soterramento.
Fica a dúbida sobre que datos das cantigas responden á súa auténtica biografía, porque estas son un tópico literario en que conflúe a sátira dos autores co ánimo de facer rir, lonxe dunha intención moralizadora. Mais a lenda desta muller traspasa os séculos e segue inspirando a autores dos nosos días que a ven como unha avanzada do carpe diem e como un ar de liberdade nas ríxidas normas coas que o sistema patriarcal marcou sempre o territorio feminino.


ALMUDENA GRANDES
(1960)

3.   Escritora española nada en 1960. Cursou estudos de Historia na Universidade Complutense de Madrid, e logrou saltar á escena literaria española ao gañar o XI Premio Sorriso Vertical de Novela Erótica coa súa novela Las edades de Lulú (1989), publicación que supuxo un gran éxito de vendas.
    A partir de Las edades de Lulú comeza unha extraordinaria relación co mundo do cine, xa que varias novelas e contos da escritora foron adaptadas á gran pantalla, como a mencionada, en 1990, Malena es un nombre de tango (1994), Atlas de geografía humana (1998) ou Los aires difíciles (2002).

       En 2007 sae á luz unha das súas obras máis lidas, El corazón helado: en máis de novecentas páxinas relata a vida de dúas familias marcadas pola guerra civil. A propia autora confesou que a xestación da novela ocupara os últimos cinco anos e que o seu labor de documentación levouna a consultar máis de duascentas obras sobre a guerra civil española.

       A súa penúltima novela, publicada en 2010, Inés y la alegría, retoma novamente a época da guerra civil e do franquismo, reflectindo a loita no exilio contra a ditadura franquista e o padecemento dos que tiveron que quedarse aquí, logo de apoiar o bando republicano. Con esta narración obtivo o Premio da Crítica de Madrid, o Premio Iberoamericano de Novela Elena Poniatowska e o Premio Sor Juana Inés da Cruz. Con ela inauguraba a serie Episodios de una Guerra Interminable, cuxa segunda entrega é El lector de Julio Verne, que acaba de saír á luz neste ano 2012.

       Escribiu tamén   contos, recollidos en Modelos  de mujer (1996), onde  aparece un relato baseado nun poema do seu home, o poeta Luís García Montero e en Estaciones de paso (2005) . Tamén publicou recopilaciones dos seus artigos para o diario O País, baixo o título  Mercado de Barceló (2003). Ocasionalmente traballou como tertuliana na Cadea Ser.



NATALIE PORTMAN
  (1981)

  
Aínda que naceu en Xerusalén, Natalie Hershlag (1981) vive dende moi pequena en Nova York onde o seu pai exerce a medicina. O seu avó morreu en Auschwitz e a súa avoa foi espía. Antes dos 12 anos os seus pais cambiáronlle o seu apelido xudeu polo da súa avoa, máis doada e comercial. Entre as súas primeiras películas detacan Mars Attacks e Todos din I Love You.. Ingresou na Universidade de Harvard para licenciarse en Psicoloxía en 2003; durante este tempo, en períodos de vacacións escolares, comezou a rodaxe de Star Wars (algunhas escenas rodáronse na Praza de España de Sevilla). O seu papel nesta nova triloxía foi o da raíña e despois senadora Padmé Amidala, ou o que é o mesmo esposa de Anakin Skywalker e nai de Luke e Leia. A súa confirmación como actriz produciuse grazas á Alice de Closer, papel polo que conseguiu un Globo de Ouro a Mellor Actriz Secundaria e foi nomeada aos Oscars na mesma categoría. En 2005 estrea a superprodución V de Vendeta para a que se rapou totalmente a cabeza. Gravou en España Los fantasmas de Goya de Milos Forman xunto ao actor español Javier Bardem en escenarios variado como o Parque "O Retiro" de Madrid e Segovia.
Das súas últimas películas destacan As irmás Bolena, París, te amo e Cisne negro, papel que lle valeu un Globo de Ouro e o Óscar a Mellor Actriz en 201.

Ademais do cine, colaborou en pequenos traballos de investigación científica sobre a memoria; o seu interese pola ecoloxía (practica o veganismo) quedou patente durante a gravación en 2008 dun documental para a cadea de televisión Animal Planet titulada Gorilas de Ruanda. .

09/03/12

Concurso "Quen son estas mulleres?"

 IRENA SENDLER
(1910-2008)

   Coñecida como «O Anxo do Gueto de Varsovia», foi unha enfermeira polaca que durante a II Guerra Mundial, e arriscando a súa propia vida, axudou e salvou máis de 2.500 nenos xudeus practicamente condenados a ser vítimas do Holocausto.
   En 1942 os nazis crearon un gueto en Varsovia, e Irena, horrorizada polas condicións en que se vivía alí, uniuse ao Consello para a Axuda de Xudeus, Zegota. Pronto se puxo en contacto con familias ás que ofreceu levar os seus fillos fóra do gueto. Pero non lles podía dar garantías de éxito. O único seguro era que os nenos morrerían se permanecían nel. Moitas nais e avoas eran remisas a entregar os seus nenos. Algunhas veces, cando Irena ou as súas rapazas volvían visitar as familias para intentar convencelas, encontrábanse con que todos foran levados ao tren que os conduciría aos campos da morte.
   Ao longo dun ano e medio, ata a evacuación do gueto no verán de 1942, conseguiu rescatar máis de 2.500 nenos por distintos camiños: comezou a sacalos en ambulancias como vítimas de tifo, pero pronto se valeu de todo tipo de subterfuxios que servisen para escondelos: sacos, cestos de lixo, caixas de ferramentas, cargamentos de mercadorías, bolsas de patacas, ataúdes... Nas súas mans calquera elemento se transformaba nunha vía de escape.
   Os nazis souberon das súas actividades e Irena Sendler foi detida e torturada pero negouse a traizoar aos seus colaboradores ou a calquera dos nenos ocultos. Foi sentenciada a morte. Mentres esperaba a execución, un soldado alemán levóusea para un "interrogatorio adicional". Ao saír, berroulle en polaco " Corra! ". Ao día seguinte achou o seu propio nome na lista dos polacos executados. A Zegota lograra deter a execución subornando os alemáns, e Irena continuou traballando cunha identidade falsa.
   Os nenos só a coñecían polo seu nome clave Jolanta. Pero anos máis tarde, cando a súa foto saíu nun xornal logo de ser premiada polas súas accións humanitarias durante a guerra, un home a chamou por teléfono e lle dixo: "Recordo a súa cara, vostede é quen me sacou do Gueto. " E así comezou a recibir moitas chamadas e recoñecementos.
   Foi candidata ao Premio Nobel de la Paz en 2007, aínda que finalmente non resultou elixida. Non obstante, foi recoñecida como Xusta entre as nacións e outorgóuselle a máis alta distinción civil de Polonia: a Orde da Aguia Branca (Order Ora Biaego).


 Luísa Villalta 
            (1957-2004)



Luísa Villalta Gómez naceu na Coruña  o ano 1957. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela e alí licenciouse en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa. Dedicou parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Combinou a docencia coa música xa que tamén  era titulada superior en violín.
Formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela. Foi unha escritora prolífica e versátil, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e textos xornalísticos en lingua galega.
A súa experiencia musical, sen dúbida, influíu na súa creación literaria. Paralelamente á súa traxectoria como autora, desenvolveu unha intensa actividade cultural. Participou en seminarios, en recitais de poesía, deu conferencias e colaborou nunha chea de publicacións periódicas, como Man Común, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, etc. En moitas destas colaboracións podemos percibir a personalidade de Luísa Villalta e a súa consciencia social, de modo particular nos artigos publicados entre os anos 2002 e 2004 en A Nosa Terra, compilados no Libro das colunas (2005). Sensíbel e contundente, puña en evidencia a hipocrisía política, denunciaba os valores e a apatía dunha sociedade ferozmente capitalista ou criticaba os responsábeis dos desarranxos sociais, sempre do lado das persoas máis desfavorecidas e nun ton construtivo. Na súa obra tamén estivo presente a consciencia de ser muller, de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo.
A morte chegou para Luísa Villalta dun modo inesperado, o 6 de marzo de 2004, sendo profesora do IES Isaac Díaz Pardo. Tiña 46 anos e unha vida chea de ocupacións, proxectos e esperanzas.




ADELE
(1988)

Adele Adkins nación en 1988 na cidade británica de Tottenham. Adícase a canción dende moi nova movida pola súa admiración polas Spice Girls. En maio de 2006 graduouse da escola de artes BRIT School, onde estudou tamén Amy Winehouse. O seu álbum debut, "19", lanzado en 2008, chegou a alcanzar os catro discos de platino no Reino Unido. Durante ese ano e o seguinte realizou unha exitosa xira polos Estados, Europa e Asia co tour "An Evening with Adele", que se prolongou máis dun ano. O seu segundo álbum titulado "21" lanzouse en 2011; nel nótase a influencia da música country que coñeceu durante a súa longa xira por Estados Unidos. Foi o condutor do autobús quen a facía escoitar a música do seu Nashville natal. Ese album foi un completo éxito. Para promovelo comezou a xira mundial Adele Live con máis de 50 concertos programados nos Estados Unidos e Europa. En 2012 foi a gran triunfadora dos premios Grammy; durante a gala Adele volveu cantar tras someterse a unha operación de garganta que a mantivo afastada dos escenarios varios meses. Entre os premios concedidos destacan o de mellor álbum, a mellor canción e á mellor letra de 2011 -grazas a 'Rolling in the deep'- e a mellor actuación solista.


Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas