12/03/12

Concurso "Quen son estas mulleres?"

MARÍA BALTEIRA

(S. XIII)

Naceu en Betanzos, probablemente na localidade de Armea. Foi a "soldadeira" máis famosa da nosa época medieval. As soldadeiras eran mulleres que estaban adscritas á corte e que tiñan como oficio cantar e bailar. Por este traballo pagábanlles unha soldada e de aquí vén o nome de soldadeira. 
Case todo o que sabemos dela chegounos a través das cantigas me-dievais, así, é a protagonista de quince cantigas de escarnio escritas por dez trobadores distintos. A través destas descubrimos que María participou nunha cruzada e, sobre todo, coñecemos detalles do ritmo de vida que levaba. Se facemos caso do que se di nas cantigas, María reunía tódolos vicios condenables do momento: xogaba ós dados, aproveitábase da xente, mantiña relacións sexuais de todo tipo con cregos, escolares, xograres, etc., transmitía enfermidades…
Como no caso das demais soldadeiras, non se fai ningunha referencia á súa arte. Eran tempos en que,  a muller só podía elixir entre practicar o amor santo no claustro ou no matrimonio ou ser soldadeira para gozar malia entrar nunha certa marxinalidade. Isto explica a opción de María que, sendo fidalga e posuíndo bens de seu, elixe un oficio próximo á prostitución. Sábese que frecuentou as cortes de Fernando III o Santo e Afonso X o Sabio. Nada se sabe do lugar e data da súa morte e soterramento.
Fica a dúbida sobre que datos das cantigas responden á súa auténtica biografía, porque estas son un tópico literario en que conflúe a sátira dos autores co ánimo de facer rir, lonxe dunha intención moralizadora. Mais a lenda desta muller traspasa os séculos e segue inspirando a autores dos nosos días que a ven como unha avanzada do carpe diem e como un ar de liberdade nas ríxidas normas coas que o sistema patriarcal marcou sempre o territorio feminino.


ALMUDENA GRANDES
(1960)

3.   Escritora española nada en 1960. Cursou estudos de Historia na Universidade Complutense de Madrid, e logrou saltar á escena literaria española ao gañar o XI Premio Sorriso Vertical de Novela Erótica coa súa novela Las edades de Lulú (1989), publicación que supuxo un gran éxito de vendas.
    A partir de Las edades de Lulú comeza unha extraordinaria relación co mundo do cine, xa que varias novelas e contos da escritora foron adaptadas á gran pantalla, como a mencionada, en 1990, Malena es un nombre de tango (1994), Atlas de geografía humana (1998) ou Los aires difíciles (2002).

       En 2007 sae á luz unha das súas obras máis lidas, El corazón helado: en máis de novecentas páxinas relata a vida de dúas familias marcadas pola guerra civil. A propia autora confesou que a xestación da novela ocupara os últimos cinco anos e que o seu labor de documentación levouna a consultar máis de duascentas obras sobre a guerra civil española.

       A súa penúltima novela, publicada en 2010, Inés y la alegría, retoma novamente a época da guerra civil e do franquismo, reflectindo a loita no exilio contra a ditadura franquista e o padecemento dos que tiveron que quedarse aquí, logo de apoiar o bando republicano. Con esta narración obtivo o Premio da Crítica de Madrid, o Premio Iberoamericano de Novela Elena Poniatowska e o Premio Sor Juana Inés da Cruz. Con ela inauguraba a serie Episodios de una Guerra Interminable, cuxa segunda entrega é El lector de Julio Verne, que acaba de saír á luz neste ano 2012.

       Escribiu tamén   contos, recollidos en Modelos  de mujer (1996), onde  aparece un relato baseado nun poema do seu home, o poeta Luís García Montero e en Estaciones de paso (2005) . Tamén publicou recopilaciones dos seus artigos para o diario O País, baixo o título  Mercado de Barceló (2003). Ocasionalmente traballou como tertuliana na Cadea Ser.



NATALIE PORTMAN
  (1981)

  
Aínda que naceu en Xerusalén, Natalie Hershlag (1981) vive dende moi pequena en Nova York onde o seu pai exerce a medicina. O seu avó morreu en Auschwitz e a súa avoa foi espía. Antes dos 12 anos os seus pais cambiáronlle o seu apelido xudeu polo da súa avoa, máis doada e comercial. Entre as súas primeiras películas detacan Mars Attacks e Todos din I Love You.. Ingresou na Universidade de Harvard para licenciarse en Psicoloxía en 2003; durante este tempo, en períodos de vacacións escolares, comezou a rodaxe de Star Wars (algunhas escenas rodáronse na Praza de España de Sevilla). O seu papel nesta nova triloxía foi o da raíña e despois senadora Padmé Amidala, ou o que é o mesmo esposa de Anakin Skywalker e nai de Luke e Leia. A súa confirmación como actriz produciuse grazas á Alice de Closer, papel polo que conseguiu un Globo de Ouro a Mellor Actriz Secundaria e foi nomeada aos Oscars na mesma categoría. En 2005 estrea a superprodución V de Vendeta para a que se rapou totalmente a cabeza. Gravou en España Los fantasmas de Goya de Milos Forman xunto ao actor español Javier Bardem en escenarios variado como o Parque "O Retiro" de Madrid e Segovia.
Das súas últimas películas destacan As irmás Bolena, París, te amo e Cisne negro, papel que lle valeu un Globo de Ouro e o Óscar a Mellor Actriz en 201.

Ademais do cine, colaborou en pequenos traballos de investigación científica sobre a memoria; o seu interese pola ecoloxía (practica o veganismo) quedou patente durante a gravación en 2008 dun documental para a cadea de televisión Animal Planet titulada Gorilas de Ruanda. .

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas