Amosando publicacións coa etiqueta Exposicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Exposicións. Amosar todas as publicacións

21/11/19

GALICIA, UN RELATO NO MUNDO


      Vén de inaugurarse, na Cidade da Cultura de Santiago, a exposición Galicia, un relato no mundo, na que se examina o papel das diferentes culturas, pobos e grandes eventos históricos na conformación da historia e da identidade galega. Tamén se fan evidentes as relacións e a profunda conexión da comunidade galega con outros países -sobre todo europeos e americanos-, rompendo así co mito do aillamento e explorando o papel e o impacto de Galicia no mundo. 




    No marco da exposición chegan por primeira vez a Galicia destacadas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións de museos situados en distintos lugares da xeografía mundial. O visitante poderá gozar delas facendo uso das novas tecnoloxías que lle van permitir interactuar "in situ" con diferentes materiais da exposición. 

            O impacto de Galicia no mundo non debe pasarnos desapercibido: témolo ó alcance da man do 15 de novembro ó 12 de abril. 

Máis información a través da seguinte ligazón :


28/03/17

Amor omnia vincit

A investigación sobre todas as parellas que compoñen esta exposición realizouna alumnado de ESO e Bacharelato do IES de Curtis.
As tarefas de coordinación e revisión do traballo, así como o deseño do concurso  
Amor Omnia Vincit
  corresponden ao profesorado que imparte as materias de linguas e ó equipo de biblioteca do noso IES.

24/05/13

Exposición da EASD Ramón Falcón no IES de Curtis

Vídeo da exposición no IES de Curtis dos traballos realizados polas alumnos e alumnas do Ciclo Formativo de Grao Superior de Cerámica, ilustrada con fotografías do alumnado do Ciclo Formativo de Grao Superior de Fotografía Artística da EASD Ramón Falcón de Lugo.

Maio 2013.


17/02/13

E a ti...que che gustaría ler?

O pasado xoves visitounos a libraría Aenea de Santiago: grazas a esta actividade, o noso alumnado puido, ao longo da mañá, ir pasando pola biblioteca,  onde estaba exposta unha boa cantidade de  libros de diferente xénero e temática. Nin que dicir ten que os nosos mozos e mozas puideron non só ver e tocar, senón tamén suxerir títulos para incorporar aos fondos deste espazo de lectura e traballo.
Realmente, foi unha actividade ben agradable para todos. 

Grazas, desde aquí, a Lola por axudarnos, co seu traballo, a seguir desenterrando o enorme tesouro que hai nos libros.



15/01/13

Mostra Cartas de Amor (I)


O noso instituto ilustra estes días as súas instalacións coas pezas da exposición Cartas de Amor, unha mostra gráfica para sensibilizar á poboación máis nova sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e, en definitiva, erradicar formas de relación asimétricas e violentas.

Cartas de Amor é unha mostra do cómic galego sobre violencia de xénero, con debuxos dos artistas Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, José Luís Méndez, Jack Mircala, Javier Olivares, David Pintor, Pirusca, Primitivo, Sonia Pulido, Paco Roca, Sergi San Julián, Eva Vázquez, Óscar Villán e Anxos Suma.

Esta mostra pretende motivar a reflexión sobre o paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que, ás veces, vai asociada a elas, ante o incremento que se está a detectar dos casos de violencia verbal ou física nas relacións de parellas entre adolescentes.

Complementando esta mostra, deixamos aquí a Unidade Didáctica sobre Violencia de Xénero, elaborada polo Departamento de Orientación do noso centro.


26/03/12

Os adeuses

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA
no IES de Curtis

Os Adeuses 

do fotógrafo Alberto Martí,
realizada polo Consello da Cultura Galega e o CGAI.

Aberta ao público: luns, martes e mércores de 16.00 a 20:00.

Percorrido guiado: luns e mércores, ás 17:00, a cargo do profesor de Historia Ángel Corral Coira.


En Galicia temos fartura de despedidas, pois é “terra de adeuses”, como en feliz ocasión a cualificara o patrucio de Trasalba, Ramón Otero Pedrayo. Foi unha das pérolas que ecoaron naquel discurso de inauguración do curso académico 1954-1955 pronunciado no paraninfo da Universidade de Santiago, dedicado a evocar as “vivencias” da emigración galega. Cando Otero estaba a pronunciar aquel discurso, os adeuses galegos estaban nun novo apoxeo, coa apertura das migracións cara a América, nomeadamente a países novos como Venezuela e Brasil, que alongaban o leque de destinos americanos, antes centrados nos países de Arxentina e de Cuba. Era a derradeira eclosión da navegación marítima de pasaxeiros, que o propio Otero ben sentira —e contara despois nun guapo libro— con ocasión da súa viaxe a Arxentina en 1947, a bordo do nomeado paquebote Cabo de Hornos.
Daqueles adeuses ficou memoria nalgún documento gráfico que virou célebre, despois da súa publicación en libros como Galicia hoy (1966), a cargo de Luís Seoane e Isaac Díaz-Pardo. Refírome ás famosas fotos de Manuel Ferrol sobre a emigración tomadas no porto da cidade da Coruña. Son documentos singulares, mais escasos. Outros fotógrafos traballaron arreo naqueles mesmos lugares, tomaron milleiros de fotos daquelas chegadas e adeuses, pero non eran coñecidas do público por non se teren difundido acaidamente. Porén non hai ben que se garde eternamente oculto. E o que resulta ser un testemuño de primeira orde sobre o trafego humano da Estación Marítima d’A Coruña pode ser agora coñecido e analizado grazas a esta exposición sobre Os adeuses.
O gardador do tesouro foi o fotógrafo Alberto Martí, quen de forma sistemática e paciente foi enchendo a súa cámara fotográfica de figuras e de sentimentos, de esperanzas e de tristuras. Os seus protagonistas son xente anónima, pero fundamental para entender a historia colectiva da Galicia do século vinte.





12/01/12

David Rubín - Exposición





Hoxe inaugurouse na FNAC da Coruña unha exposición de orixinais da última novela gráfica El Héroe, libro 1 do autor galego de banda deseñada David Rubín.








Tivemos a oportunidade de que nos asinará dous dos exemplares da biblioteca (El Héroe e La tetería del oso malayo). 


Aquí déixovos as ilustracións que acompañan á súa firma.

17/02/11

O asombro de Mr. Darwin

Os Museos Científicos da Coruña celebran o Día Darwin coa presentación dunha exposición web.

MisterDarwin.eu é unha web interactiva, participativa e multilingüe (galego, castelán e inglés), nada para complementar a exposición “O asombro de Mr. Darwin”. Pero máis que un mero complemento, é un produto divulgativo autónomo que terá valor por si mesmo, incluso unha vez que a exposición termine, xa que está pensada para ofrecer novos recursos didácticos a públicos de todo o mundo.

31/01/11

“First Ladies: mulleres en conflitos armados”


A ONGD Médicos sen Fronteiras inaugurou o 19 de xaneiro a exposición “First Ladies: mulleres en conflitos armados” no Centro Cultural da Obra Social Novacaixagalicia.

Como explican dende MSF, as mulleres son as primeiras que sofren cando o poder das armas desbarata unha sociedade. Pagan o precio da guerra e os enfrontamentos. Son extremadamente vulnerables e cando quedan embarazadas deben dar a luz nunhas circunstancias increíblemente atroces. Ademais, adoitan ser vítimas de violacións. Pora retratar esta realidade, renomeados fotógrafos visitaron os proxectos de MSF en áreas de conflito.

A exposición estará na Sala de Exposicións III ata o 20 de febreiro.

A entrada é gratuita e o horario é de luns a venres de 18 a 21 horas e sábados e domingos de 11 a 14 e de 18 a 21 horas.


10/02/10

Patronimía


A idea de realizar esta exposión que tedes na planta baixa xurde do descoñecemento que, en xeral, temos sobre o significado e orixe dos nosos nomes e apelidos.
A familia escolle un nome para nós en función dos seus gustos o da sonoridade deste, léganos os seus apelidos, pero descoñece o significado dos nomes que nos doan. Por iso se fai este traballo e tamen porque é fascinante achegarse ás orixes das linguas e ver como perviven ó longo dos séculos

25/11/09

Darwin, navegando no Beagle


Con Darwin. Navegando no Beagle’ o Museo do Mar de Galicia celebra o ano Darwin coa exposición máis ambiciosa da súa historia, unha mostra que conmemora o 150 aniversario da publicación do libro A orixe das especies , o libro do científico británico Charles Darwin que continúa a ser una referencia no mundo da bioloxía, da navegación e mesmo da filosofía e da relixión.

A exposición inclúe elementos únicos e inéditos, como unha reproducción de nove metros de eslora do Beagle –o barco no que Darwin navegou arredor do mundo- , ou do camarote do científico, unha longa serie de elementos multimedia e máis de 60 pezas relacionadas co traballo do Beagle e co contexto histórico e científico da época. Entre elas, un barómetro Fitzroy procedente do Reino Unido, un microscopio do século XIX, o teodolito –instrumento de medición topográfica- de Domingo Fontán –autor da Carta Xeométrica de Galicia- e una ampla colección de animais disecados, reproduccións de láminas orixinais do Beagle e edicións facsímiles

22/03/09

Exposición na planta baixa


E ti que les?
Na planta baixa do Instituto temos a exposición E ti que les?, 47 personaxes de distintos ámbitos da cultura que falan en primeira persoa dos seus gustos lectores.A finalidade da exposición é falar de libros e fomentar o amor pola lectura. A exposición compleméntase cun vídeo feito para o proxecto coas voces deses 47 personaxes.Desde aquí queremos agradecer a cada un deses partipantes e, especialmente, ao IES de Sabón por esta brillante iniciativa, tan interesante e aproveitábel.

19/03/09

E ti que les?


Na planta baixa do Instituto temos a exposición E ti que les?, 47 personaxes de distintos ámbitos da cultura que falan en primeira persoa dos seus gustos lectores. Moi recomendable.
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas