Amosando publicacións coa etiqueta Andrea Maceiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Andrea Maceiras. Amosar todas as publicacións

08/05/19

ENCONTRO LITERARIO CON ANDREA MACEIRAS


O pasado luns no IES de Curtis recibimos a  Andrea Maceiras nun encontro organizado polo Departamento de Lingua Galega e o Club de Lectura. Con ela puidemos conversar sobre dúas das súas obras máis coñecidas: Europa Express e O que sei do silencio.  
 Os rapaces e rapazas de 3º intercambiamos impresións coa autora sobre a primeira das novelas. Comezamos a sesión cunha presentación relacionada coa obra coa que nos explicou o que era un spin off (narracións que  derivan das obras orixinais, convertendo un personaxe secundario en protagonista). Contounos que a idea de narrar as vivencias duns rapaces que fan un percorrido por Europa en Interrail ao rematar 2º de Bacharelato tiña un certo compoñente autobiográfico. Falamos das amizades, das viaxes e dos perigos das drogas.  


 

Na segunda sesión, os Fendetestas de 4º ESO e 1º Bach conversamos sobre o acoso escolar e como a necesidade de integración social que todos temos pode facernos permitir determinadas condutas  ou comportamentos incorrectos. A escritora fixo que nos puxeramos na pel dos acosadores  para decatármonos de como todos podemos sentirnos identificados, en maior ou menor medida, con eles.  Ao igual que en Europa Express, a  autora fixo referencia ao feito de que a obra tomaba como base unha historia real que a impresionou especialmente.

 
Falamos da relación da literatura co cinema e compartimos impresións sobre determinadas lecturas e series que nos interesaron.  Comentounos que comezou escribíndolle contos á súa irmá pequena  e que se sentía especialmente identificada coa literatura infantil e xuvenil.

Resultou tamén interesante o percorrido que fixo arredor do proceso creativo e das fases previas á publicación das súas novelas: incidiu no tempo que leva darlle vida a unha idea para transformala nunha historia. Con posterioridade á redacción, sucédense unha serie de fases que moitas veces non son advertidas polo lector: correccións, elección do titulo, da cuberta, ilustracións...Ardua tarefa, polo tanto, a do escritor.  

Sen dúbida un encontro moi interesante e produtivo que nos fixo reflexionar sobre diversos temas. Queremos destacar que Andrea Maceiras nos conquistou coa súa simpatía e amabilidade e agradecémoslle  unha vez máis  o seu tempo e dedicación. 

12/03/19

ANDREA MACEIRAS


    
     O vindeiro luns, 18 de marzo, faremos un alto entre exame e exame para manter un encontro literario coa escritora Andrea Maceiras. Esta será a segunda vez que teñamos a honra de recibila no noso centro, pois xa estivo no IES de Curtis fai uns anos para falarnos de O segredo do lagarto arnal.  
      Nesta ocasión, o alumnado de 3º da ESO asistirá a  unha sesión dedicada á obra Europa Express. Posteriormente a rapazada do Club de Lectura de 4º ESO e 1º de Bacharelato compartirá impresións coa autora sobre a súa última novela: O que sei do silencio.
     Agardamos impacientes a súa visita!

13/02/14

Encontro literario con Andrea Maceiras


A escritora Andrea Maceiras visitou o noso centro para falarnos sobre unha obra que  lemos ao longo do primeiro trimestre deste curso: O segredo do lagarto arnal.
 
Comezamos o encontro cunha breve presentación realizada por tres alumnos sobre  a autora e as súas obras. A continuación,  Andrea Maceiras falounos da súa novela, dos personaxes, da historia... Unha parte moi interesante da charla foi cando xurdiu a temática do acoso, aspecto este moi destacable no libro que a escritora comentou dándolle especial importancia. Fíxonos reflexionar sobre este tema poñendo exemplos moi próximos a nós (Os Simpsons).
 
Despois  respondeu ás nosas preguntas. Estas foron moi variadas: algunhas sobre a obra en cuestión e outras relacionadas co seu traballo como escritora. Contounos que comezou a escribir cando tiña a nosa idade  e animounos a presentar os nosos traballos a concursos literarios. Tamén nos comentou cales eran as súas lecturas preferidas e a importancia que tiñan a lectura e a escritura na súa vida.

Finalmente, Andrea visitou a nosa biblioteca e alí  concedeunos unha entrevista  que publicaremos no blog en breve.


  Moitas grazas Andrea,  polo teu libro, pola túa amabilidade e simpatía e, sobre todo,  por  compartir este tempo connosco.

                                 Alumnado de 1º ESO
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas