Amosando publicacións coa etiqueta Premios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premios. Amosar todas as publicacións

14/11/22

AS MALAS MULLERES

 

    A escritora Marilar Aleixandre vén de ser  galardoada co Premio Nacional de Narrativa 2022 pola súa obra As malas mulleres (Galaxia). Por segundo ano consecutivo este premio recaeu nunha obra escrita en galego (2021, Xesús Fraga: Virtudes  e outros misterios).



    A autora da inesquecible novela A cabeza de medusa desenvolve en As malas mulleres un interesante traballo de investigación que recolle en forma de crónica a situación das mulleres nos cárceres durante o século XIX. Na obra aparecen voces descoñecidas coma a de Sisca (presa na cadea) xunto con outras como a de Concepción Arenal (a chamada visitadora de cárceres) ou Juana de Vega. Todas elas son mulleres, `pezas esenciais para comprender a nosa historia e para non esquecer as inxustizas cometidas, porque, como di a autora “sen memoria estamos incompletos”.


Máis información sobre a autora e a obra nas seguintes entrevistas:

O cárcere no S. XIX...

Queremos esquecer...

17/10/20

OLGA NOVO, PREMIO NACIONAL DE POESÍA

     A escritora galega Olga Novo vén de ser galardoada co prestixioso Premio Nacional de Poesía. A obra premiada, que leva por título Feliz Idade, foi publicada en 2019 pola editorial  Tambo. Este poemario recolle as vivencias da autora durante sete intensos anos nos que experimentou  a enfermidade  e morte do seu pai. Mais a vida está chea de contradicións, de risas e choros... e a poeta  nesta época tamén sentiu a dozura do seu embarazo. Deste xeito, nos seus poemas atopamos a  fermosura da concepción da súa filla que traza un camiño inverso ao do seu avó na vida.



 

     O campo, a natureza e o traballo recrean escenarios labregos entroncados na Galicia rural que están presentes ao longo de toda a obra. As casualidades do destino fixeron que a autora recibise a noticia da concesión do premio o 15 de outubro, Día  Internacional da Muller Rural, como unha mostra máis de recoñecemento á súa contribución neste eido.

      Velaquí unha pequena mostra dese fermoso canto á vida e á morte co que a escritora nos agasalla:

A chuvia imita á miña forma de quererte

é como unha amante

que desexo para ti

que te faga feliz

a tódalas horas.

Oxalá non durmas só

mentres eu durmo sen ti.

Ámala porque amas

coma min

as cousas belas.

                                                         --------------------

Dicir por exemplo

que virá a morte e terá os teus ollos

dicir que unha ten nostalxia das branquias

e que un tigre de tenrura

dicir o Pracer guiando o pobo

dicir e non arder… Como se pode?

29/11/17

PREMIOS LITERARIOS 2017

     Esta semana na biblioteca do noso centro fixemos unha exposición dalgunhas das obras dos autores e autoras ós que lles foron concedidos os premios máis significativos ó longo do ano. Entre eles destacamos a:
  • Marilar Aleixandre
  • Antón García Teijeiro
  • Rosa Montero
  • Manuel Lourenzo González
  • Santiago Lopo
  • Ledicia Costas 
     É marabilloso poder gozar da literatura! Agardamos incorporar en breve ós nosos andeis algunhas das obras premiadas.
     Parabéns a todos e todas!


07/02/12

Recoñecemento para os servizos e os equipos de normalización lingüística por parte dos/as escritores/as

A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) acordou concederlle o seu premio anual de institucións aos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos e aos equipos de normalización e dinamización da lingua (ENDL) dos centros de ensino

 Na súa asemblea anual, que tivo lugar o pasado 4 de febreiro, a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG), decidiu outorgarlle o Premio AELG para institucións aos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos e aos equipos de normalización e dinamización da lingua (ENDL) dos centros de ensino, galardón que se entregará na Cea das Letras que terá lugar o 5 de maio.

Segundo sinalan desde fontes da AELG, concédenlle este premio aos SNL e mais aos ENDL, "como xusto e merecido recoñecemento a un sector social e profesional que leva décadas a traballar arreo polo avance en materia de normalización lingüística, ás veces visíbel e outras moitas silente". Deste xeito, a asociación que representa os escritores e as escritoras en galego "apoia o seu labor comprometido para coa lingua de noso, sempre necesario e agora máis xustificado que nunca neste presente incerto, e anima para a súa continuidade como garante imprescindíbel dun futuro que o noso país merece e precisa".

29/11/11

José Luís Sampedro - Premio Nacional das Letras

O intelectual de esquerdas, novelista, economista e humanista José Luís Sampedro (Barcelona, 1917) gañou hoxe o Premio Nacional das Letras por ser "un dos máis importantes escritores vivos en lingua castelá, así como unha referencia intelectual e moral de primeira orde na España da segunda metade do século XX", destacou o Ministerio de Cultura ao informar do premio, o máis prestixioso tras o Cervantes.

Catedrático de Estrutura Económica, ex senador e membro da Real Academia Española desde 1990, conciliou o desempeño de altos cargos administrativos e académicos na área económica cunha recoñecida produción literaria.

Viviu en Tánxer ata os trece anos, e participou na Guerra Civil en ambos os bandos. Foi funcionario de Aduanas en Melilla, e marchou a Madrid, licenciándose en Ciencias Económicas, traballando a continuación no servizo de estudos do Banco Exterior de España. En 1955 obtivo a cátedra de Estrutura Económica na Universidade Complutense de Madrid, da que pediría a excedencia en 1969 por razóns políticas. Foi profesor visitante en universidades do Reino Unido e á súa volta a España, foi asesor económico na Subdirección Xeral de Aduanas e profesor na Escola Diplomática, o Instituto de Estudos Fiscais e a Universidade Autónoma de Barcelona. Volveu ao Banco Exterior, onde chegou a ser Subdirector Xeral e acabou a súa carreira profesional de novo na Subdirección Xeral de Aduanas. Desde 1990, é membro da Real Academia Española da Lingua.

Sampedro é autor de obras económicas como Principios prácticos de localización industrial (1957), Realidad económica y análisis estructural (1959) ou Las fuerzas de nuestro tiempo (1967). A concepción humanista do profesor Sampedro "alenta tamén o máis destacado da súa produción literaria", sinala Cultura, que destaca entre as súas obras algunhas consideradas "claves" da narrativa española de fin de século, como Octubre, octubre (1981), La sonrisa etrusca (1985), La vieja sirena (1990), Real Sitio (1993), El amante lesbiano (2000), Escribir es vivir (2003), La senda del drago (2006), e La ciencia y la vida (2008).

José Luís Sampedro é un referente no movemento 15-M. Foi prologuista do libro de Hessel Indignádevos, na súa edición en castelán, considerado entre os numerosos cidadáns que integran o movemento como un libro imprescindible para entender todo o que está pasando, case coma se fose un libro de cabeceira de lectura obrigatoria. Á sombra do libro de Hessel, é coautor do libro Reacciona, xunto con Baltasar Garzón, Federico Mayor Zaragoza ou Ignacio Escolar.

 "A miña reacción inmediata é sumarme ao que isto representa". "Non é verdade que sexan unha xeración perdida, por isto agora estades onde estades. Estades amargados, desconcertados, fai uns meses non estabades, pero agora estades presentes".

Fonte: público.es, lecturalia.com

06/10/11

Thomas Tranströmmer - Premio Nobel de Literatura 2011

Tomas Tranströmer (Estocolmo, 1931). Escritor, poeta e tradutor sueco. Desde moi novo alternou o seu traballo de psicólogo coa escritura de poesía. Desde a publicación do seu primeiro libro, 17 dikter (17 poemas) en 1954, aclamado pola crítica, a súa produción creceu sen présa e sen pausa, á vez que a súa obra foi sendo traducida a distintas linguas; na actualidade os seus poemas poden lerse en máis de corenta idiomas. Xunto a Swedenborg e Strindberg, é un dos escritores suecos que máis influíu na poesía universal.

Tranströmer gañou os premios Bonnier de Poesía, o Premio Internacional Neustadt de Literatura, o Oevralids, o Petrach de Alemaña, e o galardón sueco do Foro Internacional da Poesía.
A academia sueca outorgoulle o galardón polo seu estilo sustentado no valor da palabra e na súa capacidade por crear unhas imaxes impactantes próximas ao surrealismo.

Fillo dun xornalista -que o abandonou cando tiña tres anos- e dunha mestra de escola, Tranströmer gañouse a vida como psicólogo en centros penais mentres elaboraba unha obra poética sen présa.

En 1990, Tranströmer sufriu unha hemiplexía que afectou á súa capacidade no fala pero que non lle impediu seguir escribindo. Dezaseis anos antes de que isto sucedese, o poeta previu o que ía ocorrer nun dos seus poemas máis sobrecolledores, Bálticos.

"Entón chega o derrame cerebral: parálise no lado dereito
con afasia , só comprende frases curtas,
di palabras inadecuadas.
Así non alcanzan nin o ascenso nin a condena.
Pero a música permanece, segue compondo no seu propio estilo".



«Os poemas de Tranströmer permítennos acceder ao máis profundo dunha imaxinación desbordante, admirable... Estes poemas móstrannos a un dos mellores escritores das últimas cinco décadas.»
The New York Estafes Book Review

«Hai poetas que nos fan máis intelixentes, máis espertos, que nos volven sutís ou sentimentais ou contraditorios. Tranströmer colócanos no mundo, niso que chamamos realidade e que se diferencia do realismo en que a realidade carece de sentido. Pero nos fai sentir fascinación por existir nel».
Carlos Pardo

El cielo a medio hacer

13/09/11

Parabéns, Agustín!





A literatura galega vístese de gala, xa que Agustín Fernández Paz vén de ser galardoado co VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil na cidade de Guadalajara (Méjico).
O premio, dotado con 30.000 dólares (uns 22.000 euros), recoñece a traxectoria de autores de recoñecido prestixio. Convócao anualmente o Instituto SM para a Educación xunto coas institucións que conforman a Asociación do Premio: Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), International Board on Books for Young People (IBBY), Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC).
Agustín, que sempre escribe en galego porque segundo ten manifestado en distintas ocasión esta é a súa lingua habitual e literaria, é premio nacional de literatura infantil e xuvenil en España (2008) pola súa obra O único que queda é o amor. El non concorda con aqueles que pensan que escribir nunha lingua minorizada pecha portas, e este galardón vén darlle unha vez máis a razón.
Grazas, Agustín, por volvernos facer sentir universais dende a nosa lingua e a nosa cultura.





02/06/11

LEONARD COHEN - Premio Príncipe de Asturias das Letras

É a voz rouca da poesía. O xudeu de Montreal que primeiro colleu o lapis e despois a guitarra. É o home que atrapou a tres xeracións de seguidores cos seus susurros atormentados, que fixo unha obra na que a poesía transcende os estilos, pero que quedou esquinada pola súa proxección musical (...)



Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas