29/11/11

José Luís Sampedro - Premio Nacional das Letras

O intelectual de esquerdas, novelista, economista e humanista José Luís Sampedro (Barcelona, 1917) gañou hoxe o Premio Nacional das Letras por ser "un dos máis importantes escritores vivos en lingua castelá, así como unha referencia intelectual e moral de primeira orde na España da segunda metade do século XX", destacou o Ministerio de Cultura ao informar do premio, o máis prestixioso tras o Cervantes.

Catedrático de Estrutura Económica, ex senador e membro da Real Academia Española desde 1990, conciliou o desempeño de altos cargos administrativos e académicos na área económica cunha recoñecida produción literaria.

Viviu en Tánxer ata os trece anos, e participou na Guerra Civil en ambos os bandos. Foi funcionario de Aduanas en Melilla, e marchou a Madrid, licenciándose en Ciencias Económicas, traballando a continuación no servizo de estudos do Banco Exterior de España. En 1955 obtivo a cátedra de Estrutura Económica na Universidade Complutense de Madrid, da que pediría a excedencia en 1969 por razóns políticas. Foi profesor visitante en universidades do Reino Unido e á súa volta a España, foi asesor económico na Subdirección Xeral de Aduanas e profesor na Escola Diplomática, o Instituto de Estudos Fiscais e a Universidade Autónoma de Barcelona. Volveu ao Banco Exterior, onde chegou a ser Subdirector Xeral e acabou a súa carreira profesional de novo na Subdirección Xeral de Aduanas. Desde 1990, é membro da Real Academia Española da Lingua.

Sampedro é autor de obras económicas como Principios prácticos de localización industrial (1957), Realidad económica y análisis estructural (1959) ou Las fuerzas de nuestro tiempo (1967). A concepción humanista do profesor Sampedro "alenta tamén o máis destacado da súa produción literaria", sinala Cultura, que destaca entre as súas obras algunhas consideradas "claves" da narrativa española de fin de século, como Octubre, octubre (1981), La sonrisa etrusca (1985), La vieja sirena (1990), Real Sitio (1993), El amante lesbiano (2000), Escribir es vivir (2003), La senda del drago (2006), e La ciencia y la vida (2008).

José Luís Sampedro é un referente no movemento 15-M. Foi prologuista do libro de Hessel Indignádevos, na súa edición en castelán, considerado entre os numerosos cidadáns que integran o movemento como un libro imprescindible para entender todo o que está pasando, case coma se fose un libro de cabeceira de lectura obrigatoria. Á sombra do libro de Hessel, é coautor do libro Reacciona, xunto con Baltasar Garzón, Federico Mayor Zaragoza ou Ignacio Escolar.

 "A miña reacción inmediata é sumarme ao que isto representa". "Non é verdade que sexan unha xeración perdida, por isto agora estades onde estades. Estades amargados, desconcertados, fai uns meses non estabades, pero agora estades presentes".

Fonte: público.es, lecturalia.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas