Amosando publicacións coa etiqueta Literatura galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Literatura galega. Amosar todas as publicacións

03/12/14

O meu pesadelo favorito, de María Solar, gaña o Premio Lazarillo

María Solar
O meu pesadelo favorito foi distinguido, entre máis de cen obras presentadas en castelán e outras linguas do Estado, na modalidade de creación literaria dos Premios Lazarillo, convocados pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), co patrocinio del Ministerio de Cultura e Educación. Segundo a acta do xurado, a autora "conta a historia dun neno durante un proceso febril no que os distintos antitérmicos que o seu pai vai dándolle para baixar a febre, fanlle delirar e soñar. Seguindo o ronsel de Alicia a través do espello no País das Marabillas (hai veladas e simpáticas referencias a ese libro), os distintos capítulos van contando diferentes mundos cheos de personaxes inesquecibles, pero en todos eles queda un asunto aberto que se pechará, hermeticamente e perfectamente, no último dos soños, xa sen febre. A autora deseña un universo literario en cada capítulo dende o delirio e o pracer literario, imaxinativo e ficcional".
Este galardón é o máis antigo en literatura infantil e xuvenil no Estado, convócase dende o ano 1958. No ano  1986 a OEPLI é a encargada de convocalos anualmente, en dúas modalidades: "Álbum Ilustrado" e ¨Creación literaria¨. Na modalidade de Álbum Ilustrado a obra gañadora foi ‘El país donde habitan las cigüeñas', con textos de Marta Núñez e ilustracións de Maite Mutuberria.
Vía: Asociación Galega de Editores

28/10/14

Falece Begoña Caamaño

Begoña Caamaño
Onte faleceu en Santiago de Compostela a xornalista,  escritora e activista Begoña Caamaño. Carlos Negro, escritor vencellado ao quefacer desta biblioteca, expresa así a súa dor, que tamén é a nosa. 


 Carta desde a illa de Eea

"De Circe, deusa infeliz que leva na fronte a marca da saudade, para Begoña Caamaño, muller libre e notable escritora, cuxa ausencia conmove as entrañas con grande coita.
Prezada compañeira:
Desde o lamento que provoca a partida daquelas que máis amamos, e mesturada coa dor que pousa no ánimo o impío capricho das Moiras, permite que invoque o teu nome
Desde o lamento que provoca a partida daquelas que máis amamos, e mesturada coa dor que pousa no ánimo o impío capricho das Moiras, permite que invoque o teu nome como un néctar sagrado á beira dos cons desta illa oculta aos ollos do mundo, gándara onde moitas de nós loitamos por construír unha civilización que aínda non se albisca no horizonte, presas da tiranía que tan adoito exercen os nosos compañeiros masculinos, ben polo imperio das armas, ben polo abuso da lei, que acostuma nos tratar como servas.
Quero agradecerche, nobre compañeira, máis alá das bágoas que esvaran sen vergoña polos sucos do rostro, a clarividencia dos teus actos, e as enormes doses de entusiasmo que fuches pousando, como unha mensaxeira da alegría, alí por onde os teus pés (non alados) pisaban. E sempre, desde o exercicio pleno da palabra, a perseguir esa utopía colectiva que ás veces semella tan lonxe: o ben común dunha sociedade de mulleres e homes libres, sen grillóns nin cadeas, unidos pola cor lila, emblema de liberdade.
Quixera agradecerche tamén, desde este arquipélago imaxinario da literatura, a xenerosidade da túa voz, que deu alento a aquelas que nunca o tiveron, pois outros, deuses sen misericordia, sentían e decidían por elas, negándolles o don da fala. E permite que che mande, desde o alén onde as vellas sombras se volven mitos, unha cálida aperta de Penélope e Morgana, de Medea e Clitemnestra, de Andrómaca e Helena. Porque ti, Begoña, acolliches as súas voces na túa boca, mudando o rumbo dos seus tráxicos destinos.
Debes saber, nestas horas de tránsito incerto, que agardamos por ti, conscientes e solidarias, na illa onde nacer muller nunca será unha condena"
Praza Pública (28-10-2014)

Desde este enlace podes visualizar un vídeo no que Begoña Caamaño presenta a súa novela Morgana en Esmelle, obra galardoada co Premio Nacional da Crítica no ano 2013. 





13/06/11

Xavier Queipo gaña o Xerais de Novela 2011 con ‘Extramunde’

Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña
O fallo dos prestixiosos galardóns fíxose público no marco dun acto que tivo lugar na Illa de San Simón e ao que asistiron máis de 300 persoas

Un ano máis, e xa van 28, hai un novo gañador do prestixioso Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros. O galardoado nesta edición foi o escritor santiagués Xavier Queipo, pola súa obra Extramunde. Asemade, a editorial tamén declarou a Anxo Fariña como gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil –por A chave da Atlántida– e a Héctor Carré do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil pola súa novela Febre.
O fallo fíxose público no marco dun acto literario-musical, ao que seguiu unha cea ao aire libre na illa de San Simón. Á velada asistiron máis de 300 persoas, entre as que se atopaban Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Javier Bas, alcalde de Redondela, ou Francisco López, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas.
O acto foi amenizado por O Leo i Arremecághona, o cantante de Matamá, e contou coa intervención de María Xosé Queizán, que rememorou as trobairitz, as donas occitanas que no século XII compuxeron cantigas na lírica medieval, unha xoia literaria que tería repercusión na cantiga de amor galega. Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada polos patrocinadores dos premios.

ÉXITO DA VIOLENCIA
A novela gañadora, Extramunde, foi valorada polo xurado como “un exemplo de calidade na escrita, na que destaca un arranque espectacular e a súa plasticidade”. O texto conta a historia dunha hoste de condenados pola Santa Inquisición, formada por eivados e torturados, que parte do santuario dos embruxados cara ao porto de Betanzos, guiados pola man do capitán Mourelle.
“A violencia terrible, o exorcismo brutal e o sexo constitúen algúns dos eixos temáticos desta excelente novela que encandila e atrapa ao lector coa súa poética expedicionaria”, apuntou o xurado na súa valoración.
Pola súa banda, o escritor e cineasta Héctor Carré sinalou que o éxito de Febre –que conta a historia dun tempo no que o wolframio era o ouro galego– foi escrita para a filla da súa muller “porque non me gustaba o que lía na escola”.
Con respecto a Anxo Fariña, este mostrouse “contentísimo” polo éxito de A chave da Atlántida, unha novela de ciencia ficción que na que mestura os mitos desa civilización antiga coa biotecnoloxía e a robótica.
XORNAL.COM 12/06/2011 - 13:55 h

22/05/11

Agustín Fernández Paz


Non hai noite tan longa é a última novela publicada por  Agustín Fernández Paz.

Sinopse 

Gabriel Lamas ten cincuenta anos e vive en París desde 1970. Aos dezaoito anos marchou de Monteverde, a súa vila natal, e nunca máis volveu. Nin sequera cando morreu o seu pai, inxustamente acusado dun delito polo que foi condenado e encarcerado, nun proceso que provocou a súa morte, en 1972. Só trinta e dous anos despois, o falecemento da súa nai é o que o forza a regresar. Entón, comprobará que nunca podemos fuxir do noso pasado e que as feridas mal curadas non deixan de supurar.

Editorial Xerais
O autor dixo

Esta novela é dalgún xeito un retrato da miña xeración. Chega unha idade na que tes a necesidade de botar a vista atrás e ver como foron as cousas, como te foi levando a vida a facer determinadas cousas. Cando morreu Franco eu tiña 28 anos. 28 anos da miña vida marcounos o franquismo, pero máis que o réxime político, foi o modo de vida e a ausencia de pautas culturais que nos tocou vivir. Canda fala iso cos meus alumnos custáballes entendelo. Moitos dos autores aos que facíamos referencia na clase son autores que eu debera ter lido na mocidade, pero non puiden: Camus, Beckett, Neruda, Alberti ou Castelao. No cine pasoume igual, eu sabía de memoria a filmografía de Godard polas revistas de cine que lía, pero hai películas que aínda estou ven do agora por vez primeira. Para os que viviron o franquismo con pracidez era normal, pero para os que tiñamos sede de cultura era unha estafa tremenda. A miseria moral e o atraso son vivencias xeracionais. O drama en materia de relacions afectivas marcou a toda unha xeración.
04/05/2011 - Jaureguizar / El Progreso (Lugo)
 
 
Pódese descargar aquí o primeiro capítulo de Non hai noite tan longa .

19/03/11

As palabras que move o mar

As palabras que move o mar (Novidade)
Toxo, Xaime (Autor/a)

As palabras que move o mar son catro relatos longos que teñen como fío condutor a memoria e a construción da identidade alicerzada neses recordos que permanecen imborrables na nosa vida ao longo dos anos. Por que determinadas impresións de natureza emocional, visual, olfactiva, táctil nos acompañan nesta viaxe de asombro e dúbidas que é a vida durante toda a travesía? Un sinal, un nome nun papel, un arrecendo que fotografa un lugar na retina da memoria. O destino é ser devorados por ese vendaval que é o paso do tempo. As palabras que move o mar é un dique contra o que bate a marusía gris e invernal do esquecemento.

24/02/11

Día de Rosalía - 24 de febreiro


Varias cidades e vilas galegas acollerán actos en memoria da escritora, actividade que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere institucionalizar de xeito permanente. Levarase a cabo en oito cidades e vilas galegas, sendo a celebración central en Santiago, no Panteón dos Galegos Ilustres, onde descansan os restos da escritora. Simultaneamente leranse textos de Rosalía na Coruña, Vigo, Lugo, Betanzos, Ferrol, Ourense e Pontevedra, ademais de Compostela.
Durante estes actos lerase tamén un manifesto que define explicitamente o reclamo da actualidade da obra e pensamento rosaliano e a súa transmisión didáctica ás novas xeracións a través tamén da implicación da escola, así como a demanda dun Panteón de Galegos Ilustres que de verdade sexa de titularidade pública e de uso laico, aberto a todas as persoas que a queiran honrar como unha das personalidades fundadoras da nosa nación, xunto aos demais ilustres que alí descansan, para reforzo e orgullo da nosa memoria colectiva.

20/02/11

Poesía Galega


PoesíaGalega.org é unha nova ferramenta web onde temos toda a poesía galega. 
O material audiovisual e os libros que se poden descargar de balde para a súa lectura. O proxecto naceu na USC, da man de Arturo Casas e un grupo de colaboradroes, e pretende ser un repositaro da crítica sobre poesía galega.

09/02/11

Fundación Libélula


Fundación Libélula
Autora: Yashmina Hawki Aziz
Editorial: Xerais

Gladys, Helena e Laura arrastran vidas moi difíciles. Ningunha delas elixiu o pesado lastre dunhas circunstancias provocadas pola escravitude sexual, polo maltrato familiar ou pola precariedade laboral que sofren atadas de pés e mans. Serán os fíos de apoio que a avogada María Xosé Muradas e as súas compañeiras van tecendo dende o xermolo da “Fundación Libélula” de axuda ás mulleres en situación precaria os que lles permiten enxergar a posibilidade de comezar unha nova vida. Mais, a pesar das esperanzas acuñadas deberán seguir loitando, xa que as cousas ás veces empeoran antes de mellorar.

Vía Xerais

28/11/10

Adeus a Francisco Fernández del Riego

O venres, na súa casa de Vigo, falecía Francisco Fernández del Riego aos 97 anos. O último de toda unha xeración de escritores e intelectuais que elevaron a lingua galega ás cotas máis altas da Literatura: Igrexa Alvariño, Carballo Calero, Luis Seoane, Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez... Foi presidente de Real Academia Galega, grande impulsor da editorial Galaxia e artífice do Día dás Letras Galegas.

Fernández del Riego pertenceu á xeración de intelectuais xurdidos arredor do grupo Nós. Durante a República foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, e formou parte do Consello galego de Galeuzca (1934). Foi, xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto, un dos principais impulsores da Editorial Galaxia (fundada en 1950),que liderou o proceso de recuperación cultural na posguerra. En 1963 xurdiu desta editorial a revista Grial, que Fernández del Riego codirixiu e para a que escribiu de forma asidua recensións literarias e artigos. Ingresou en 1960 na Real Academia Galega cun discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores. En 1997 presidiu esta institución.

O seu traballo no ámbito cultural e a súa extensa obra convertérono nun dos principais intelectuais galegos do século XX e comezos do século XXI. Entre os seus libros destacan ensaios sobre a cultura e a literatura galegas como Historia dá literatura galega, Galicia non espello, Dicionario de escritores en lingua galega ou A xeración Galaxia; e estranxeiras, como Letras do noso tempo ou Escritores de Portugal e do Brasil. Cultivou tamén a narrativa (O cego de Pumardedón) e a literatura de viaxes (As peregrinacións xacobeas, ou camiño de Santiago e Galicia). Editou antoloxías poéticas e libros de vocabulario, escribiu gran número de artigos poéticos e biografías. Foi autor dun libro de memorias, O río do tempo (1991). En 2003 recompilou a súa correspondencia con Cunqueiro e editouna en Galaxia co título Cartas ao meu amigo. Epistolario Mindoniense. En 2004 publicou con Galaxia as súas memorias baixo o título de Camiño andado.

12/10/10

Todo é silencio - Manuel Rivas

Manuel Rivas presentará oficialmente o seu novo traballo en Santiago de Compostela nun acto que terá lugar o vindeiro xoves día 14 ás 19.30 na libraría Couceiro, na Praza de Cervantes. Durante o acto intervirán o propio Manuel Rivas, a cantante Iria Peña e os guitarristas Gastón Rodríguez e Miguel Ladrón de Guevara e o editor Manuel Bragado.

"Todo é silencio" narra o irresistíbel ascenso social de Mariscal, un capo contrabandista, e das almas que habitan Brétema, o universo que domina ao seu antollo. En Brétema, na costa atlántica, houbo un tempo en que as redes do contrabando, reconvertidas ao narcotráfico, acadaron tanto poder que estiveron moi preto de controlar o poder social e as institucións. Todo é silencio narra tamén a vida dun grupo de amigos, aos que une dende a infancia o andar á crebas, á procura de restos de naufraxios, no escenario sempre sorprendente do mar de Galicia. Ese mar que fala cos signos que deita na beira. Dende moi pronto, o destino da xente nova estará determinado pola sombra odiosa e engaiolante a un tempo do omnipresente Mariscal. Unha novela, Todo é silencio, que relata como os círculos do crime rodean e corrompen, non sempre con éxito, o extraño feitizo da condición humana.

Co libro de Rivas, Xerais bate unha marca histórica ao convertérense os 12.000 exemplares de saída na tirada inicial máis alta da historia da editorial.

Asasinato no Consello Nacional - Diego Ameixeiras

Un encarapuchado asasinou de tres disparos a Mario Dacosta, parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, cando saía da reunión do Consello Nacional no que a executiva, co seu voceiro á cabeza, Óscar Quiroga, presentou a súa dimisión. Os feitos aconteceron pouco despois das seis da tarde, cando Dacosta se dispuña a arrincar o seu coche, estacionado no aparcadoiro do Hotel Congreso de Santiago de Compostela. Segundo fontes da Delegación do Goberno, o pistoleiro achegouse ao parlamentario e asestoulle tres tiros, fuxindo posteriormente nun vehículo Renault Clio. Un dos disparos impactoulle na cabeza, provocándolle a morte. Os servizos sanitarios trataron de reanimalo no lugar do crime, sen éxito, durante media hora. O presidente en funcións da Xunta de Galiza, Felipe Méndez Tarrío, cualificou o suceso de “atentado contra a democracia”. O vicepresidente Óscar Quiroga, amosouse “conmocionado” e afirmou que “Galiza saberá estar á altura das circunstancias” ante un asasinato “que enche de rabia a todos os demócratas, e especialmente aos nacionalistas galegos”. Fernando Xelmírez, secretario xeral UPG, partido integrado no Bloque e no que o parlamentario militaba dende 1982, amosouse conmocionado polo suceso e cualificou a Dacosta de “camarada insubstituible e extraordinario patriota galego”. Horas antes do crime, Óscar Quiroga anunciara a súa dimisión ao comezo do consello nacional da formación frontista, conclave no que tamén presentou a súa renuncia toda a executiva. Abríase así unha nova etapa despois da derrota sufrida nos comicios autonómicos do 1 de marzo, cuxos resultados devolveron a maioría absoluta ao Partido Popular en detrimento do bipartito formado por PSdG-PSOE e BNG. Alberto Cudeiro, un detective elegante con ínfulas taoístas, recibirá da dirección do BNG o encargo de investigar este crime, que o levará, tamén, a resolver un enigma relacionado coa guerra civil.


Vía Xerais
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas