Begoña Caamaño |
Onte faleceu en Santiago de Compostela a xornalista, escritora e activista Begoña Caamaño. Carlos Negro, escritor vencellado ao quefacer desta biblioteca, expresa así a súa dor, que tamén é a nosa.
Carta desde a illa de Eea
"De Circe, deusa infeliz que leva na fronte a marca da saudade, para Begoña Caamaño, muller libre e notable escritora, cuxa ausencia conmove as entrañas con grande coita.
Prezada compañeira:
Desde o lamento que provoca a partida daquelas que máis amamos, e mesturada coa dor que pousa no ánimo o impío capricho das Moiras, permite que invoque o teu nome
Desde o lamento que provoca a partida daquelas que máis amamos, e mesturada coa dor que pousa no ánimo o impío capricho das Moiras, permite que invoque o teu nome como un néctar sagrado á beira dos cons desta illa oculta aos ollos do mundo, gándara onde moitas de nós loitamos por construír unha civilización que aínda non se albisca no horizonte, presas da tiranía que tan adoito exercen os nosos compañeiros masculinos, ben polo imperio das armas, ben polo abuso da lei, que acostuma nos tratar como servas.
Quero agradecerche, nobre compañeira, máis alá das bágoas que esvaran sen vergoña polos sucos do rostro, a clarividencia dos teus actos, e as enormes doses de entusiasmo que fuches pousando, como unha mensaxeira da alegría, alí por onde os teus pés (non alados) pisaban. E sempre, desde o exercicio pleno da palabra, a perseguir esa utopía colectiva que ás veces semella tan lonxe: o ben común dunha sociedade de mulleres e homes libres, sen grillóns nin cadeas, unidos pola cor lila, emblema de liberdade.
Quixera agradecerche tamén, desde este arquipélago imaxinario da literatura, a xenerosidade da túa voz, que deu alento a aquelas que nunca o tiveron, pois outros, deuses sen misericordia, sentían e decidían por elas, negándolles o don da fala. E permite que che mande, desde o alén onde as vellas sombras se volven mitos, unha cálida aperta de Penélope e Morgana, de Medea e Clitemnestra, de Andrómaca e Helena. Porque ti, Begoña, acolliches as súas voces na túa boca, mudando o rumbo dos seus tráxicos destinos.
Debes saber, nestas horas de tránsito incerto, que agardamos por ti, conscientes e solidarias, na illa onde nacer muller nunca será unha condena"
Praza Pública (28-10-2014)
Desde este enlace podes visualizar un vídeo no que Begoña Caamaño presenta a súa novela Morgana en Esmelle, obra galardoada co Premio Nacional da Crítica no ano 2013.
Ningún comentario:
Publicar un comentario