Achéganse con pasos silandeiros o Samaín, Defuntos, Halloween... E con eles vainos envolvendo unha néboa de intriga, suspense, temor e curiosidade polo Alén. Tes medo? A que? Pensa no fermoso epílogo de Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo:
EU TEÑO MEDO...
Cando petan na porta pola noite.
A estar só cando non quero estar só.
A estar no medio de moita xente.
A quedar só no mundo.
A non morrer nunca.
A morrer pronto.
A morrer estupidamente nunha estrada.
A quedar inútil.
A tolear.
A que lle pase algo aos meus.
A que os que quero non me queiran.
A perder o gusto polas cousas que me gustan.
A ter que vivir sempre nunha cidade.
A que non haxa flores.
(...)
A non ter medo a nada.
A ter moito medo.
Cando pasa moito tempo sen que ninguén pete na miña porta.
A...
Nas aulas respiramos estes días o aire do misterio, que fai agromar en nós a intención de deixarvos aquí textos feitos polo alumnado e relacionados co apaixonante mundo do irracional. Se queredes sentirvos atrapados polo medo, polo misterio e polos coñecementos sobre o Máis Alá, non deixedes de abrir estes días a xanela do noso blog... Seguro que non vos vai deixar impasibles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario