Amosando publicacións coa etiqueta Ano Celso Emilio Ferreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ano Celso Emilio Ferreiro. Amosar todas as publicacións

16/12/12

100% CEF



O poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro amósase coa estrea da longametraxe documental “100% CEF”, dirixida por Aser Álvarez e con Luís Tosar como protagonista, interpretando o escritor nas  súas paisaxes e tecleando nunha vella máquina de escribir. Este traballo audiovisual, que ve a luz xusto cando fai os 100 anos do nacemento de Celso Emilio, pecha os actos de conmemoración do centenario dunha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX.

    O documental, gravado en Celanova, Acevedo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Asturias e Ourense, está baseado en máis de 50 entrevistas, colaboracións artísticas, lecturas de poemas e musicacións que axudan a debuxar un retrato contemporáneo do escritor. A complexidade e amplitude da figura de Celso Emilio é reconstruída a través de entrevistas con familiares, expertos, historiadores, literatos e amigos e conta coa participación de persoas anónimas e coñecidas que recitan, len, rapean e cantan os seus poemas.
    
“100% CEF” é o resultado dun intenso traballo de investigación e achega á vida e obra do poeta. Este retrato poliédrico do autor de “Onde o mundo se chama Celanova” faise a través da conversa cos seus fillos, Isabel e Luís; os seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás; o seu amigo e paisano, o actual presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín; Xosé Neira Vilas, Suso de Toro ou Xosé María Álvarez Cáccamo, entre outros. Os poemas chegan pola voz de cantantes como Luís Emilio Batallán, Xiana Lastra e Mini e Mero, pero sobre todo co punk dos Labregos do Tempo dos Sputniks e co rap máis contemporáneo de Ferriman, Nuno e Fred. O documental tamén conta coa colaboración de artistas como Baldo Ramos, Francisco Leiro, Manolo Paz ou Baldomero Moreiras.

11/01/12

Celso Emilio Ferreiro na rede


 
A Fundación Celso Emilio Ferreiro dispón dunha páxina web desde a que se pode acceder a unha ampla e variada información sobre o escritor e político de Celanova.

09/01/12

Deitado frente ao mar...

Dios ke te crew

                           
                           Lingoa proletaria do meu pobo
                           eu fáloa porque sí, porque me gosta,
                           porque me peta e quero e dame a gaña
                           porque me sai de dentro, alá do fondo
                           dunha tristura aceda que me abrangue
                           ao ver tantos patufos desleigados,
                           pequenos mequetrefes sin raíces
                           que ao pór a garabata xa nan saben
                           afirmarse no amor dos devanceiros,
                           falar a fala nai,
                           a fala dos abós que temos mortos,
                           e ser, co rostro erguido,
                           mariñeiros, labregos do lingoaxe,
                           remo i arado, proa e rella sempre.


                           Eu fáloa porque sí, porque me gosta
                           e quero estar cos meus, coa xente miña,
                           perto dos homes bos que sofren longo
                           unha historia contada noutra lingoa.


                           Non falo pra os soberbios,
                           non falo pra os ruís e poderosos,
                           non falo pra os finchados,
                           non falo pra os valeiros,
                           non falo pra os estúpidos,
                           que falo pra os que agoantan rexamente
                           mentiras e inxusticias de cotío;
                           pra os que súan e choran
                           un pranto cotidián de volvoretas,
                           de lume e vento sobre os ollos núos.
                           Eu non podo arredar as miñas verbas
                           de tódolos que sofren neste mundo.
                           E ti vives no mundo, terra miña,
                           berce da miña estirpe,
                           Galicia, doce mágoa das Españas,
                           deitada rente ao mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro (1978): Obra completa, I (Madrid: Akal editor)

Ano Celso Emilio Ferreiro

O pasado 4 de xaneiro cumpríronse cen anos do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, escritor, político e un dos máximos expoñentes da nosa poesía social.

Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979) iniciou desde moi novo unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país. Cando estalou a guerra foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Condenado a morte por un artigo publicado nunha revista que el mesmo dirixía, a súa familia consegue o indulto. No tempo que estivo na cadea escribe o poema Longa noite de pedra, núcleo central do libro do mesmo título do que se cumpren cincuenta anos da súa publicación. O título da obra converteuse en símbolo da loita contra a ditadura franquista.

Para conmemorar este Ano Celso Emilio Ferreiro programáronse unha serie de exposicións, edicións de libros, concertos e outras actividades destinadas a todos os públicos e a todos os sectores da poboación galega, para pór de manifesto a vixencia dunha obra imprescindible da literatura e da poesía dun dos escritores máis representativos do século XX galego. O programa de actos comezou coa iniciativa ‘100 poemas para lembrar a Celso Emilio’, unha actividade desenvolvida pola Xunta que consistirá na exhibición de mostras da súa poesía nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova, durante todo o ano 2012. Contará asemade cunha exposición interactiva centrada na súa vida e na súa obra, que percorrerá o territorio da comunidade en itinerancia polas bibliotecas e os centros escolares de Galicia.

Dende a Biblioteca Sarmiento damos a benvida a este ano Celso Emilio e agardamos poder contribuír á difusión da súa obra coas nosas pequenas achegas.

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas