Amosando publicacións coa etiqueta Samaín. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Samaín. Amosar todas as publicacións

30/10/24

TEMPO DE SAMAÍN

   


     Estes días o misterio, a escuridade, os seres que habitan no Alén veñen, silandeiros,  ocupar un espazo no IES de Curtis: é tempo de Samaín e na biblioteca non o esquecemos. A literatura relacionada co lado máis escuro e impenetrable da humanidade sae dos andeis e achégase ás vosas mans para que a collades e lle adiquedes o voso tempo. 





Hoxe mércores, Jesús Iglesias, profesor de Inglés, caracterizado para a ocasión, explicou durante varias sesións na biblioteca ao alumnado de 1º e 2º de ESO a relación co mundo celta desta tradición galega . 






02/11/22

E TAMÉN NOS ACOMPAÑAN A LITERATURA E O CINEMA

     Neste tempo de defuntos, de espíritos que camiñan cun pé no alén e outro preto de nós, de ruídos que nos despertan na noite e de alentos que latexan detrás dos nosos pasos non esquecemos que as páxinas dos libros e os fotogramas das curtas e longametraxes serven tamén de acubillo ó misterio e ó medo... 

     Aí o deixamos: pasade pola biblioteca e collede o que vos ofrecemos desde a mesa de exposicións... E se non vos deixa sen fala a sospeita de que non estades sós e de que, de súpeto, unha man misteriosa pode pousarse no voso ombreiro, tedes permiso para berrar de medo!!!


Pero en Samaín non ha de ser só tremer de medo, eh! Deixade tamén un oco para o sorriso... 



31/10/14

No Samaín... contos de medo



Unha noite para recordar

Mariela, unha moza de 15 anos, vivía coa súa familia nunha casa antiga que había nunha pequena aldea case deshabitada.  Achábanse nunha zona de pouca xente,  xa que das casas que quedaban só eran dúas ou tres as que estaban ocupadas.  A Mariela, nas tardes de verán, encantáballe pasear polos prados que había ao redor do cemiterio e así, de paso, tamén ía visitar os seus avós aos que por desgraza non puidera coñecer. Os seus pais, Xan e Lupe, sempre estaban moi pendentes dela, porque dende pequena tiña o costume de espertar e erguerse xa ben entrada a noite.  Xa levaran varios sustos.  Cando tiña só seis anos decatáronse de que a nena non estaba na cama e pasaron o resto da noite en busca dela, sen atopar rastro. Á mañá seguinte, despois de non pegar ollo en toda a noite, Lupe recibiu unha chamada da súa veciña Maribel dicíndolle que encontrara a cativa deitada diante da súa casa e que esta non sabía onde estaba nin que facía alí. A partir desa noite botou un ano enteiro levantándose polas noites, e os seus pais xa estaban desesperados.
Foi a noite do 1 de novembro de 1983, día de Todos os Santos. Era unha noite fría de inverno, o único ruído que se podía escoitar na rúa era o da choiva retumbando nos tellados das casas en ruínas que rodeaban o cemiterio. Mariela, atopábase no seu cuarto, tombada na cama e xa co sono prendido. Xa levaba varios anos sen acontecerlle nada fóra do normal, polo que Lupe e Xan xa durmían tranquilos. Pero aquela noite, Mariela volveu a marchar, e, desta vez, ninguén se decatou. Non eran moito máis das tres da mañá e a rapaza saíu da súa casa  en dirección ao cemiterio, cunhas flores na man, disposta a levarllas aos seus avós. Ía en pixama, sen abrigo ningún, e tampouco se detivera para calzarse. Naquel momento estaba a caer un boa treboada, polo que Mariela se puxo pingando. No cemiterio había máis xente, xente que se xuntaba alí cada noite... A rapaza chegou a xunto a eles e a súa sorpresa foi que atopou alí aos seus avós. Naquel momento todo era felicidade, pero non ía durar moito. Non lle temía a nada, a pesar da hora que era e onde se atopaba. En realidade, esa xente eran os espíritos dos cadáveres que estaban alí soterrados e había moito que non vían a unha persoa. De súpeto, toda esa tranquilidade se converteu nun rebumbio. Os mortos comezaron a berrar e a rodear a Mariela, cada vez estaban máis preto dela e esta comezaba a asustarse. Os tronos cada vez soaban máis forte e os raios relucían máis. Todo estaba escuro, e a rapaza non podía ver nada. Ela tamén empezou a berrar, estaba morta de medo, pero aínda seguía durmida. A cabeza comezaba a darlle voltas e a cada paso vía máis xente. As árbores non facían máis que abanearse dun lado para o outro, e as súas sombras cubrían todas as tumbas. Xa non sabía que facer.  Entón, botou a correr.
 Xa afastada do cemiterio a tranquilidade parecía que regresaba. Ía camiñando por unha corredoira de terra e os pés enterrábanselle no chan debido á cantidade de auga que caera. Tropezou cunha pedra con tan mala sorte que caeu por un barranco. Espertou ao día seguinte ao escoitar os berros dos seus pais e do resto dos veciños da aldea. Levaban toda a noite na súa busca, e por fin deran con ela. Estaba sentada xunto a unha árbore. Choraba desconsolada, ao mesmo tempo que a boca non paraba de tremerlle debido ao frío que ía. Non sabía que acontecera,  nin de que maneira podía ter chegado ata alí.
Xa na casa, e unha vez que Mariela entrou en calor, os seus pais comezaron a preguntarlle o que pasara. Pero Mariela non lembraba nada do acontecido esa noite. 

     Mencía Corral Ares ( 3º ESO A)







31/10/12

Para ler no Samaín

 Hoxe recomendámosvos a lectura do último libro de Agustín Fernández Paz: As fronteiras do medo , recentemente  incorporado aos fondos da nosa biblioteca.  Con este  título  tan suxestivo e apropiado para estes días de Samaín, a temática dos seis contos que o integran é doadamente deducible. Velaí un fragmento dun dos  relatos que leva por título  A Porta do Alén:

 Debe saber que no mundo hai determinados lugares, case sempre de carácter sagrado, que albergan as Portas do Alén. Reciben ese nome por seren  as que comunican o mundo dos humanos co dos espíritos superiores, que son inmortais de seu. Deuses, demos e outros seres do trasmundo utilízanas para introducirse no noso e influír na evolución da humanidade. Mais estas portas só abren unha noite do ano, a do último  día de outubro, cando comeza o ciclo anual en moitas civilizacións antigas.
Se unha persoa consegue entrar por algunha das Portas no momento en que abre e logra permanecer do outro lado durante un curto período de tempo, acadará a condición de inmortal. Mais corre un perigo terrible, como é o quedar atrapado no Alén, condenado a ser escravo de certas criaturas que alí viven. Por iso  debe regresar antes de que a porta se cerre de novo, coa certeza de que  volverá transmutada nunha persoa inmortal. (Fernández Paz, As fronteiras do medo, páx. 36)


A lectura de As fronteiras do medo  e o misterio da Porta do Alén agárdanvos. Quen se atreve a seguir lendo?

04/11/11

SE QUERES ENTRAR NO MUNDO DO MISTERIO...

 
... Pode que atopes o que buscas na Biblioteca do noso IES. Aínda andan movéndose entre nós os espíritos do Samaín, de Hallowen, do Día de Defuntos... e podes atopalos nada máis entrar neste espazo: están agochados nos libros e películas que hai sobre a mesa que está na entrada, só tes que collelos nas  mans e abrirlles as portas da túa imaxinación.
    Desexamos que estas lecturas e DVD sexan do voso agrado... e vos fagan tremer -por que non?- un pouquiño.

31/10/11

A festa do Samaín

A antiga festividade céltica do Samaín (pronunciado /ˈsˠaunʲ/ da lingua irlandesa antiga samain) foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, especialmente nas datas do 31 de outubro ó 1 de novembro, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e alén, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos.

Os celtas celebraban co Samaín o paso do ano, a fin do tempo das colleitas e, con el do ano vello, e o comezo do inverno e, con el, do ano novo. Igualmente, o Samaín era o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os familiares aínda vivos. Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume da lareira, polo que era costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira para non afastar as ánimas; por veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co seu servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa familiar. Coincidía así, nesta noite do 31 de outubro ó 1º de novembro, a festa do paso dun ano a outro, co momento da apertura ás ánimas do outro mundo.Disque, nestas mesmas datas, prendíanse lumes sagrados e que con esta cacharela inicial alimentábanse as lareiras de todas as casas. Estas fogueiras tamén podían cumprir o obxectivo de guiar os mortos na escuridade da noite e facilitarlles así que atopasen os seus fogares e os seus parentes.

Afírmase que polo Samaín era costume baleirar nabos de gran tamaño para pórlles dentro candeas, e esta tradición, conservada en Irlanda, puido ter sido exportada aos Estados Unidos de América polos irlandeses coas migracións a este país no século XIX e comezos do XX. De ser así, a tradición tería continuidade nas festas de Halloween, do que sería o seu precedente, nunha adaptación do Samaín na cultura estadounidense, semellante a un Entroido, na que os nabos foron substituídos por grandes cabazas. Co paso do tempo, a influencia cultural estadounidense no resto do mundo conseguiu que o Halloween regresase a Europa para converterse nunha festividade cada vez máis popular.

A partir da década de 1990, comezou a celebrarse en Galicia o Samaín, mantendo a denominación celta. O profesor Rafael López Loureiro é o principal defensor da tese da galeguidade desta festa. Para el, o costume sobreviviu en Galicia ata épocas relativamente recentes (polo menos ata hai uns 30 anos) en que esmoreceu para converterse, unicamente, nunha celebración do día de Defuntos. López Loureiro realizou un estudo no que recolle testemuñas e referencias documentais desta tradición e creou unha unidade didáctica que utilizou nos colexios de Cedeira e, pouco despois, de Santiago.

Segundo este investigador, a tradición esténdese por toda a antiga xeografía céltica europea. En España, está presente en localidades rurais de Asturias, Aragón, Cantabria, Castela e León ou Madrid. Respecto a Galicia, vieiros.com afirma que "atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando un folclore similar aínda que dándolles nomes diferentes". Comprobou que se mantiña vivo en Cáceres, na zona de fala galega, así como nas áreas galegofalantes de León e Zamora.

Xoán Xosé Pérez Labaca tamén defende a pervivencia do Samaín en Galicia, e escribe que "aquí era fai uns anos, nalgúns sitios aínda é, moi habitual polas vésperas do Día de Defuntos coller cabazas ... e facer con elas caras aterradoras cuns ollos e unha nariz abertos e colocando uns pauciños, como dentes, na feroz boca aberta, ás que se lle poñía dentro acendido un cabo dunha vela".

Outros autores, como Méndez Ferrín defenden, polo contrario, que se trata dunha falsa tradición, inexistente en Galicia ata esta recuperación, un "costume imposto polo imperialismo norteamericano", que se quere presentar como tradición céltica galega como froito dunha corrente ideolóxica celtista.

Sexa como for, o Samaín xa non está presente só en Cedeira. Ano tras ano outras localidades galegas únense a esta celebración que hoxe se pode ver en Santiago de Compostela, Ferrol, Narón, Palmeira, Ourense, Vigo, nas Rías Baixas, Cambados… Esta celebración formou parte da candidatura á declaración da UNESCO do patrimonio inmaterial galego-portugués na candidatura multinacional "As tradicións orais galego-portuguesas"

 Fonte: Galipedia, a Wikipedia en galego
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas