31/10/11

A festa do Samaín

A antiga festividade céltica do Samaín (pronunciado /ˈsˠaunʲ/ da lingua irlandesa antiga samain) foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, especialmente nas datas do 31 de outubro ó 1 de novembro, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e alén, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos.

Os celtas celebraban co Samaín o paso do ano, a fin do tempo das colleitas e, con el do ano vello, e o comezo do inverno e, con el, do ano novo. Igualmente, o Samaín era o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os familiares aínda vivos. Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume da lareira, polo que era costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira para non afastar as ánimas; por veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co seu servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa familiar. Coincidía así, nesta noite do 31 de outubro ó 1º de novembro, a festa do paso dun ano a outro, co momento da apertura ás ánimas do outro mundo.Disque, nestas mesmas datas, prendíanse lumes sagrados e que con esta cacharela inicial alimentábanse as lareiras de todas as casas. Estas fogueiras tamén podían cumprir o obxectivo de guiar os mortos na escuridade da noite e facilitarlles así que atopasen os seus fogares e os seus parentes.

Afírmase que polo Samaín era costume baleirar nabos de gran tamaño para pórlles dentro candeas, e esta tradición, conservada en Irlanda, puido ter sido exportada aos Estados Unidos de América polos irlandeses coas migracións a este país no século XIX e comezos do XX. De ser así, a tradición tería continuidade nas festas de Halloween, do que sería o seu precedente, nunha adaptación do Samaín na cultura estadounidense, semellante a un Entroido, na que os nabos foron substituídos por grandes cabazas. Co paso do tempo, a influencia cultural estadounidense no resto do mundo conseguiu que o Halloween regresase a Europa para converterse nunha festividade cada vez máis popular.

A partir da década de 1990, comezou a celebrarse en Galicia o Samaín, mantendo a denominación celta. O profesor Rafael López Loureiro é o principal defensor da tese da galeguidade desta festa. Para el, o costume sobreviviu en Galicia ata épocas relativamente recentes (polo menos ata hai uns 30 anos) en que esmoreceu para converterse, unicamente, nunha celebración do día de Defuntos. López Loureiro realizou un estudo no que recolle testemuñas e referencias documentais desta tradición e creou unha unidade didáctica que utilizou nos colexios de Cedeira e, pouco despois, de Santiago.

Segundo este investigador, a tradición esténdese por toda a antiga xeografía céltica europea. En España, está presente en localidades rurais de Asturias, Aragón, Cantabria, Castela e León ou Madrid. Respecto a Galicia, vieiros.com afirma que "atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando un folclore similar aínda que dándolles nomes diferentes". Comprobou que se mantiña vivo en Cáceres, na zona de fala galega, así como nas áreas galegofalantes de León e Zamora.

Xoán Xosé Pérez Labaca tamén defende a pervivencia do Samaín en Galicia, e escribe que "aquí era fai uns anos, nalgúns sitios aínda é, moi habitual polas vésperas do Día de Defuntos coller cabazas ... e facer con elas caras aterradoras cuns ollos e unha nariz abertos e colocando uns pauciños, como dentes, na feroz boca aberta, ás que se lle poñía dentro acendido un cabo dunha vela".

Outros autores, como Méndez Ferrín defenden, polo contrario, que se trata dunha falsa tradición, inexistente en Galicia ata esta recuperación, un "costume imposto polo imperialismo norteamericano", que se quere presentar como tradición céltica galega como froito dunha corrente ideolóxica celtista.

Sexa como for, o Samaín xa non está presente só en Cedeira. Ano tras ano outras localidades galegas únense a esta celebración que hoxe se pode ver en Santiago de Compostela, Ferrol, Narón, Palmeira, Ourense, Vigo, nas Rías Baixas, Cambados… Esta celebración formou parte da candidatura á declaración da UNESCO do patrimonio inmaterial galego-portugués na candidatura multinacional "As tradicións orais galego-portuguesas"

 Fonte: Galipedia, a Wikipedia en galego

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas