Amosando publicacións coa etiqueta - Día das Artes Galegas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta - Día das Artes Galegas. Amosar todas as publicacións

05/04/19

DÍA DAS ARTES GALEGAS

  
       Luís Seoane foi o artista homenaxeado neste ano 2019 no Día das Artes Galegas, que se celebrou  o  pasado 1 de abril.  As súas obras decoran dende hai anos o noso centro convertendo a súa mensaxe visual nunha imaxe da nosa realidade cotiá. Curtisbiblio quere sumarse á homenaxe a  este artista plural que é ademais unha personalidade esencial para coñecer a nosa historia. 

 O recoñecemento de Seoane  como homenaxeado no Día das Artes Galegas sucede ao Mestre Mateo (2015), Castelao (2016), Maruxa Mallo (2017) e Alejandro de la Sota (2018). Deste xeito a Academia busca afondar nas múltiples facetas do artista, nacido en Bos Aires e finado na Coruña en 1979: teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante ou pintor foi "esencial no Laboratorio de Formas e na creación dunha nova imaxe de Galicia baseada na interacción tradición-innovación a través das industrias da memoria, como Sargadelos ou O Castro", destaca a institución.

 Pero Seoane é moito máis que un artista plástico: a través da  súa vida podemos percorrer os grandes acontecementos sociais, culturais e políticos da historia do século XX en Galicia e tamén a evolución das vangardas artísticas. En 1910 naceu en Bos Aires, nun fogar de emigrantes galegos. En 1916 volveu cos seus pais a Galicia, instalándose en A Coruña, onde realizou os seus primeiros estudos. Esquerdista, foi membro do Partido Galeguista e participou na campaña do Estatuto de Autonomía de 1936. Tralo Golpe de Estado do 18 de xullo, mantívose agochado durante uns meses ata que en setembro de 1936 puido exiliarse a Buenos Aires vía Lisboa. Alí fixou a súa residencia e traballou no consulado republicano. Nos anos seguintes foi un gran dinamizador da cultura galega no exilio. En 1940 funda as coleccións “Hórreo” e “Dorna” en EMECÉ Editores e en 1943 a revista Correo Literario e a Editorial Nova, e en 1948 funda a editorial Botella al Mar. Entre 1952 e 1962 funda a revista Galicia Emigrante e a editorial Citania. Foi tamén cofundador do Laboratorio de Formas de Galicia, de Sargadelos e do Museo Carlos Maside.

"A súa obra, vasta e diversificada, o seu pensamento aberto, as súas iniciativas, convérteno nun personaxe destacado no panorama da cultura galega e española do século XX, que axudou a construír co seu esforzo, o seu talento e o seu compromiso", destaca a Academia, que sinala que "a obra de Seoane é unha simbiose entre o afán por evocar a arte tradicional de Galicia, manifestado a través dos petróglifos e da enorme presenza do románico, e a arte das vangardas históricas". Na súa primeira etapa como pintor e debuxante viuse influído polo expresionismo alemán (Grosz, Otto Dix), os estudos de Lissitstzky, a metodoloxía da Bauhaus e, en maior medida, polo traballo de Pablo Picasso. Os soportes utilizados para expresar a súa creatividade, alén da práctica da pintura, van desde o gravado en todos os seus aspectos (xilografía, litografía, etc.), o debuxo, o muralismo, o deseño gráfico (carteis, portadas de libros) e mesmo o labor editorial.



03/04/17

DÍA DAS ARTES GALEGAS

       
O pasado 1 de abril celebrouse a terceira edición do Día das Artes Galegas. O primeiro ano estivo dedicado ao Mestre Mateo e o segundo a Castelao. Nesta ocasión, Maruxa Mallo, unha das pintoras galegas máis recoñecida a nivel internacional pero case unha descoñecida na nosa terra, foi a  artista escollida para renderlle homenaxe.

        Ana María Gómez González, máis coñecida como Maruxa Mallo, naceu no ano 1902 en Viveiro. O seu pai era funcionario de aduanas e este feito fixo que a residencia familiar se fixase en varias provincias españolas, ata a definitiva instalación en Madrid en 1922. Anos máis tarde, ingresa na Academia de Belas Artes e comeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española,  e que conformarían a chamada  Xeración do 27.  Alí coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudiantes, onde estreita lazos de amizade  con  Federico García Lorca,  Luís Buñuel e, en especial, con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa.  Dedicarase á pintura, xa definida como a súa vocación, combinándoa coa ilustración de  portadas de libros e colaboracións en revistas como La Gaceta Literaria ou Revista de Occidente. Grazas a unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos, en 1932, viaxa a París, onde entra en contacto co surrealismo a través de artistas como René Magritte, Joan Miró ou Giorgio de Chirico. Alí expón a súa obra e recibe o recoñecemento de André Bretón e do propio Picasso. O golpe de estado de 1936 sorpréndea en Galicia e vese obrigada a refuxiarse na casa dun familiar, onde permanece agochada varios meses. O seu compromiso coa causa republicana faille temer a posibilidade de ser vítima da represión. En 1937 consegue trasladarse a Portugal e, dende  alí,  viaxar a América.  Os anos do exilio vividos na Arxentina e nos Estados Unidos marcan a vida e, por extensión, a súa obra: a maioría dos rostros que adoitaba debuxar aparecen carentes de expresión.  No ano 1960 decide regresar a España, onde transcorren os últimos anos da súa vida. O seu falecemento prodúcese no ano 1995 en Madrid, deixando a pegada dunha artista surrealista a nivel universal. 

 
 Maruxa Mallo foi unha autora feminista e de ideas adiantadas ao seu tempo. “Non fago máis que copiar a realidade”, indicaba a propia artista, quen facía fincapé na idea de que pintar é tentar retratar o que se observa. Mais a súa creatividade non ficaba relegada ao seu traballo, senón que ela mesma semellaba ser unha personaxe extraída das súas propias obras: a pintura na cara, a vestimenta, a orixinalidade... Foi, sen dúbida, unha figura avanzada para a época que lle tocou vivir. Unha muller libre e con grande personalidade que soubo abrirse camiño nun mundo onde os homes eran os que se estaban presentes nos libros, nos museos e nos recoñecementos artísticos.

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas