03/04/17

DÍA DAS ARTES GALEGAS

       
O pasado 1 de abril celebrouse a terceira edición do Día das Artes Galegas. O primeiro ano estivo dedicado ao Mestre Mateo e o segundo a Castelao. Nesta ocasión, Maruxa Mallo, unha das pintoras galegas máis recoñecida a nivel internacional pero case unha descoñecida na nosa terra, foi a  artista escollida para renderlle homenaxe.

        Ana María Gómez González, máis coñecida como Maruxa Mallo, naceu no ano 1902 en Viveiro. O seu pai era funcionario de aduanas e este feito fixo que a residencia familiar se fixase en varias provincias españolas, ata a definitiva instalación en Madrid en 1922. Anos máis tarde, ingresa na Academia de Belas Artes e comeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española,  e que conformarían a chamada  Xeración do 27.  Alí coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudiantes, onde estreita lazos de amizade  con  Federico García Lorca,  Luís Buñuel e, en especial, con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa.  Dedicarase á pintura, xa definida como a súa vocación, combinándoa coa ilustración de  portadas de libros e colaboracións en revistas como La Gaceta Literaria ou Revista de Occidente. Grazas a unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos, en 1932, viaxa a París, onde entra en contacto co surrealismo a través de artistas como René Magritte, Joan Miró ou Giorgio de Chirico. Alí expón a súa obra e recibe o recoñecemento de André Bretón e do propio Picasso. O golpe de estado de 1936 sorpréndea en Galicia e vese obrigada a refuxiarse na casa dun familiar, onde permanece agochada varios meses. O seu compromiso coa causa republicana faille temer a posibilidade de ser vítima da represión. En 1937 consegue trasladarse a Portugal e, dende  alí,  viaxar a América.  Os anos do exilio vividos na Arxentina e nos Estados Unidos marcan a vida e, por extensión, a súa obra: a maioría dos rostros que adoitaba debuxar aparecen carentes de expresión.  No ano 1960 decide regresar a España, onde transcorren os últimos anos da súa vida. O seu falecemento prodúcese no ano 1995 en Madrid, deixando a pegada dunha artista surrealista a nivel universal. 

 
 Maruxa Mallo foi unha autora feminista e de ideas adiantadas ao seu tempo. “Non fago máis que copiar a realidade”, indicaba a propia artista, quen facía fincapé na idea de que pintar é tentar retratar o que se observa. Mais a súa creatividade non ficaba relegada ao seu traballo, senón que ela mesma semellaba ser unha personaxe extraída das súas propias obras: a pintura na cara, a vestimenta, a orixinalidade... Foi, sen dúbida, unha figura avanzada para a época que lle tocou vivir. Unha muller libre e con grande personalidade que soubo abrirse camiño nun mundo onde os homes eran os que se estaban presentes nos libros, nos museos e nos recoñecementos artísticos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas