Luís
Seoane foi o artista homenaxeado neste ano 2019 no Día das Artes Galegas,
que se celebrou o pasado 1 de abril. As súas obras decoran dende hai anos o noso
centro convertendo a súa mensaxe visual nunha imaxe da nosa realidade cotiá.
Curtisbiblio quere sumarse á homenaxe a
este artista plural que é ademais unha personalidade esencial para coñecer
a nosa historia.

Pero Seoane é moito máis que un artista
plástico: a través da súa vida podemos
percorrer os grandes acontecementos sociais, culturais e políticos da historia
do século XX en Galicia e tamén a evolución das vangardas artísticas. En 1910
naceu en Bos Aires, nun fogar de emigrantes galegos. En 1916 volveu cos seus
pais a Galicia, instalándose en A Coruña, onde realizou os seus primeiros
estudos. Esquerdista,
foi membro do Partido Galeguista e participou na campaña do Estatuto de
Autonomía de 1936. Tralo
Golpe de Estado do 18 de xullo, mantívose agochado durante uns meses ata que en
setembro de 1936 puido exiliarse a Buenos Aires vía Lisboa. Alí fixou a súa
residencia e traballou no consulado republicano. Nos
anos seguintes foi un gran dinamizador da cultura galega no exilio. En 1940 funda as coleccións
“Hórreo” e “Dorna” en EMECÉ Editores e en 1943 a revista Correo Literario e a
Editorial Nova, e en 1948 funda a editorial Botella al Mar. Entre 1952 e 1962
funda a revista Galicia Emigrante e a editorial Citania. Foi tamén cofundador
do Laboratorio de Formas de Galicia, de Sargadelos e do Museo Carlos Maside.
"A súa obra, vasta e diversificada, o seu pensamento aberto, as súas
iniciativas, convérteno nun personaxe destacado no panorama da cultura galega e
española do século XX, que axudou a construír co seu esforzo, o seu talento e o
seu compromiso", destaca a Academia, que sinala que "a
obra de Seoane é unha simbiose entre o afán por evocar a arte tradicional de
Galicia, manifestado a través dos petróglifos e da enorme presenza do románico,
e a arte das vangardas históricas". Na súa primeira etapa como pintor e debuxante viuse influído polo
expresionismo alemán (Grosz, Otto Dix), os estudos de Lissitstzky, a
metodoloxía da Bauhaus e, en maior medida, polo traballo de Pablo Picasso. Os
soportes utilizados para expresar a súa creatividade, alén da práctica da
pintura, van desde o gravado en todos os seus aspectos (xilografía, litografía,
etc.), o debuxo, o muralismo, o deseño gráfico (carteis, portadas de libros) e
mesmo o labor editorial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario