07/02/12

Recoñecemento para os servizos e os equipos de normalización lingüística por parte dos/as escritores/as

A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) acordou concederlle o seu premio anual de institucións aos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos e aos equipos de normalización e dinamización da lingua (ENDL) dos centros de ensino

 Na súa asemblea anual, que tivo lugar o pasado 4 de febreiro, a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG), decidiu outorgarlle o Premio AELG para institucións aos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos e aos equipos de normalización e dinamización da lingua (ENDL) dos centros de ensino, galardón que se entregará na Cea das Letras que terá lugar o 5 de maio.

Segundo sinalan desde fontes da AELG, concédenlle este premio aos SNL e mais aos ENDL, "como xusto e merecido recoñecemento a un sector social e profesional que leva décadas a traballar arreo polo avance en materia de normalización lingüística, ás veces visíbel e outras moitas silente". Deste xeito, a asociación que representa os escritores e as escritoras en galego "apoia o seu labor comprometido para coa lingua de noso, sempre necesario e agora máis xustificado que nunca neste presente incerto, e anima para a súa continuidade como garante imprescindíbel dun futuro que o noso país merece e precisa".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas