17/10/20

OLGA NOVO, PREMIO NACIONAL DE POESÍA

     A escritora galega Olga Novo vén de ser galardoada co prestixioso Premio Nacional de Poesía. A obra premiada, que leva por título Feliz Idade, foi publicada en 2019 pola editorial  Tambo. Este poemario recolle as vivencias da autora durante sete intensos anos nos que experimentou  a enfermidade  e morte do seu pai. Mais a vida está chea de contradicións, de risas e choros... e a poeta  nesta época tamén sentiu a dozura do seu embarazo. Deste xeito, nos seus poemas atopamos a  fermosura da concepción da súa filla que traza un camiño inverso ao do seu avó na vida.



 

     O campo, a natureza e o traballo recrean escenarios labregos entroncados na Galicia rural que están presentes ao longo de toda a obra. As casualidades do destino fixeron que a autora recibise a noticia da concesión do premio o 15 de outubro, Día  Internacional da Muller Rural, como unha mostra máis de recoñecemento á súa contribución neste eido.

      Velaquí unha pequena mostra dese fermoso canto á vida e á morte co que a escritora nos agasalla:

A chuvia imita á miña forma de quererte

é como unha amante

que desexo para ti

que te faga feliz

a tódalas horas.

Oxalá non durmas só

mentres eu durmo sen ti.

Ámala porque amas

coma min

as cousas belas.

                                                         --------------------

Dicir por exemplo

que virá a morte e terá os teus ollos

dicir que unha ten nostalxia das branquias

e que un tigre de tenrura

dicir o Pracer guiando o pobo

dicir e non arder… Como se pode?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas