A literatura galega vístese de gala, xa que Agustín Fernández Paz vén de ser galardoado co VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil na cidade de Guadalajara (Méjico).
O premio, dotado con 30.000 dólares (uns 22.000 euros), recoñece a traxectoria de autores de recoñecido prestixio. Convócao anualmente o Instituto SM para a Educación xunto coas institucións que conforman a Asociación do Premio: Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), International Board on Books for Young People (IBBY), Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC).
Agustín, que sempre escribe en galego porque segundo ten manifestado en distintas ocasión esta é a súa lingua habitual e literaria, é premio nacional de literatura infantil e xuvenil en España (2008) pola súa obra O único que queda é o amor. El non concorda con aqueles que pensan que escribir nunha lingua minorizada pecha portas, e este galardón vén darlle unha vez máis a razón.
Grazas, Agustín, por volvernos facer sentir universais dende a nosa lingua e a nosa cultura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario